Amosando publicacións coa etiqueta Previa 20 21. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Previa 20 21. Amosar todas as publicacións

Punto e final

 A tempada chega ao seu fin e con el unha categoría que morre para dar vida a dúas novas. Unha Segunda B diferente, con menos partidos, moi reducida por mor da pandemia e que chegou nun momento complicado deixando, en moitos casos, aos afeccionados fóra dos campos. Uns afeccionados que non puidemos ver ao Compos gañando na casa en todo este curso, facéndoo con aforo reducido en ata dúas ocasións, e que teremos a oportunidade de ver a derradeira xornada dende a casa e, oxalá, a primeira vitoria desta segunda fase así como a última nun curso onde os nosos se aboaron ao empate.

 Só queda desfrutar. 

 Noventa minutos por diante e tanto Compos coma Langreo non teñen nada polo que pelexar. Os dous fóra das opcións de estar a vindeira tempada na Primeira RFEF e, moi posiblemente, rivais no mesmo grupo na Segunda RFEF, chegan a esta fin de semana coa única misión de darlle unha última vitoria aos seus afeccionados. 

 Un enfrontamento que acabou con empate moi polémico na primeira volta e no que os nosos buscarán asinar o merecido naquel partido marcado pola actuación arbitral. A maiores, pouco máis fixeron os dous equipos sumando o Langreo un triunfo, fronte ao Deportivo, e ningún os nosos polo momento dende a visita a Pasarón. 

 A esquecer as derrotas. 

 Na pasada fin de semana, tanto Compos coma Langreo non foron quen de sumar ningún punto. Tampouco de marcar gol. Os nosos despediron o Vero Boquete cunha derrota pola mínima fronte ao Marino de Luanco mentres que os asturianos sairían de Riazor cunha goleada coa que o Deportivo asinaría o ascenso á Primeira RFEF de xeito matemático. 

 Nun partido con pouco ritmo, sen intensidade nin nada en xogo, Compos e Marino saíron a despedir a tempada nun partido marcado polas ocasións perdoadas por Primo e o único gol visitante co que sacarían tres puntos deixando atrás o último posto da clasificación do grupo 1-D.

 Máis había en xogo en Riazor, onde o Depor estaba obrigado a gañar para chegar á última xornada sen presión. Os coruñeses non defraudaron e fixeron o mellor partido da tempada contra un Langreo relaxado e que marchou á casa con cinco goles no peto. Un triunfo importante que nos deixa xa ao primeiro ascendido a esa nova categoría. 

 Homenaxe aos rapaces. 

 No partido contra o Marino de Luanco, na despedida no Vero Boquete, non só houbo a posibilidade de desfrutar dos 'neniños' ata a vindeira tempada senón que, ademais, tivemos a oportunidade de homenaxear ao Xuvenil A, recén ascendido a División de Honra. Axel Lim e Manu Rivas, que por fin puido estrearse, tiveron minutos e esta fin de semana poderían viaxar a Langreo para entrar nas rotacións. 

 Esas rotacións veñen dadas polas baixas, xa coñecidas. Josiño, Hugo Sanmartín, Juampa e Joel, xa co grupo, non estarán este sábado no Nuevo Ganzábal e as súas posicións poderían ocupalas algúns dos rapaces do xuvenil que, nun futuro, apuntan ao primeiro equipo branquiazul. 

 A maldición de Footters? 

 Coa volta do Compos á Segunda B, volveu Footters a emitir partidos dos nosos. Non obstante, nesta ocasión non se podería vivir ningunha vitoria branquiazul nesa plataforma como si pasou hai varios anos cando eran os partidos no Vero Boquete os escollidos por esta canle. 

 Unionistas, Guijuelo, Salamanca, Zamora, Marino e Numancia. Seis ocasións, ata o momento, nas que tivemos que pagar para ver aos nosos lonxe do Vero Boquete e seis partidos nas que a Esedé non sería quen de gañar. Derrotas nas dúas citas en Salamanca e Soria e empates nos demais deixan unha curiosidade que podería rematar esta fin de semana. 

 Acabamos un sábado. 

 Co domingo xogándose todo o importante, o sábado queda para os equipos que terán que pelexar por acabar con boas sensacións. Unha cita que dará comezo ás 18 horas no Nuevo Ganzábal de Langreo e que só poderá verse a través de Footters. A parte, poderá seguirse a través das contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube. 

Moito que agradecer

 Chega o fin. Quedan dúas xornadas e este domingo, os nosos buscarán pechar unha mala xeira na despedida oficial do Vero Boquete da Segunda división B estreándose a vindeira tempada na Segunda RFEF. Diante, un Marino de Luanco que tamén chega en horas baixas mais, ao igual que os nosos, co obxectivo cumprido na fase regular desta campaña atípica. Un partido que servirá de despedida para o equipo e, quen sabe, se para moitos xogadores que estarán o vindeiro curso en categorías superiores, algo que gañaron a pulso sobre o verde. 

 Dúas xeiras a cambiar.

 Compos e Marino de Luanco chegan nun momento complicado con dúas xeiras negativas coas que acabar. Dous malos momentos polos que pasan dende algo antes do final da primeira fase, cando xa cumprían co obxectivo de xeito matemático e que poderían pechar esta mesma fin de semana. 

 Por parte dos nosos, o equipo suma xa máis de dous meses sen gañar. Dende a vitoria en Pasarón, complicada e moi traballada, o equipo non volveu sumar de tres. Derrotas contra Celta B e Numancia, neste caso por partida dobre, e empates fronte Zamora, Salamanca, Marino e Langreo para sumar xa sete partidos sen coñecer o triunfo malia ter grandes opcións, sobre todo nas últimas citas. 

 A xeira do Marino vai un paso máis alá. O equipo asturiano non marca ningún gol dende a primeira xornada de marzo, unha semana despois da nosa visita a Pontevedra. Seis partidos sen gol dos que puideron sacar tres empates, correspondentes aos partidos xogados en Miramar.

 Pleno de vitorias.

 Tres foron as visitas do Marino de Luanco a San Lázaro e tres foron, tamén, os triunfos branquiazuis. Un pleno de vitorias para os nosos nos enfrontamentos contra os luanquinos nunha serie que comezou hai xa case 20 anos e que continuará, se galegos e asturianos volven compartir grupo, na Segunda RFEF. 

 En 2002 chegaría a maior goleada dos nosos cun 5-1 no que marcarían Pignol, Adriano, Chema e Maikel, por partida dobre, mentres que Fermín asinaría o tanto visitante. En 2014, sería Joselu o que marcaría os dous goles que darían a vitoria branquiazul mentres que Dani Previda sumaría para os seus. E en 2015 sería Borja Navarro o autor dos dous únicos goles do partido na única visita, ata agora, na que o Marino non sería quen de marcar gol. 

 Ao anterior hai que engadir o resultado da primeira volta, en Luanco, onde os nosos non puideron gañar malia contar cun penalti no ecuador do segundo tempo e parado polo gardameta local a tiro de Juampa. Un partido difícil do que sacar un punto insuficiente. 

 Un partido tranquilo? 

 Nas dúas últimas xornadas, o Compos foi un tanto perxudicado pola actuación arbitral. Dous partidos que deixaron sen ningunha opción posible de pelexar aos nosos sobre o verde acabando con só 1 punto dos últimos 6 posibles. 

 No Vero Boquete, o equipo pechaba a primeira volta desta segunda fase contra o Langreo. Un partido no que o Compos estaba a ser algo mellor e cun resultado máis que favorable malia os constantes erros arbitrais do colexiado principal. Non obstante, o esperpento chegou ao final. Minuto 95 e sinala un suposto penalti sen razón algunha e que non desaproveitaría o conxunto asturiano. 

 A cousa non quedou aí. En Soria, os primeiros minutos de partido deixaron dous erros importantes que marcaron un partido no que os nosos acabarían por baixar os brazos no segundo tempo. Un penalti a prol do Numancia aos cinco minutos, cando a falta real era en ataque, e outro, claro, non sinalado sobre Miki só un par de minutos máis tarde. Dúas accións que poderían ter cambiado o sino do encontro. 

 Grazas! 

 Un equipo sen grandes trocos con respecto á pasada tempada, na que competiron e arrasaron na Terceira división, chega a este treito final de curso con só 5 derrotas no total. Un equipo, que por unha razón ou outra, convertiuse nun experto nos empates e que foi quen de competir ao máximo nivel en cada campo convertíndose nun gran exemplo de bo xogo para cada adestrador que se enfrontou aos nosos eloxiando a Yago e aos neniños. 

 Cinco anos do comezo desta 'Era Yago Iglesias' e que, oxalá, poidamos falar de máis tempo co adestrador no clube, obxectivo principal para a directiva. E agora, este domingo, é momento de agradecer a esta xente todo o feito polo clube levándonos ata a Segunda B e facéndonos soñar ata o final. 

 Juampa, fóra ata final de tempada. 

 Quedan dúas xornadas e xa se pode falar da baixa segura de Juampa. O extremo sufre unha rotura de fibras e estará entre dúas ou tres semanas fóra sendo unha ausencia confirmada. Pola súa parte, Hugo Sanmartín e Joel xa fan traballo co grupo. En canto ás novidades, Baleato volve logo dunha semana de sanción. 

 Domingo de despedida. 

 A derradeira cita da Segunda B que se vivirá no Vero Boquete chegará este domingo ás 17 horas. Un partido para o que o clube puxo á disposición dos aboados un total de 1.000 entradas e as que non se repartiron están xa dispoñibles para o público xeral. Por contra, para quen non poida asistir, o partido poderá verse a través da TVG2, seguirse nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube e escoitarse en 'Esedé Radio, en Twitch. 

A desfrutar do que queda

 As opcións do Compos de xogar na Primeira RFEF a vindeira tempada xa desapareceron, por varias razóns, e agora só quedan tres partidos para desfrutar do final desta Segunda B. Un final de festa, co obxectivo máis que cumprido, nun campo histórico como é Los Pajaritos para medirnos a un Numancia que segue metido na pelexa e que buscará os tres puntos máis importantes da tempada. 

 Poden depender de si mesmos. 

