Cuarta consecutiva e un posto máis

O Compos sumou hoxe a cuarta victoria consecutiva cun Joselu superlativo. Tres puntos máis a domicilio que fan que o noso equipo reciba a próxima semana ao Pontevedra desde a terceira posición, a tres puntos do Celta B. A mala nova do partido foi a lesión de Franqueira, que tivo que retirarse mancado despois de pisar mal. 
O Narón, como era de agardar, saiu coa intención de dar a sorpresa, a matar. Pola súa parte, o Compos fíxoo como sempre, con tranquilidade. Ante as intencións de perigo locais, a defensa compostelanista estivo segura en todo o partido, como o está a ser desde a chegada de Fredi. E no outro lado do campo Joselu volveu a facer das súas xa ao cuarto de hora de xogo. 
O máximo goleador da categoría ampliou a súa conta despois dun bo pase longo. Controlou e cun regate plantouse diante do porteiro e superouno como só el sabe. Calidade para transformar o primeiro tanto do encontro, o quince na súa conta persoal no que vai de tempada.
Co gol, o Narón xa non fixo máis no primeiro tempo. Media hora por diante no que o Compos puido estar como quixo sobre o terreo de xogo pero sen conseguir crear perigo importante. Ademais, chegou a peor nova do partido coa lesión no nocello de Franqueira, que tivo que deixar o seu posto a Nogueira antes de tempo.
Na segunda metade, o partido cambiou a peor. O Narón non deixou xogar ao Compos a base de faltas e viceversa. O colexiado interrumpiu o xogo e mostrou un bo número de cartóns entre xogadores dos dous equipos. 
Sen embargo, nos dez últimos minutos volveu a cambiar o partido e a Esedé tomou de novo o mando do encontro. Dous goles máis para sentenciar aínda que non moi merecidos visto o partido no segundo tempo. Joselu dende os once metros e Nejc Kolman a pase de Manu Rodríguez pecharon a goleada. 

ALIÑACIÓN: Adrián; Facal, Castiñeiras, Rendo, Jimmy (Bautista, min. 81); Gonzalo, Mariño; Manu Rodríguez, Jacobo Tato (Nejc Kolman, min. 76), Franqueira (Nogueira, min. 22); e Joselu.
CARTÓNS: Amarelos para Castiñeiras, Facal, Mariño e Manu. 
GOLES: 0-1 16' Joselu, 0-2 81' Joselu, 0-3 91' Kolman.
ESTADIO: Río Seco. 100 persoas aproximadamente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario