O Pontevedra sae vivo de San Lázaro

O Pontevedra é o primeiro equipo que consegue saír vivo de San Lázaro dende que Fredi tomou os mandos do Compos fai xa máis dun mes. O equipo granate é o segundo que volve para casa con puntos despois do empate sen goles contra o Depor B. Ademais son os primeiros en conseguir bater a Adrián dende o troco de adestrador, aínda que foi por unha actuación arbitrar para moitos pésima. 
Dende o comezo, o Compos tivo o control do esférico e do partido. Ocasións claras a prol da Esedé pero ningunha sen chegar a bo porto. Ademais, o asistente fixo das súas en numerosas xogadas sinalando algún que outro fóra de xogo inexistente de Joselu cos que quedaría so diante do porteiro. 
Nunha xogada así, na que nin o '22' parecía que non cría que o asistente non sinalara un fóra de xogo máis, chegou o gol da Esedé. Media hora de xogo e Joselu volveu a facer das súas superando ao gardameta e sumando un novo gol máis para a súa conta... e xa van 17, algo moi lonxe do pensado a principios de tempada. 
O gol foi sucedido de algunha boa ocasión máis. Tanto Martín, que fixo un gran partido, como Joselu, tiveron boas oportunidades para facer o segundo e afrontar o segundo tempo con algo máis de tranquilidade. Sen embargo, Lloves evitou cada unha das ocasións e deu esperanzas aos seus para a segunda metade. 
A segunda metade comezou sendo un calco da primeira co único troco de que os branquiazuis non puideron facer ocasións con tanta facilidade. Pola súa parte, o Pontevedra foi comendo terreo e creando perigo co paso do tempo. Ademais, e para empeorar o partido, o equipo botouse atrás e os granates puxeron en serios apuros a Adrián. 
E falta de cinco minutos chegou o menos esperado. O Compos intentou aguantar o marcador e nunha xogada perigosa na que Stefan quedaba so ante o gardameta compostelanista, Germán chegou tarde e o xogador granate tirouse ao mínimo contacto coa fortuna de que o colexiado foi o único que viu o penalti. Dende os once metros non errou Santi Domínguez para facer o empate. 
Un punto, o mesmo que o que sumou o Celta B na visita a As Pontes e próximo partido no que a Esedé pode poñerse segundo se consegue sumar os tres puntos na visita a Vigo.

ALIÑACIÓN: Adrián; Borja, Manuel Castiñeiras, Germán, Jimmy (Kolman, min. 83); Gonzalo, Mariño (Bautista, min. 68), Manu, Jacobo, Martín (Uru, min. 61); e Joselu.
CARTÓNS: Amarelos para Gonzalo, Germán, Bautista e Borja.
GOLES: 1-0 29' Joselu, 1-1 85' Santi Domínguez. 
ESTADIO: San Lázaro. Boa entrada con máis de 1.000 afeccionados e a presenza da peña pontevedresa 'Furya Granate'.

Ningún comentario:

Publicar un comentario