 Pouco máis hai que dicir do Numancia que non se dixera hai tres semanas. Un equipo que non puido cumprir as expectativas na primeira fase pero si foi quen de salvar a categoría pasando a ser un dos favoritos para estar a vindeira campaña na Primeira RFEF, categoría da que xa se saben novas cousas coas que se profesionalizará nos vindeiros cursos. Non obstante, para iso deben gañar aos nosos en Soria puidendo depender de si mesmos nas dúas últimas xornadas. 

 En Los Pajaritos, conseguiron 6 triunfos destacando os conseguidos contra os dous rivais asturianos desta segunda fase e contra o Racing de Ferrol na segunda fase. Valladolid Promesas e Sporting B serían quen de saír cun empate mentres que Cultural Leonesa e Burgos conseguirían os tres puntos sendo as dúas únicas citas nas que os sorianos non verían gol diante da súa afección. 

 As opcións. 

 Se ben é certo que o Compos xa non ten ningunha posibilidade real de clasificarse logo de non poder gañar ningún partido nos dous últimos meses, algún con axuda en contra, o Numancia aínda depende de si mesmo para poder ser equipo da nova categoría e iso é algo do que hai que falar. 

 No caso de gañar, os de Alex Huerta dependerán de si mesmos e as súas opcións pasarían por gañar na Malata a vindeira xornada, superando así ao Racing na clasificación e xogando contra o Depor o ascenso. Unha posibilidade que se complica no caso de empate e o Racing gaña o seu partido, pasando todo polas dúas últimas xornadas. Nestas dúas posibilidades tamén se atopa un Depor que lles saca de vantaxe ata catro puntos, con nove en xogo. 

 A última posibilidade está nunha derrota do Numancia. Se o Racing non gaña, as posibilidades pasarían, unha vez máis, pola Malata. No caso de que o Racing gañe, os de Ferrol poderían chegar á derradeira fin de semana do campionato sen nada polo que xogar. Pola súa parte, se o Numancia perde e o Deportivo gaña, os coruñeses serían matematicamente equipo da nova Primeira RFEF este domingo pola tarde.

 Para todo hai unha primeira vez. 

 Por cuarta vez na súa historia, o Compos visitará Soria para enfrontarse ao Numancia. Tres ocasións no pasado que remataron sen ningunha vitoria branquiazul sacando un empate como o mellor resultado posible. 

 A historia comeza en 1999. Un Compos recén descendido de Primeira quería pechar a primeira volta nun bo estado de forma. Non obstante, Los Pajaritos non é un campo doado e a Esedé caeu cun gol de Pablo Couñago no treito final. Naquel Numancia estaba tamén o ex do Compos Eraña. 

 Mesmo ano, pero diferente tempada e na Copa do Rei, os nosos buscarían facer valer o 4-2 da ida en San Lázaro. En Soria, adiantaríanse os nosos cun gol de Mauricio e remontarían os locais con goles de Caco Morán, Pepín e Morales conseguindo, no treito final, o pase á seguinte fase con gol de Cabarcos. 

 O mellor resultado chegou en 2002 cun empate grazas aos goles de Maikel e Adriano para os branquiazuis e Patrick Suffo e Sergio Cruz para os locais. Sería, ata o momento, a única visita da que sacar puntos. 

 Camiños opostos. 

 Nesta segunda fase, Numancia e Compos non puideron encadear os mesmos resultados. Un foi quen de facer 6 puntos mentres que o outro só 2, aínda que cunha que outra axuda en contra.

 Na primeira xornada, Compos e Numancia mediron forzas no Vero Boquete cos de vermello aproveitando a súa pegada e sacando tres puntos moi importantes cun fútbol semellante ao realizado na segunda xornada contra o Racing en Los Pajaritos. Na mesma fin de semana, a Esedé empataría en Luanco sen goles e fallando incluso un penalti. 

 Mención aparte merece a terceira xornada desta fase. O Compos sufriu unha das peores arbitraxes que se poidan recordar nos últimos anos e non a desaproveitou o Langreo para marcar cun punto grazas a un penalti, totalmente inexistente, no minuto 95. Pola súa parte, o Numancia tampouco saiu ben parado de Riazor sufrindo un penalti riguroso co que gañaría o cadro local, abrindo máis distancia na pelexa polo ascenso. 

 Baleato queda fóra. 

 Con respecto á pasada fin de semana e, se non hai ningunha sorpresa, ás baixas de Hugo Sanmartín e Joel hai que sumar a de Baleato por sanción. O centrocampista do Val do Dubra cumprirá sanción logo da súa expulsión fronte ao Langreo por dobre amoestación. 

 A boa nova, contada por Yago Iglesias en rolda de prensa, é a incorporación de Joel ao grupo, aínda que sen posibilidade de entrar no equipo esta fin de semana. 

 Madrugón en Footters. 

 O partido desta fin de semana chega da man de Footters. Será o domingo ás 12 da mañá e só poderá verse a través da plataforma dixital. Por outra parte, poderá seguirse a través das contas de Twitter e do clube así como escoitarse na 'Esedé Radio' en Twitch. 

Unha nova final na casa

 Chega a terceira xornada da segunda fase e recibimos no Vero Boquete á Unión Popular de Langreo, outro dos equipos de fútbol popular de España. Unha nova final para os nosos que buscarán os tres puntos no que pode ser un cambio na dinámica dun equipo que suma xa máis dun mes sen conseguir un triunfo deixando ver os problemas físicos polos que está a pasar un equipo que, malia todo, merece máis. Diante, un Langreo que vén de sorprender ao Deportivo e experto en resultados axustados. 

 O ascenso non é imposible. 

 O Langreo comezou esta segunda fase como quinto clasificado, empatado a puntos con Numancia e Compos. Un segundo camiño que non puido comezar da mellor maneira, perdendo contra o Racing de Ferrol na Malata. Unha semana despois, encamiñaron o rumbo cun triunfo importantísimo fronte ao Depor no Nuevo Ganzábal co que situarse a 3 puntos dos postos que dan acceso a esa categoría da que cada día podemos saber algo máis. 

 En total, sumando tamén a primeira fase, o conxunto asturiano fixo un total de 28 puntos. 7 vitorias, 7 empates e 6 derrotas para un conxunto difícil de superar na casa pero que fixo máis triunfos a domicilio, onde os empates non son unha opción. A maiores, hai que sumar 22 goles a favor e 21 en contra, sendo o segundo equipo que máis encaixou dos que agora mesmo pelexan no grupo dos nosos pola Primeira RFEF só superados polo Marino de Luanco. 

 Lonxe do Novo Ganzábal, gañaron ao filial do Real Oviedo, Covadonga e Lealtad conseguindo o seu mellor resultado en Burgos con dous goles de vantaxe nun dos campos máis complicados. Por contra, non poderían sacar nada positivo de Luanco, Los Pajaritos, Mareo, Reino de León nin A Malata. Polo medio, un empate no anexo de Zorrilla.

 A nivel individual, o dianteiro camerunés Ketu está a facer un gran curso na súa estrea na categoría. Suma, polo de agora, 6 goles en liga e outro máis na Copa RFEF. 

 É mellor o subgrupo A?

 Durante toda a primeira fase, o subgrupo A semellaba ser superior. Con equipos moi fortes, moita igualadade... pero, á hora da verdade, como están a saír as cousas entre os dous subgrupos? 

 Comezamos na primeira xornada, na que os tres galegos recibiron aos rivais do outro subgrupo. Depor e Racing conseguiron gañar pola mínima mentres que o Compos caería fronte ao Numancia. Un equipo, o castelán leonés, que repetiría triunfo fronte ao Racing de Ferrol na segunda xornada. Unha fin de semana na que tamén perdería o Depor a mans do Langreo e no que o único equipo do subgrupo A puntuaría sería o Compos fronte ao Marino de Luanco en Miramar malia merecer algo máis. 

 Un mal momento. 

 As forzas non están a tope neste treito final de tempada e iso nótase tanto sobre o campo coma á hora dos trocos. Yago, que xa conta coa complicación de pechar as convocatorias, só esgotou os cinco trocos en tres ocasións: no Helmántico, en Ibiza e en Riazor. A iso hai que engadir que a enfermaría non acaba de baleirarse.

 Ao anterior hai que engadir que o equipo santiagués suma xa case dous meses sen coñecer a vitoria. Dende o triunfo en Pasarón, nun partido de infarto, a Esedé caeu contra o Celta B e o Numancia e empatou diante de Zamora, Salamanca e Marino de Luanco. 

 Ademais, case un mes mais atrás hai que mirar para atopar a última vitoria nun Vero Boquete onde poucos triunfos chegaron ao longo desta tempada e ningún con aforo aumentado, chegando a última a tempada pasada. 

 Enfrontamento con historia.

 Compos e Langreo enfrontáronse en numerosas ocasións dende hai máis de 50 anos. Un enfrontamento que non deixa moi ben parado a un Compos que só puido sumar 3 triunfos, coincidindo coas tres últimas tempadas nas que se viron as caras. 

 No primeiro curso que coincidiron, o Langreo sería quen de sumar os dous triunfos. Nas tres seguintes visitas a Santiago, os nosos conseguirían tres empates importantes pero seguirían sen poder puntuar a domicilio, chegando o primeiro empate en 1980, logo de cinco intentos e só un gol a favor. 

 O primeiro triunfo branquiazul chegaría alá polo ano 1981 por 2-1 e repetirían resultado 10 anos despois. En 2015, xa en San Lázaro, gañarían os nosos por 2-0 logo de empatar 1-1, resultado que se repetiu en catro partidos, en Langreo. 

 En total, 16 partidos con 8 vitorias asturianas, 5 empates e 3 triunfos para os nosos. 

 Primo quere volver.

 Xa en dinámica co resto do equipo despois de case dous meses, Primo quere volver aos terreos de xogo neste partido tan importante. O cántabro, que volveu de lesión en Pasarón e volveu caer nese partido, non está a ter sorte coas lesións xogando unicamente 800 minutos en todo o que vai de curso, incluíndo a Copa do Rei en Ibiza. Por contra, Hugo Sanmartín e Joel apuntan a ser baixa unha semana máis. 

 Volvemos ser mil. 

