"Novo adestrador, victoria segura"

Hai un dito popular no mundo do fútbol que case asegura que cun novo adestrador, o primeiro partido remata con victoria segura. Un dito que agardemos que se cumpra esta fin de semana nunha nova saída do Compos. Un novo partido fóra da casa pero non moi lonxe de Santiago: Negreira. Un partido contra vellos coñecidos moi queridos pola afección. 
Dous equipos que suman os mesmos puntos divididos en 4 victorias, 2 empates e 4 derrotas. Dous equipos que a esas alturas de tempada suman 20 e 13 goles respectivamente. Dous equipos que nos farán disfrutar en grande dun partido que case podería ser clasificado como derbi. 
O Negreira é 15º con 14 puntos. Un mal arranque na Liga do equipo nicrariense sen sumar a primeira victoria ata a cuarta xornada fai que o feito nas últimas xornadas poda ser máis rechamante. Desde a cuarta xornada, sumaron catro victorias, un empate e dúas derrotas. Ademais, como locais só caeron contra o Somozas na segunda xornada e sumaron dous empates ante Barbadás e Céltiga. Sen embargo, teremos diante a un rival que xa superou ao Pontevedra no García Calvo.
Ademais, o partido terá algo moi especial. Rego e Paco, dous dos xogadores máis queridos pola afección compostelanista militan no Negreira tras a súa marcha do Compos. Dous xogadores moi importantes no ascenso do noso equipo a Terceira e no caso de Rego tamén a Segunda B fai xa uns anos.
En canto ás baixas, Fredi non poderá contar no seu primeiro partido con Diego Peláez e Martín por lesión e Mariño por sanción. Ademais Christian e Jimmy serán dúbida ata última hora. Pola súa parte, o adestrador do Negreira, Javi Oreiro, non poderá contar con Diego Otero por sanción. 
O encontro será no García Calvo de Negreira este domingo ás 16:30 horas, algo cedo para os afeccionados santiagueses que queiran ir con tempo a ver a primeira victoria do Compos lonxe de San Lázaro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario