O Compos sumou por fin a primeira victoria lonxe da casa. Partidazo do equipo que, por primeira vez, estivo baixo o mando de Fredi. Ademais, Joselu volveu a sumar dous goles máis e xa suma 13 en 8 partidos, algo complicado de igualar. Para mellorar o día, o noso equipo remata a xornada a só dous puntos da promoción de ascenso, postos que ocupan o Somozas e o As Pontes. E ante o Compos estiveron, no Negreira, Paco e Rego, que saíron no once inicial.
Os branquiazuis saíron desde o primeiro minuto cunha mentalidade moi diferente á dos partidos con Anxo no banco. A fame aumentou notablemente e as ocasións chegaron dende o primeiro minuto. Ademais, un gran Manu Rodríguez en labores ofensivas provocou as tres primeiras ocasións claras coas que avisar ao gardaredes do conxunto nicrariense.
Pero o encargado de facer o primeiro non foi outro que o máximo goleador de España. Tras un centro de Louro, Joselu fixo o primeiro da tarde coa cabeza. Gol imparable co que suma doce dianas no que vai de tempada... Algo que ninguén en toda España o fai, nin sequera en Primeira división.
O segundo tempo comezou de moi boa maneira. Unha falta de Diego Gesto sobre Franqueira dentro do área significou o segundo gol de Joselu no partido, décimo terceiro no que vai de campeonato, dende os once metros. Un gol co que, a falta de corenta minutos, xa case se podería dicir que sentenciaba o partido.
O Negreira puido recortar distancias cunha boa chegada ante a que ben meteu a man Adrián para evitar o primeiro dos locais. E, a falta de cinco minutos para o final do encontro, Manuel Castiñeiras fixo o terceiro e definitivo co que sentenciar os tres primeiros puntos a domicilio deste curso.
ALIÑACIÓN: Adrián; Facal, Castiñeiras, Germán (Rendo, min. 45), Jimmy (Bautista, min. 84); Manu Rodríguez, Gonzalo; Louro (Uru, min. 54), Franqueira, Jacobo Tato; e Joselu.
CARTÓNS: Amarelos para Gonzalo, Adrián e Rendo.
GOLES: 0-1 39' Joselu, 0-2 51' Joselu, 0-3 84' Manuel Castiñeiras.
ESTADIO: García Calvo. 700 espectadores.
Ningún comentario:
Publicar un comentario