 A evolución da pandemia en Santiago vai por bo camiño e, unha semana máis, no Vero Boquete permítese a entrada de ata mil afeccionados. Con prioridade para aboados, as entradas están dispoñibles para o público xeral na tenda oficial dende hoxe a un prezo de 20 euros e 10 euros para menores de idade. 

 O partido será este domingo ás 17 horas e, para quen non poida asistir, poderá verse a través da segunda canle da TVG. Tamén se poderá seguir a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube así como escoitarse en 'Esedé Radio', en Twitch. Chegará, por fin, a primeira vitoria con aforo elevado no Vero Boquete? 



Volvemos a Asturias

 Logo de cinco anos, o Compos volve a Asturias. Logo de varias visitas, sen bos resultados, a Castela e León este mesmo curso, os de Yago Iglesias terán que visitar aos veciños asturianos por primeira vez co obxectivo de pechar a primeira vitoria desta segunda fase que manteña ao equipo con opcións de seguir pelexando polo ascenso á Primeira RFEF. Diante, un rival que non se lle dá nada mal aos nosos historicamente e que quere demostrar que o subgrupo B non é tan inferior como o pintan, sendo ademais os últimos en clasificarse para esta nova fase da tempada. 

 Obxectivo conseguido.

 Repetindo un pouco o guión do Compos, o obxectivo do Marino de Luanco non era outro que asinar a permanencia na Segunda división B, asegurando unha praza na Segunda RFEF do vindeiro curso. Unha permanencia que se repite logo de estar xa a pasada campaña na terceira categoría do fútbol español coa salvación como agasallo logo dun final inesperado á par que adiantado malia ser antepenúltimos no momento no que se puxo punto e final á tempada regular. 

 Neste curso, na primeira fase, o equipo luanquín rematou na sexta posición certificando, a pesar da derrota, a súa posición na derradeira xornada. Un conxunto que, con 22 puntos, é o que menor puntuación arrastra a esta nova parte do campionato no grupo, descontando posibilidades á hora de sorprender. A iso hai que engadir que tampouco foron quen de gañar nin puntuar na pasada fin de semana, na visita a Riazor. Para isto, conseguiron un total de 6 triunfos e 4 empates ademais de 8 derrotas.

 Fortes na casa e moi febles a domicilio. Así se podería resumir un pouco a tempada dun equipo que só asinou 5 puntos fóra da casa e 17 diante da súa afección. E é que en Miramar caeron equipos coma Langreo, Numancia ou Burgos, ademais do filial do Real Oviedo e Covadonga. Só Valladolid Promesas e Cultural Leonesa serían quen de saír cos tres puntos, deixando nos dous casos aos locais coa porta a cero, mentres que o Lealtad puido asinar un empate nun partido con ata catro goles. A iso hai que engadir que Covadonga e Oviedo B serían quen de marcar pero acabar vendo como os locais remontaban. 

 A nivel individual, contan con equipos de grandísima calidade e unha longa experiencia no fútbol profesional. Alberto Lora pasou gran parte da súa carreira nas filas do Sporting debutando na Primeira división cheganado a ser un dos capitáns do equipo e peza chave. Compartiría vestiario nalgunhas tempadas con Luis Morán, pasando este por equipos de Grecia e Chipre ademais de Mirandés e UD Logroñés. E non se pode pechar a lista sen nomear a Mendi. O dianteiro de Avilés que tamén pasou por equipos como o Racing de Ferrol e UD Logroñés, sería quen de marcar tres goles nos dous partidos que xogou contra o Compos coa elástica do Sporting B.

 Mellor a domicilio. 

 Se antes falabamos do bo papel que fai o Marino na casa, o caso do Compos é ao contrario. Os homes de Yago Iglesias non están a sacar bos resultados do Vero Boquete, sobre todo dende a volta dos afeccionados ás bancadas, malia contar cun punto máis. E é que dende xaneiro non quedan os tres puntos na capital galega, conseguindo en Pasarón o último triunfo ata hoxe tres semanas máis tarde. 

 Se ben é certo que no Vero Boquete quedaron máis puntos dos que viñeron nas saídas, foi a domicilio onde se conseguiron máis triunfos. O primeiro sería en Barreiro, nun gran partido dos nosos. O segundo, na conquista de Riazor despois de máis de 20 anos. E o terceiro, en Pasarón, nun deses partidos que valen máis que tres puntos. A maiores, hai que engadir empates importantes no Vao, A Malata, Guijuelo e Zamora, servindo este último para certificar a presenza nesta segunda fase a falta de noventa minutos para finalizar a tempada regular. 

 En canto aos goles, tamén se verían menos. Tanto a favor, marcando 9 de 21, como en contra, encaixando un total de 8 fronte aos 10 recibidos, nun partido máis, en San Lázaro. A iso hai que engadir que sempre que se permitiu a entrada de mil afeccionados, coa posibilidade de non deixar a ninguén fóra, o equipo non foi quen de gañar en Santiago. 

 A historia é nosa. 

 En tres tempadas se mediron Compos e Marino de Luanco ao longo da historia. Tres cursos, seis enfrontamentos, e sempre na Segunda división B neste século. Seis citas das que o Compos saiu máis que beneficiado gañando gran parte delas, rematando todas con vitoria para algún dos dous bandos e sen empates. 

 Na primeira tempada, 2001/02, a Esedé sumaría as dúas vitorias por 0-2 en Luanco e 5-1 en Santiago. Menos sorte habería con Fredi no banco en 2013 caendo en Miramar por 3-1 e gañando na casa por 2-1. Por último, na primeira tempada de Iñaki Alonso, dobre triunfo do Compos por 0-1 e 2-0.

 Mal comezo. 

 Logo da primeira xornada desta segunda fase, Compos e Marino non poden falar de resultados favorables. Ambos os dous quedaron sen poder puntuar nuns partidos complicados, fronte a rivais, en principio, superiores e deixando claro que pode pasar calquera cousa sobre o verde. 

 O Compos non puido sacar nada positivo fronte un Numancia con mellor pegada que xogo. Os casteláns conseguiron adiantarse na derradeira xornada da primeira parte mentres que asinarían o segundo no arrinque do acto final. Os nosos serían quen de marcar un gol xa case sen tempo para asinar o empate con Soto como autor por segunda xornada consecutiva.

 Pola súa parte, o Marino de Luanco perdería fronte ao Deportivo. Un partido dos asturianos no que decidiron dar o balón aos coruñeses e buscar dar a sorpresa á contra. O partido, sen moitas ocasións en ningunha das dúas porterías, decidiuse cun penalti que non perdoaría Miku, xogador chave para os deportivistas e que está a pasar un bo momento de cara a portería. 

 Moitos problemas. 

 Como xa se puido ver nas últimas citas, as forzas no Compos non están ao cen por cen. A falta de pretempada e coa incerteza do que pasa cada fin de semana por mor de posibles positivos por Covid. A iso hai que engadir as baixas que acusan ao equipo nas últimas semanas e que non descenden esta fin de semana con Primo, Hugo Sanmartín e Joel fóra do equipo unha vez máis. 

 Volvemos a Footters. 

 Reina Sofía, o Helmántico, Municipal Luis Ramos, Ruta de la Plata... Catro partidos dos nosos fóra de Galiza neste curso e todos retransmitidos por Footters. Dous empates e dúas derrotas son o resumo para un equipo con problemas cando sae da nosa terra e que, curiosamente, se puideron ver sempre por internet. 

 Nesta ocasión, o partido será o domingo ás 17 horas no Municipal de Miramar e, ademais de Footters, poderá seguirse nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube así como escoitarse en directo en 'Esedé Radio' en Twitch. 

Comezamos outro camiño

 A Segunda B pon punto e final a 44 anos de historia e o fai cunha nova fase de ascenso, ou permanencia no caso doutros, en forma de liga. Un pequeno desenlace de mes e medio como se fixo ata 2004 para pasar, ata a actualidade, ao formato de eliminatorias, caso que se repetirá na fase de ascenso á Segunda división no mes de maio. Diante, catro vellos coñecidos como son Marino de Luanco, Langreo e Numancia, primeiro rival dos nosos neste camiño á nova Primeira RFEF, da que pouco o nada se sabe a estas alturas. 

 De menos a máis. 

 O Numancia chegou a esta Segunda B dun xeito semellante ao Deportivo. Un equipo histórico do fútbol español en horas baixas e que vai pelexar por volver canto antes ao fútbol profesional ao que chegou en 1997 e no que se mantivo ata hai menos dun ano con ata catro cursos na categoría máis alta. Agora, volven ao Vero Boquete coa intención de arrincar ese duro camiño á Primeira RFEF con bo pé tentando rachar ese triplo empate a 25 puntos cos nosos e o Langreo, ao cal superan polo particular na liga. 

 Trátase dun equipo ao que a nova categoría non se lle acabou de dar de todo ben. Prometían ser un dos grandes desta derradeira Segunda B e logo de catro xornadas, nas que sacaron 7 puntos de 12 posibles, entraron nunha dinámica de resultados encadeando 4 triunfos máis para acabar con eses 25 puntos grazas a un total de 6 vitorias, 7 empates e 5 derrotas con 23 goles a favor e só 14 en contra, situándose así como a segunda mellor defensa do subgrupo. 

 En Los Pajaritos, o cadro soriano foi quen de facer gran parte dos seus puntos acabando a liga invicto. Non obstante, a domicilio complicáronselles as cousas. Só 8 puntos de 27 posibles gañando unicamente ao Covadonga. A parte, conseguirían empatar sen goles en León e Oviedo e a un gol en Valladolid, Villaviciosa e Langreo. De Xixón, Burgos e Luanco volverían sen puntos sendo a última derrota neste sentido no mes de xaneiro. 

 En canto a nivel individual, o Numancia conta con grandísimos futbolistas. Un conxunto con xogadores profesionais entre os que está a destacar este curso Menudo con 7 goles sendo un dos grandes goleadores do grupo seguido moi de preto, con 6 tantos, por Asier Benito. 

 Volvemos vernos. 

 Compos e Numancia tiveron a oportunidade de enfrontarse ata en catro ocasións en liga, sempre en Segunda división, ademais doutras dúas na Copa do Rei. Un enfrontamento historicamente igualado, cun triunfo máis a prol dos casteláns e con goles máis que asegurados.

 No primeiro curso, en 1999, os sorianos serían quen de gañar tanto na casa coma en Santiago pola mínima en ambos os dous casos. Unha sorte que cambiaría no mesmo ano pero xa unha tempada despois na Copa do Rei cun triunfo branquiazul en San Lázaro por 4-2 e vitoria do Numancia días máis tarde en Soria insuficiente para pasar de fase. E acabamos co único empate dos nosos en Soria, a dous tantos, mentres que, de novo na capital galega, o triunfo sería compostelanista grazas a un gol de Sequeiros.

 Así chegan.

 Compos e Numancia chegan a esta cita despois de facer unha boa segunda volta de campionato. Os de Yago Iglesias, só caeron nunha ocasión dende o arrinque da segunda volta, dúas se contamos todo o 2021. 3 vitorias dos nosos, dúas a domicilio, ás que sumar tamén un total de 5 empates, marcando en todos os partidos dende a visita ao Helmántico. 

 Pola súa parte, o Numancia caería en 3 ocasións no mesmo treito de curso e gañaría noutras tantas. A parte, asinarían 4 empates repetindo en todos o 1-1 no marcador. Un camiño complicado e que rematou cun 5-0 fronte ao pechacancelas, encaixando en Soria a maior goleada da tempada.

 E agora que? 

 Unha das preguntas máis repetidas ao longo das últimas semanas é como vai ser a competición a partir de agora. O Compos terá que medirse a Numancia, Langreo e Marino de Luanco nunha liga a ida e volta comezando cun triplo empate no que, de momento, sae gañador o Numancia. 

 Por diante, na zona que dá opción a ascenso, Racing de Ferrol e Deportivo con dous e catro puntos respectivamente por riba dos seus máximos perseguidores. Dous equipos aos que non se terá que enfrontar o Compos polo que neste caso dependerá do que fagan fronte aos outros competidores pero aos que iguala no particular, no caso dos ferroláns, e supera, no caso dos coruñeses. 

 Dous dos seis equipos estarán a vindeira campaña na Primeira RFEF, categoría totalmente descoñecida e que só se sabe que será a terceira división do fútbol español por debaixo da Segunda división, mentres que os outros catro competirán na Segunda RFEF cun formato semellante a esta derradeira Segunda B pero con menos equipos. 

 Primo e Hugo seguen de baixa. 

 Comezamos a segunda fase igual que pechamos a primeira. Os problemas físicos non baixan e tanto Primo como Hugo Sanmartín volven ser baixa para esta fin de semana. Dúas baixas importantes no ataque que se completan coa de Joel, unha semana máis. Por sorte, unha vez máis, non hai que sumar ningún positivo. 

 Somos os primeiros. 

 Un Compos que non depende de si mesmo para estar na parte máis alta, algo que si pasa no caso do Numancia, arrinca esta nova fase da competición sendo o primeiro en xogar. O gran partido desta primeira xornada adiántase ao sábado ás 17 horas e volverá haber 1.000 seareiros nas bancadas do Vero Boquete. 

 Para quen non poida asistir, o partido poderá verse pola segunda canle da TVG e seguirse a través das contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube. Ademais, poderá escoitarse en directo en 'Esedé Radio', en Twitch.

2,47

 Punto e final. A Segunda B, tal e como a coñecemos, remata esta fin de semana co final da primeira fase. Unha liga que remata e na que o Compos buscará quedar ben situado para pelexar por estar a vindeira campaña na Primeira RFEF logo de asegurar, de xeito matemático, a Segunda RFEF en Zamora. Un final onde aumentar as opcións de cara á segunda fase coas puntuacións do outro subgrupo xa coñecidas, logo de rematar unha semana antes puidendo preparar con máis tempo a fase final. 

 Opcións de permanencia. 

 Se ben é certo que xa están confirmados os oito equipos que pelexarán por non descender á Terceira RFEF, o Salamanca CF UDS buscará aumentar as súas opcións de cara á segunda fase nesta derradeira xornada. Un equipo que, con tres puntos, superaría a Lealtad, Sporting B e Covadonga igualando co Oviedo B, rivais aos que se terá que enfrontar a partir do mes de abril. Para iso, o equipo de Lolo Escobar terá que volver conquistar un Vero Boquete onde fixeron historia asinando o ascenso á categoría de bronce.

 Os salmantinos, que partían como un dos favoritos á parte alta da clasificación, foron unha das maiores decepcións da primeira volta. Logo dun cambio importante de cromos, incluíndo adestrador, os casteláns melloraron considerablemente, comezando por unha goleada fronte á Esedé, e convertíronse nun dos equipos máis fortes do subgrupo. 

 A día de hoxe, ocupan a penúltima posición da táboa con 18 puntos logo de 5 vitorias, 3 empates e 9 derrotas. Un equipo que, como mostra da mellora co actual corpo técnico, sumou un total de 15 puntos no que vai de 2021 encadeando tres xornadas sen perder e gañando en campos como A Malata e Barreiro. A maiores, hai que engadir que se trata dun equipo que anotou 16 goles e que, por contra, é o que máis encaixou, cun total de 22. 

 A nivel individual, están a destacar este curso Fer Llorente, autor de 4 goles, e o Puma Chávez, autor doutros 4. Dúas pezas fundamentais no ataque salmantino e que xa saben o que é marcar ao Compos logo de anotar un tanto cada un no partido da primeira volta. 

 Aínda podemos soñar. 

 Se ben son poucas, existen opcións de que o Compos peche esta primeira fase entre os tres primeiros e asegure a súa presenza na Primeira RFEF, aínda con moitos detalles descoñecidos. De entre 81 combinacións posibles na derradeira xornada, só 2 acabarían cos nosos no terceiro posto sacando do máis alto ao filial do Celta. 

 O primeiro é o máis importante. O Compos debe gañar si ou si. De non facelo, asegura a sexta posición. No caso de gañar, o equipo subiría algún posto agás que gañen Racing, Deportivo e Celta B ou ben que gañe o Deportivo e empaten os outros dous. Pero imos ao importante, ás posibilidades existentes, reais, de que os nosos aseguren con mes e medio de antelación a terceira categoría do fútbol español. Algo moi sinxelo de explicar mais non así de que se poida facer realidade. E é que os nosos terían que gañar e que os tres que o superan na táboa non o fagan. 

 No Vao, no derbi vigués, tería que darse un triunfo do cadro verde, xa confirmado como o mellor local do grupo. En Riazor, o Zamora tería que puntuar, xa sexa cun empate ou un triunfo. Mentres que no Reina Sofía, que recibirá afeccionados por primeira vez no que vai de tempada, tería que gañar un Unionistas que apunta a ser acompañante seguro do Zamora na seguinte fase. 

 Por outra parte, hai que falar de empates múltiples. No caso de que o Compos gañe e Depor e Racing empaten, os tres equipos acabarían cun total de 27 puntos. Nese caso, o conxunto da capital sería cuarto, cos ferroláns quintos e os coruñeses sextos. Se a iso lle sumamos a posibilidade de que perda o Celta B e o empate a puntos aumente a catro equipos, o Racing acabaría terceiro, os nosos cuartos, o Deportivo quinto e o Celta B caería á sexta posición. 

 44 anos de historia. 

 A Segunda B nacía en 1977 separada en dous grupos, por reparto xeográfico, e alí estaban Compos, Racing de Ferrol, Pontevedra e Ourense. Unha primeira tempada que acabaría cos nosos descendendo á Terceira división con só un punto de diferenza con respecto ao Sestao. 

 Só dous anos despois, en 1980, volvería o Compos á Segunda B permanecendo ata 1986 para descender, de novo, na antepenúltima posición malia ser un dos equipos con máis gol da tempada. E tardaría outros catro anos en volver, da man de Fernando Castro Santos, para acabar o curso xogando a súa primeira fase de ascenso ao fútbol profesional superando a Badajoz, Alcoyano e Alavés, ascendendo na derradeira xornada desa pequena liga fronte aos estremeños. 

 Outros dez anos terían que pasar para que o equipo baixara do fútbol profesional para, en 2002, acabar xogando unha nova fase de ascenso contra Barcelona B, Valencia Mestalla e Mérida, de novo nunha fase de ascenso en forma de liga e sumando un novo ascenso, volvendo á categoría de bronce en só un ano para acabar cun descenso administrativo, mesmo final que tivo o retorno en 2009.

 Mellor sería a volta en 2013, conseguindo dúas permanencias consecutivas e descendendo en 2016 para volver logo de catro anos na Terceira galega, o mesmo tempo que tardaría en volver de 1986 a 1990. 

 Un total de 15 tempadas nas que os nosos conseguirían dous ascensos nas dúas únicas fases de ascenso xogadas. 

 Grandes segundas voltas. 

 Deixemos o pasado e as lembranzas por uns intres para falar do que fixeron tanto Compos coma Salamanca CF UDS ao longo desta campaña, con resultados un tanto diferentes, sobre todo na primeira volta. 

 O Compos está a facer unha tempada para enmarcar. O equipo de Yago Iglesias, malia tardar catro xornadas en asinar o primeiro triunfo, sumaría un total de oito partidos consecutivos sen perder en liga. Sería o propio Salamanca o primeiro que lle quitaría os tres puntos nun partido complicado e nunhas condicións un tanto adversas. O mesmo conseguiría o Celta B no Vero Boquete aproveitando un mal comezo do partido logo de conseguir 11 de 15 puntos en xogo. E a derradeira saída acabaría cun empate que deixou tanto a Compos como Zamora contentos e cos seus obxectivos conseguidos. 

 Pola súa parte, a primeira parte do Salamanca foi moi mellorable conseguindo só catro puntos antes da visita do Compos ao Helmántico. Por contra, só Coruxo e Pontevedra serían quen de gañarlles nesta segunda volta chegando a esta cita cos ánimos por todo o alto logo de gañar o derbi salmantino. 

 Historia curta pero intensa. 

 O Salamanca CF UDS naceu en 2013 partindo dende a Terceira división, da que descenderían unha tempada despois directamente á Provincial, o que aquí sería Primeira Galicia, volvendo á Terceira con dous ascensos consecutivos para medirse ao Compos na primeira fase de ascenso da 'era Yago Iglesias' e asinar un ascenso histórico á Segunda B, na que permaneceron ata agora. 

 Nesa curta historia, o equipo agora dirixido por Lolo Escobar, pasou polo Vero Boquete para gañar nun partido con pouco que recordar e no que estaban Saro, Casas, Samu e Sergio, que non tería minutos. Un mal precedente ao que darlle a volta este domingo. 

 Seguen as baixas

 Logo de dúas semanas, o Compos volve á acción. Sergio Pereira, que non puido estar fronte ao Zamora, apunta a ser a única novidade. Joel, aínda coa recuperación, Hugo Sanmartín e Primo serán, agás unha sorpresa de última hora, as baixas nun equipo sen sancionados nin apercibidos e que pasou as probas de antíxenos sen ningún positivo. 

 Si contou con positivos, o do adestrador Lolo Escobar, o Salamanca. Con isto, o equipo tivo que pasar varios días confinado volvendo aos adestramentos ao comezo da presente semana dando negativo o resto. 

 Todos á vez. 

 Remata a primeira fase con moito por decidirse. Agás os catro últimos, que xogarán por sumar puntos de cara á segunda fase, e o Zamora, xa clasificado para pelexar por entrar na fase de ascenso á Segunda división, hai aínda por decidirse o segundo e terceiro posto. Para iso, a última xornada será en horario unificado o domingo ás 12 da mañá. 

 Con ata tres partidos xogados en Galiza no mesmo horario, para quen non poida asistir ao Vero Boquete, a TVG fará un especial cun carrusel en directo cos tres xogos na primeira canle. Ademais, poderá verse o partido íntegro na web. Tamén se poderá seguir a través das contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube e escoitar en 'Esedé Radio', en Twitch. 

A certificar a segunda fase

 Quedan só 180 de fútbol na Segunda división B. Unha categoría que chega ao seu fin despois de algo máis de 40 anos e na que o Compos busca pechar a posibilidade dun novo ascenso, que sería o décimo cuarto da historia do clube chegando, este, a unha nova categoría supostamente profesional. Non obstante, para iso terá que asegurar primeiro a súa presenza entre o cuarto e o sexto clasificado ou ben un terceiro posto aínda non de todo imposible e que pasa por unha carambola case imposible. Para iso, para seguir soñando, hai que superar ao Zamora nun Ruta de la Plata onde gañaron Unionistas e Celta B este curso. 

 O traballo para facer historia. 

 O Zamora chega a esta penúltima cita coa misión de asegurar a súa presenza na fase de ascenso á Segunda división, asegurando así tamén a súa presenza na Primeira RFEF no peor dos casos. Un feito que poden repetir por sexta vez na súa historia quedando ás portas en 2005 e 2008. Para isto, o equipo de David Movilla, está a día de hoxe segundo logo de perder o primeiro posto no Helmántico nun bo partido do Salamanca e do que o cadro zamorano saiu con vida. 

 Segundos na clasificación, cun bo fútbol e unha idea moi clara de xogo, os zamoranos sumaron un total de 29 puntos. 8 triunfos, repartidos entre a casa e a domicilio; 5 empates e 3 derrotas, dúas delas diante da súa afección. Un equipo que sumou un total de 17 goles, sendo o cuarto equipo con máis acerto, e que encaixou outros 14 cunha diferenza de +3, a máis baixa dos cinco primeiros. 

 No Ruta de la Plata, onde perderon tres partidos de liga en algo máis de dous anos, convírtese nun equipo moi forte, mais non así o mellor do grupo. Nesta mesma tempada, só Unionistas e Celta B foron quen de invadir o feudo zamorano así como o Villarreal na Copa do Rei. O Racing de Ferrol foi quen de sacar un punto de ouro malia comezar perdendo e o Pontevedra empataría sen goles. Por outra parte, superarían ao Guijuelo con dúas remontadas locais, Depor e Coruxo, estes dous deixando a porta a cero. 

 En canto ao equipo, hai que destacar o gran traballo do gran conxunto formado, que asinou un bo ascenso a pasada tempada e que este ano mantén o xogo, o nivel e segue sorprendendo. Un equipo no que hai que contar co capitán e ex branquiazul Dani Hernández. Ademais, Carlos Ramos é o máximo anotador do equipo con 3 acertos. 

 Moito en xogo. 

 Compos e Zamora, os dous recén ascendidos á Segunda B e dous dos equipos que mellor fútbol realizan de toda a categoría, buscarán este domingo asegurar as súas posicións, algo para o que os dous precisarán os tres puntos. O Zamora, con moitas opcións de entrar na fase de ascenso á Segunda división, e un Compos que quere asegurar a súa presenza na Segunda RFEF e as aspiracións á Primeira RFEF a vindeira tempada puidendo acabar a xornada ás portas dos postos altos, aínda que sen depender de si mesmo. 

 O Zamora podería pechar a súa clasificación nos postos máis altos no caso de gañar este partido. Cun empate, dependerían de moitas cousas xa que o Racing de Ferrol, de gañar os seus tres últimos partidos, podería chegar a 32 puntos e, os de David Movilla, teñen o particular perdido co Celta B polo que os vigueses e os ferroláns poderían deixar fóra ao equipo castelán de non gañar á Esedé. 

 Ese mesmo empate podería facer que o Compos asegure a súa presenza na pelexa pola Primeira RFEF. Co global superado a Pontevedra e Coruxo e un partido entre os dous nesta mesma xornada, permitiría aos nosos chegar á derradeira xornada coa intención de sumar tres puntos de cara á segunda fase. Por outra parte, o triunfo non só serviría para asinar esa clasificación senón que, ademais, o equipo podería aspirar ao terceiro posto. Nese caso, habería que falar de máis condicións que se poderían dar pero que dependen de Racing de Ferrol, que tampouco poderá xogar esta fin de semana, e Deportivo, que terá que enfrontarse a Celta B e Zamora nas dúas últimas xornadas. 

 O traballo dá os seus froitos.

 Se algo caracteriza a Compos e Zamora é o traballo. Dous equipos feitos con traballo, paciencia e bos estilos que os levaron da Terceira división a destacar na Segunda B. Un, segundo. O outro, cuarto. Dous proxectos que esta fin de semana volverán enfrontarse logo de acabar sen goles no Vero Boquete. 

 O Zamora sería un dos mellores equipos que pasou este curso polo Vero Boquete. Un equipo que non permitiu facer o seu fútbol aos nosos e que a piques estivo de levar os tres puntos por primeira vez en moito tempo, acabando sen goles por parte de ningún dos dous bandos. Sería, ademais, a primeira vez na que habería afeccionados nas bancadas do Vero Boquete. 

 En canto á pasada fin de semana, o Compos asinou a súa primeira derrota do curso na casa a mans dun Celta B que non desaproveitou os dez primeiros minutos e que, os oitenta restantes, salvouse dunha goleada. Pola súa parte, o Zamora asinaría un empate no Helmántico contra un Salamanca superior e con ocasións para sacar os tres puntos ao que chegaba como líder.

 Repetimos? 

 Ata en 10 ocasións visitou o Compos Zamora dende 1972. Dez visitas que acabarían con tres triunfos branquiazuis, un deles no Ruta de la Plata, e dous empates, cun gol por equipo en cada xogo. Ademais, cinco vitorias locais, chegando só unha no actual estadio do conxunto castelán.

 No Ruta de la Plata chegaría, na visita, a única vitoria dos nosos. Con Iñaki Alonso ao mando e nunha tempada na que as aspiracións do equipo eran altas, o equipo conseguiu conquistar o feudo zamorano grazas a un gol de Portela no treito final. Un triunfo con gran valor mais insuficiente para chegar aos catro primeiros postos. 

 Nas dúas visitas anteriores, os nosos tamén puntuaron, con dous empates, caendo por última vez en 2004. A parte, hai que dicir que o resultado máis repetido foi o de 3-1 a prol dos locais.

 Recuperando forzas. 

 Logo de varias xornadas con baixas importantes, Pablo Antas e Hugo Sanmartín, dúbidas ata última hora, poderían volver ao equipo. Dúas novidades moi importantes para un equipo que chega a este final de liga sen sancionados nin apercibidos e con Primo a piques de volver, pensando xa na segunda fase. 

 Pechamos a xornada. 

 Se a pasada fin de semana era o Compos o encargado de inaugurar a fin de semana, nesta ocasión será ao contrario. Nun partido con moitos derbis importantes, os de Yago Iglesias buscarán os tres puntos en Zamora o domingo ás 17:30. Un partido no que poderá haber afeccionados locais mentres que os seareiros branquiazuis teremos que conformarnos con Footters. Tamén se poderá seguir a través das contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube así como en 'Esedé Radio', en Twitch. 

A recta final

 Quedan tres partidos. Tres xornadas. Tres finais. E este Compos aínda segue con vida, e moita, así como opcións para facer o que queira no treito final desta primeira fase tendo que superar a dous dos equipos mellor situados. Será dende a quinta posición na que comece este último treito unha Esedé separada por cinco puntos dos postos de promoción de descenso a Terceira RFEF e a só un dos postos que aseguran a Primeira RFEF así como a posibilidade de pelexar por ascender á Segunda división.

 Cun obxectivo claro.

 O Celta B, con Onésimo á cabeza, chega a este final de liga cun obxectivo moi claro que non é outro que estar a vindeira tempada na Primeira RFEF, categoría á que se pode chegar por dous camiños diferentes dende esta Segunda B. Neste momento, o filial vigués está polo camiño máis doado, o máis curto. Como terceiro clasificado, dependen de si mesmos para estar nesa nova categoría xogando a segunda fase sen ter que pelexar por ser un dos mellores. 

 Con 24 puntos, a 2 do segundo e a 4 do líder, o cadro vigués terá que pelexar este sábado para manterse neses postos privilexiados, co quinto a só 1 punto. Para isto, asinaron un total de 7 triunfos, 3 empates e 5 derrotas, chegando as dúas últimas antes do parón contra o Salamanca, en Barreiro, e o Racing de Ferrol, na Malata. A maiores, hai que engadir que se trata do segundo equipo con máis gol do subgrupo, con 18 tantos ao seu favor. Por contra, encaixaron outros 15, 4 nas dúas últimas derrotas, sendo o equipo con peor defensa dos seis primeiros e, xunto co Zamora, o que menor diferenza ten dos cinco primeiros. 

 En canto aos partidos lonxe de Barreiro, conseguiron mellores resultados que facendo de locais. Con 13 puntos de 24 posibles, foron quen de gañar no Helmántico, Riazor, Reina Sofía e o Ruta de la Plata, catro campos moi difíciles. Por outro lado, sacarían un empate sen goles na estrea no Luis Ramos e volverían sen nada de Pasarón e A Malata. En todos eses partidos, 11 goles a favor e 6 en contra. Case nada.

 A nivel individual, o equipo conta con grandes xogadores que se reparten co primeiro equipo para adestramentos, convocatorias e, nalgún que outro caso, contar con algúns minutos na Primeira división. Entre estes hai que destacar a xogadores como Holsgrove, Lauti ou Alfon, o máximo goleador do equipo. Ademais, reforzaron o equipo coa chegada de Kévin Soni, cedido polo Girona, e que está a ser un fixo nos plans de Onésimo. 

 Unha segunda volta de campión.

 O Compos está a facer unha segunda metade do campionato regular inmellorable. O equipo de Yago Iglesias é o mellor equipo neste tempo puntuando en todas as xornadas ata o momento. Tres vitorias e outros tantos empates para un equipo que recuperou o gol que tanto desexaba e merecía no primeiro treito do campionato sumando ata 8 tantos nos 5 últimos partidos. 

 Para isto, houbo que sufrir, e moito, na última fin de semana antes do parón. Os santiagueses visitaban Pasarón para enfrontarse a un Pontevedra necesitado de puntos para saír da zona máis baixa da clasificación. Un gol de Miki e unha grandísima defensa serviron para traer tres puntos moi valiosos cos que seguir nunha pelexa máis viva que nunca. 

 Pola súa parte, o Celta B arrincou esta parte do campionato nunha forma envexable. Sacaron un empate contra o Pontevedra no treito final e encadearon tres vitorias consecutivas contra Unionistas, Zamora e Guijuelo, chegando as dúas primeiras a domicilio. Non obstante, non puideron co Salamanca CF nin co Racing de Ferrol deixando unha mala imaxe a diferenza de citas anteriores, demostrando ser un tanto irregulares. 

 Xa pasou un ano. 

 Marzo de 2020 pasará á historia pola chegada do coronavirus ao noso país. Unha pandemia que parou o mundo e, dende o día 8, unha Terceira galega que volvería meses despois, xa sen o Compos. Non obstante, ese último partido, contra a UD Ourense, será recordado por contar coa última derrota dos nosos no Vero Boquete servindo, aínda así, para saír campión. 

 Por San Lázaro pasarían Deportivo, Guijuelo, Pontevedra, Zamora, Unionistas, Coruxo e Racing de Ferrol. Ata cinco deses rivais serían quen de sacar un punto, con Pontevedra e Racing marcando. Tamén o faría o Coruxo, mais non sería quen de sacar nada positivo, ao igual que un Guijuelo que marcharía recibindo a primeira goleada branquiazul do campionato. 

 A primeira a domicilio. 

 Na primeira volta, o Compos chegaba a Barreiro logo de conseguir 2 puntos de 9 posibles a domicilio. O equipo vigués, malia ser un tanto irregular, sumaban dúas vitorias consecutivas e un empate. En Barreiro, campo favorable para os intereses dos nosos, chegaría unha goleada que serviría para mellorar as sensacións en ataque grazas aos goles de Pablo Antas, Brais Abelenda e Primo. 

 En canto á historia, os nosos son superiores ao Celta B, un dos equipos ao que máis se enfrontaron. Dun total de 33 ocasións, 21 acabaron con triunfo branquiazul mentres que 6 foron para os celestes, os mesmos que acabarían en empate. Resultados que se reducen á metade se falamos dos enfrontamentos en Santiago, sendo 10 as vitorias locais. 

 O rei dos derbis. 

 Chega o derradeiro derbi desta tempada para un Compos que, polo de agora, non sabe o que é perder ningún. Nove precedentes ao longo da tempada no que os resultados foron de 5 empates e 4 triunfos, 3 deles nesta segunda volta sendo o Racing de Ferrol o único equipo, polo momento, capaz de igualar no global. 

 Empates sen goles contra Depor, Coruxo. Empates tamén pero con goles contra Pontevedra e Racing de Ferrol, fronte ao que se repetiría o resultado tanto na primeira como na segunda volta. Por outro lado, o equipo branquiazul superaría ao Celta B na primeira volta en Barreiro sendo o único derbi no que se sumou de tres antes de acabar o ano. Si chegarían triunfos contra Depor, Coruxo e Pontevedra neste 2021. Un total de 17 puntos que só o Racing é quen de igualar malia perder ata dous derbis galegos.

 Os problemas non desaparecen. 

 Se contra o Pontevedra, malia as baixas, o equipo deu todo e máis, contra o Celta B non será menos. Por sorte, Gabri Palmás xa está recuperado e adestrando co resto dos seus compañeiros mentres que Pablo Antas, por unha lesión no xeonllo, e Hugo Sanmartín serán dúbida ata última hora. Si será baixa, xa confirmada polo menos ata o partido contra o Salamanca, Primo, que volveu mancarse en Pasarón, aínda que neste caso é diferente lesión. Ademais, Joel segue coa súa recuperación con opcións de debutar nas vindeiras semanas.

 Abrimos a xornada. 

 Nun dos subgrupos máis igualados e no que o Racing de Ferrol terá que recuperar partidos no futuro por varios positivos, o Compos terá que abrir a xornada coa posibilidade de acabar terceiros. Un gran partido o sábado no que volverá a haber afeccionados na bancada de Tribuna, con 500 seareiros, e que dará comezo ás 17 horas. 

 Para quen non tivo a sorte de conseguir esa tan importante entrada, o partido poderá verse na TVG e seguirse a través das contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube.

A tormenta antes da calma

 Chega unha nova xornada en forma de final para un Compos que quere manter a súa boa xeira de resultados levando sen perder toda a segunda volta. Diante, un Pontevedra en progresión dende a chegada de Luisito e con altas miras neste final de tempada. Un partido que pode marcar aínda máis o obxectivo final dos dous equipos habendo a posibilidade de sacar algo de vantaxe con respecto aos postos baixos da clasificación con, aínda, dous partidos máis adiados e que se xogarán o vindeiro mércores.

 Manteñen as opcións.

 O Pontevedra é, actualmente, sexto clasificado. Un equipo que xogará o seu terceiro partido logo do cambio de adestrador buscando a súa segunda vitoria consecutiva por primeira vez nun curso no que apuntaban a ser un dos rivais a bater. A día de hoxe, nótase a man de Luisito logo de superar ao Salamanca no Helmántico deixando unha moi boa imaxe e recuperando unha boa versión de Rufo. 

 Con 18 puntos, o equipo granate está fóra dos postos de perigo superando ao Racing de Ferrol, cun partido menos, por só 1 punto. 4 vitorias, 6 empates e outras 4 derrotas, chegando todas nos dous últimos meses. Por outro lado, trátase dun equipo que, curiosamente, anotou os mesmos goles que encaixou. Un total de 15 goles tanto a favor coma en contra que os sitúan tanto como un dos equipos con máis acerto e, por contra, tamén como un dos equipos con máis problemas en defensa quedando só sen encaixar en tres citas, rematando dúas delas con empate sen goles. 

 En canto aos partidos en Pasarón, foron quen de rematar a primeira volta sen derrotas, superando a Celta B e Salamanca e empatando contra Unionistas e Depor. Non obstante, comezaron o ano con derrota fronte ao Racing de Ferrol e tampouco foron quen de puntuar na visita do Zamora, caendo en ambas as dúas citas pola mínima. Tampouco serían quen de anotar fronte ao Guijuelo no partido adiado malia contar con numerosas ocasións. 

 A nivel individual, hai que destacar á parella ofensiva que xa suma máis da metade de goles de todo o equipo. Entre Rufo e Charles anotaron un total de 8 goles, 4 cada un. Unha parella que leva unha volta completa repartíndose os goles do equipo, sendo a visita ao Vero Boquete a última ocasión na que un gol do Pontevedra non levaría un dos seus nomes. 

 Gran partido tamén nas bandas. 

 Sen dúbida, Yago Iglesias está a demostrar o seu nivel como adestrador na súa estrea na Segunda división B. O adestrador branquiazul, que no seu quinto ano na Esedé xa ten unha idea máis que consolidada e un fútbol moi recoñecible, terá que enfrontarse de novo á idea dun Luisito máis experimentado e con intencións de devolver o gol ao equipo pontevedrés. Ademais, será a terceira vez na que se vexan as caras en dous anos. 

 Luisito chegaría ao Fabril hai xa dous anos coa intención de salvar ao equipo na categoría de bronce, algo que non sería posible. Xa na Terceira, o de Teo tería que visitar San Lázaro co filial deportivista na primeira volta caendo grazas aos goles de Brais Abelenda e Josiño nun gran partido dos nosos. Menos sorte, pero máis goles habería nun partido dominado polo cadro santiagués pero marcado pola polémica en Abegondo con empate a dous goles, obra de Bicho e Primo. 

 Antes, o ex xogador do Compos, tería a oportunidade de enfrontarse ao cadro branquiazul en varias ocasións con Ciudad de Santiago, Racing de Ferrol, Clube Deportivo Ourense e o propio Pontevedra. 

 Pasarón e os empates.

 A historia quixo que Compos e Pontevedra se enfrontaran nas terras do Lérez nun total de 9 ocasións sendo a primeira en 1977 e a última, ata hoxe, en 2015. Un emparellamento e un campo que non deixa grandes resultados para os intereses dos nosos mellorando ao longo da historia. 

 Dúas veces caeron os nosos en Pasarón. Sería a primeira en 1977 por 3 a 2 con Fernando Castro Santos como xogador, e goleador, do conxunto granate. Anos despois chegaría ao Compos para ser adestrador durante 6 cursos consecutivos levando ao equipo ao máis alto. A segunda, por dous tantos de diferenza, sería en 1984.

 Entre as dúas derrotas, que daquela servían para sumar 2 puntos ao vencedor, hai que contar cun empate en 1980 a un gol. Sería a primeira ocasión na que se repartirían os puntos mais non a última, nin moito menos. De feito, en 1985 e 2012 repetirían resultado mentres que en 1991, 2001 e 2015 acabarían sen goles por parte de ningún dos dous conxuntos. 

 E con tanto empate, non se pode non falar do único triunfo dos nosos a domicilio fronte ao cadro granate. Sería en 2010 grazas aos goles de Iván González e Tiko Messina. Por parte dos locais, o autor do único gol sería Charles, que volverá medirse aos nosos once anos máis tarde. Quen tamén repetirá, pero nas filas santiaguesas, será Jimmy, que contou con 45 minutos naquela cita.

 Superiores. 

 Se falamos da historia entre os dous, non hai que esquecer o que pasou na primeira volta. O Pontevedra chegaba ao Vero Boquete sendo, como se esperaba, un dos equipos máis perigosos do campionato. Diante, un equipo con boas sensacións pero con dificultades para pasar do empate. 

 Sobre o verde, as clasificacións non falan e un gran equipo como é o Compos si o quixo facer dende o comezo. Tal foi así que o primeiro gol, obra de Brais Abelenda, tardaría en chegar algo máis de cinco minutos aproveitando un erro defensivo. Por contra, non tardaría en respostar o Pontevedra cunha oportunidade perdoada por Rufo e un golazo de Jorge Fernández desde fóra da área. 

 Antes xusto do tempo de lecer, chegaría na outra banda, con Juampa como primeiro protagonista, o primeiro gol de Primo no presente curso marcando un gran gol. Non obstante, a resposta chegaría na reanudación cunha falta directa de Imanol que toca, pero non o suficiente, Pato. Durante o resto do segundo tempo, as ocasións sucedéronse na portería defendida por Mario Fernández cun balón ao longueiro de Primo que non quixo entrar por moi pouco. 

 Máxima igualdade. 

 Dous puntos separan a santiagueses e pontevedreses nunha clasificación aínda irreal, con dous partidos adiados con tres rivais directos na loita por estar no terceiro posto, aínda sen un dono claro e con moitos pretendentes. Esa vantaxe, cos nosos por diante, dáse grazas aos diferentes camiños que están a levar os dous equipos, un chamado a pelexar pola Segunda división e outro que quere optar á Primeira RFEF. 

 Nesta volta completa, dende a visita do Pontevedra a San Lázaro, o Compos foi quen de golear en Barreiro, soñar en Riazor e sufrir contra o Coruxo sacando os tres puntos. Ademais, os de Yago Iglesias puntuarían contra Zamora, Unionistas e Racing na casa e na visita a Guijuelo. O único 'pero' chegaría no Helmántico, nun partido marcado polo mal estado do campo, e que remataría con derrota clara e a lesión de Primo. 

 No mesmo tempo, o Pontevedra sumiríase nunha mala xeira de resultados conseguindo só gañar ao Salamanca no Helmántico hai unha semana. Antes, tiveron que dar por bos os empates contra Depor e Guijuelo en Pasarón, así como outro en Barreiro, chegando a ir por diante ata o engadido. A parte, derrotas no Vao, no Reina Sofía e fronte ao Zamora na casa. Un equipo que, ata o triunfo en Salamanca, só fora quen de marcar dous goles en dous meses encaixando, por contra, un total de oito. 

 A lei do ex.

 Ao igual que Juampa asinou dous goles contra o Coruxo hai escasas semanas, nesta ocasión hai tamén a posibilidade de que un ex, agora nas filas do Compos, marque na que foi, durante algún tempo a súa casa. Neste caso, ata catro xogadores saben o que é defender as cores do Pontevedra nalgún momento da súa carreira. 

 Hugo Sanmartín e Josiño pasaron pola base do cadro granate deixando a entidade o primeiro no filial e asinando co Rápido de Bouzas. Pola súa parte, o segundo remataría a súa formación no xuvenil do Deportivo. 

 Xa en categoría senior, Miki defendería ao equipo do Lérez de 2015 a 2017 con varios meses de cesión no Rápido de Bouzas. Pola súa parte, Jimmy chegaría a Pasarón en 2017 permanecendo unha tempada antes da súa primeira etapa fóra da nosa terra, no Arenas de Getxo. 

 Dúbidas e baixas. 

 Chegamos a unha nova xornada importante e os problemas á hora de pechar a convocatoria continúan. Juampa será baixa segura por acumulación de amoestacións mentres que Primo e Hugo Sanmartín serán dúbida ata última hora, habendo a posibilidade de entrar na convocatoria pero sen a seguridade de que aparezan no once titular. Por outra parte, seguen sendo baixa Gabri Palmás, positivo por Covid-19; Guille Torres, que podería volver para Zamora, e Joel, que xa ultima a súa recuperación pensando en debutar na segunda fase.

 O partido do día. 

 Nunha xornada na que o Deportivo visitará A Malata e o líder recibe ao terceiro clasificado, temos un dos grandes partidos do fútbol galego. O Compos visitará Pasarón o domingo ás 17 horas nun dos grandes partidos da fin de semana na Segunda B. Un partido que se poderá ver a través da TVG2, seguirse nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube e escoitarse en directo por 'Esedé Radio'. 

O noso Clásico

 Compos e Racing de Ferrol buscarán este domingo, día dos namorados, tres puntos moi importantes que poden marcar o obxectivo real de cada equipo. Un partido complicado entre dous equipos con só tres puntos de diferenza e a terceira posición da táboa en xogo e que suporá a primeira cita do cadro verde dende a saída de Emilio Larraz, con só dous días dende a chegada de Cristóbal Parralo ao posto. O momento para que os nosos asinen a cuarta xornada consecutiva sen perder, manténdose invicto no Vero Boquete no que vai de tempada e buscando a terceira vitoria dun ano 2021 que non pode ir mellor para os intereses dun equipo que arrinca esta nova xornada entre os postos máis altos da táboa. 

 Nova idea.

 O Racing de Ferrol chega a esta cita cun partido menos que os nosos, tendo pendente aínda a visita do Celta B á Malata adiada por un positivo no filial celeste. Con isto, as aspiracións do equipo departamental de acabar entre os tres primeiros e pelexar por algo máis, pasan por puntuar no Vero Boquete, tendo neste caso a posibilidade de superar aos nosos ou gañando, algo que faría igualar a puntos aos dous equipos, ou ben superando o partido que xogarán entre semana en menos de quince días. 

 A día de hoxe, o equipo ferrolán ocupa a sexta posición da táboa a só 3 puntos do Compos. Por debaixo, o Pontevedra está a só un punto, xa sen partidos aprazados, marcando os postos de promoción de permanencia na Segunda RFEF. Contan cun total de 16 puntos grazas a 4 triunfos. Outras 4 citas acabaron en reparto de puntos mentres que caeron, tamén, noutras 4. A parte, trátase do equipo con mellor acerto logo de anotar un total de 15 goles mentres que, por outro lado, se compensan con 12 en contra. Uns números semellantes aos feitos polos nosos. 

 Se ben o equipo verde é o peor como local do campionato, fóra da Malata é o mellor equipo. Un equipo que só perdeu en Riazor nun partido con polémica. Ademais, empataron en campos tan difíciles coma o Ruta de la Plata e o Luis Ramos e gañaron en Barreiro, o Helmántico e Pasarón, onde buscarán o triunfo os de Yago Iglesias a vindeira semana. 

 A nivel individual, contan con futbolistas cunha gran experiencia en categorías superiores coma Alex López, Dani Abalo, David Rodríguez ou Dani Nieto. Tamén están a deixar moi boas sensacións algunhas das novas incorporacións coma Yefferson Quintana, Nathan ou Elsinho, máximo goleador do equipo. E non se pode esquecer tampouco a Diego Rivas, un dos mellores porteiros da categoría, así como ao ex do Compos Joselu. 

 O gol, asegurado. 

 Se ben é certo que Pato e Diego Rivas son dous dos mellores porteiros da categoría, algo que deixaron máis que claro ao longo da súa carreira ao igual que ao longo da presente tempada. Non obstante, diante terán aos dous mellores ataques do subgrupo con 15 goles cada equipo. 

 Por parte do Compos, Brais Abelenda chega como máximo anotador con 4 tantos. O do Val do Dubra foi quen de ver portería tamén na Copa do Rei, sumando un quinto. A parte, Miki asinou otros 3 mentres que Pablo Antas, Juampa e Primo anotaron 2 e Bicho 1. 

 No Racing, Elsinho é o autor de 3 goles. Fer Beltrán, Joselu, Quintana e Alex López fixeron 2 e Nathan, Jon García, Diego Seoane e David Rodríguez abriron a súa conta máis non a chegaron a aumentar aínda.

 Un histórico do fútbol galego. 

 Terceira, Segunda B, Segunda A e a Copa do Rei. Ata catro competicións viviron enfrontamentos entre Compostela e Racing de Ferrol sendo o primeiro en 1963. Un total de 45 citas totais, equipo contra o que máis partidos xogaron os nosos ao longo de case 60 anos de historia. Dito emparellamento ten ao Racing como gañador de 16 partidos mentres que os nosos levaron a vitoria en 14. Ata 15 acabaron en empate, sendo o último na primeira volta. 

 Falando do que pasou na Malata na última vez, Joselu inaugurou a conta contra os seus ex mentres que Pablo Antas, dende os once metros, asinou o empate no segundo tempo. Un partido onde os nosos non foron quen de facer o seu mellor xogo. 

 En canto á última vez que se enfrontaron no Vero Boquete, o triunfo foi a prol dos nosos. Un gol de Aythami no arrinque do partido serviría para chegar por diante ao tempo de lecer. Adrián Armental igualaría o resultado e, en menos de vinte minutos, Alex Ares marcaría un 'hat-trick' para deixar case sentenciado o encontro. Non obstante, os de Larraz non baixarían os brazos e deixarían só un gol de diferenza grazas a Juan Antonio e Villarejo.

 Cristóbal Parralo sabe o que é gañar ao Compos. 

 Larraz deixou o posto de adestrador do Racing o pasado mércores, antes do adestramento. Unha destitución que supuxo a quinta no subgrupo e segunda xusto antes de enfrontarse ao Compos, algo que non lle foi nada mal ao Salamanca CF. Non obstante, o adestrador cordobés, confirmado na tarde do xoves, só conta con tres días para preparar un partido chave. 

 Co adestrador maño, Compos e Racing enfrontáronse en tres ocasións. Tres citas nas que o equipo de Yago Iglesias sería quen de gañar a antes nomeada, no Vero Boquete, mentres que as outras dúas acabarían en empate. Máis sorte tivo o andaluz á fronte do Fabril goleando ao Compos na estrea do actual adestrador por 5-1 e superando tamén aos nosos por 0-2 en Santiago na segunda volta. 

 Problemas importantes.

 Por segunda xornada consecutiva, os problemas en ataque non desaparecen. Pablo Antas volverá ao equipo logo de cumprir sanción mentres que se confirma a lesión de Hugo Sanmartín, cunha rotura no recto anterior do muslo dereito como adiantou o clube o xoves. Pola súa parte, volve Bicho logo de dez días confinado e cae Gabri Palmás, positivo na última PCR realizada polo servicio público de saúde.

 A parte, pensando no partido da vindeira fin de semana, contra o Pontevedra, Juampa segue apercibido de sanción. 

 Para os namorados do bo fútbol. 

 Este domingo, día de San Valentín, un agasallo para todos os namorados. Un dos grandes partidos do fútbol galego que arrincará este domingo ás 19 horas no Vero Boquete, a porta pechada, e que poderá verse en directo a través da TVG2. Ademais, poderá seguirse a través das contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube e escoitalo en 'Esedé Radio'. 

Volvemos a terras salmantinas

 Por terceira vez no que vai de tempada, cuarta dende a chegada de Yago Iglesias, o equipo terá que coller un autobús para viaxar ata terras salmantinas. Non obstante, neste caso non será á cidade senón a 50 quilómetros da capital da provincia, a Guijuelo. Un partido moi duro, moi difícil, nun campo cunhas condicións diferentes ás que estamos acostumados e no que puntúan sempre dende novembro de 2019 pechando a pasada tempada con números case perfectos, como local, ata a pandemia e mantendo o nivel, aínda que con máis dificultades, durante esta 'nova normalidade'. 

 Un dos mellores locais. 

 Se ben é certo que o Guijuelo chega a esta cita na última posición da clasificación, o conxunto salmantino é un dos mellores locais da categoría. Con dous partidos como local adiados, o equipo dos irmáns Montes non descoñecen a derrota no Luis Ramos dende novembro do 2019 encadeando tres empates e unha vitoria, contra o Salamanca CF UDS. A maiores, no final da pasada campaña, conseguiron outras 6 vitorias e 2 empates sendo o Racing de Ferrol o único equipo capaz de marcarlles un gol.

 No total do presente curso, trátase do equipo con máis partidos adiados. Por mor da neve e do virus, o Guijuelo tivo que suspender ata tres xogos, tendo que pasar un mes e medio sen poder xogar cun confinamento polo medio para volver aos campos e empatar fronte o Salamanca no Helmántico, nun partido que se lle fixo un tanto largo aos de verde.

 En canto ao global, o conxunto dos irmáns Montes só foi quen de gañar 1 partido, contra o Salamanca CF no Luis Ramos. A parte, 4 empates e outras tantas derrotas, todas a domicilio e sufrindo a máis dura no Vero Boquete. Tamén hai que engadir que anotaron un total de 8 goles encaixando 12, só un na casa. 

 A nivel individual, hai que destacar a facilidade á hora de marcar goles de Antonio Pino. O dianteiro cordobés, que volveu á que foi a súa casa entre 2016 e 2018 procedente do Córdoba, é o máximo goleador do equipo con 4 tantos, a metade dos que suma o equipo en total, e que o convirten no máximo anotador do subgrupo empatado con Brais Abelenda e Alfon, do Celta B. 

 Os mellores na casa. 

 Se antes falamos do gran momento polo que pasa o Guijuelo no Luis Ramos, hai que ter en conta tamén o gran traballo que está a facer o Compos no Vero Boquete. Porque, se o cadro salmantino non perde na casa dende hai 14 meses, os nosos só perderon un partido, fronta á UD Ourense, dende maio de 2019, cando foi o Racing Vilalbés o que levou os tres puntos do Vero Boquete. 

 Mais, neste caso, hai que falar do traballo do Compos como visitante no que vai de tempada. O, de momento, terceiro clasificado é tamén o terceiro mellor visitante da categoría. 2 vitorias, 2 empates e 2 derrotas, as únicas sufridas no que vai de curso, para un equipo que na última saída foi quen de gañar en campos tan complicados coma Riazor ou Barreiro, así como empatar no Vao e Ferrol. 

 Salamanca, terra maldita.

 O Reina Sofía en outubro e o Helmántico en xaneiro. Non son só as dúas visitas anteriores dos nosos a Salamanca nesta tempada senón que, ademais, son as dúas derrotas sufridas por un equipo capaz de poñer contra as cordas ao Ibiza na Copa do Rei. 

 Unionistas foi o primeiro en recibir ao Compos nesta nova Segunda B. Primeira xornada, primeira toma de contacto, e derrota nun partido horrible dos nosos tanto en ataque coma en defensa. Mais, por casualidade, a visita ao Helmántico non foi moi diferente, deixando sensacións pésimas no segundo partido entre semana dos nosos e que chegaba nun mal momento, entre a visita do Unionistas ao Vero Boquete e a nosa a Riazor, que se pecharon con 4 puntos. 3 goles recibidos sobre un campo en condicións preocupantes pechando unha boa xeira de partidos sen encaixar gol. 

 A maiores, hai que engadir outras dúas malas condicións, xa máis en serio, que se dan para este partido. O campo do Municipal Luis Ramos é sintético, do que os nosos non sacan bos resultados. Unha condición que complica o xogo dos nosos como xa se puido ver no Reina Sofía pero na que se mellorou moito nos últimos tempos. 

 Igualdade histórica. 

 Se ben é certo que non chegaron a enfrontarse en moitas ocasións, os partidos foron sempre moi igualados e con resultados axustados chegando na primeira volta o único cunha diferenza superior a un gol. Ao anterior hai que engadir que sempre que se enfrontaron, xa ben no Municipal de Guijuelo, do que falaremos agora, ou de San Lázaro, sempre houbo goles que celebrar por un ou outro lado. 

 O primeiro enfrontamento entre ambos os dous conxuntos foi no ano 2009, en Guijuelo, e acabaría con vitoria local pola mínima con gol de David Karanka. Catro anos despois, con Fredi como adestrador, Manu Rodríguez adiantaría aos nosos pero non tardaría en igualar o equipo da casa. Un empate que se repetiría en 2016 marcando primeiro Portela e empatando Antonio Moreno. Non obstante, en 2015, un gol de Jimmy sería suficiente para conseguir os tres puntos por primeira e única vez nese campo. 

 En canto á primeira volta, o Compos foi quen de asinar a súa primeira vitoria da liga logo de dous empates e unha derrota, noutro partido que se perdería Primo. Miki anotaría os dous primeiros goles mentres que Bicho pecharía a goleada. Unha estrea da mellor forma posible. 

 E por que non tres? 

 Por primeira vez no que vai de tempada, o Compos encadeou dúas vitorias consecutivas. Un triunfo para a historia en Riazor, contra un Depor en horas baixas, e outro contra un Coruxo valente e que non quixo permitir aos nosos facer o seu fútbol, pechando o centro do campo e obrigando a abrir por bandas. Sería, para o noso ben, a estrea goleadora de Juampa nun partido moi bo tanto del coma de Brais Abelenda, encargado de pechar o triunfo logo do empate vigués. 

 Se a pasada semana falabamos da posibilidade de encadear dous triunfos, por que non tres? Malia que o Guijuelo chega de xogar só un partido en mes e medio e a súa situación na táboa non é de todo boa, non é tampouco real, o equipo vai dar moita guerra. Aínda así, o equipo branquiazul pelexará por sumar a terceira consecutiva como non consegue dende hai xa un ano. 

 Os 'neniños' poden con todo. 

 Por quinto ano consecutivo, Yago Iglesias lidera un Compos capaz de todo o mellor. Un equipo que foi quen de superar unha rolda na Copa do Rei moitos anos despois, batendo ao Mensajero, e poñer en serio perigo a grandes rivais coma o Lleida Esportiu e a UD Ibiza. Ao anterior hai que sumar tamén os grandes fitos conseguidos na liga como bater un récord histórico de minutos sen recibir gol, formar unha defensa case insuperable ou ser quen de, cun gran estilo, mandar en gran parte dos partidos. 

 Con isto hai que dicir unha cousa. Ao anterior comentado, hai que engadir que este grupo de xente, ao que sumar a Juampa, foi quen de gañar o pasado curso por primeira vez na historia da Esedé na Magdalena e en Calabagueiros, conseguindo isto cunha gran goleada. Dúas vitorias de mérito e que pasaron á historia branquiazul. 

 Antas, Hugo e Bicho fóra da lista.

 O equipo soubo, nas dúas últimas xornadas, superar a baixa de Primo. Con cinco goles nos dous últimos partidos, encadeando por primeira vez dúas vitorias consecutivas, o equipo chega a esta cita de novo sen o referente en ataque cántabro. Non obstante, ás baixas de Primo e Joel, que podería estar ante o seu último mes de baixa, hai que sumar esta fin de semana a de Pablo Antas, que viu o quinto cartón fronte ao Coruxo, e a de Hugo Sanmartín, con problemas musculares. A maiores, hai que engadir a Bicho, confinado, non estará por un contacto cun positivo, malia dar negativo nas probas e estar sen síntomas. 

 Ao anterior hai que sumar que Juampa chega a esta cita con catro cartóns e que non podería estar contra o Racing de Ferrol de ver un quinto en Guijuelo.

 Sábado de Footters.

 Terceira saída e terceira cita que teremos con Footters. Este sábado ás 17:30 dará comezo o partido no Luis Ramos e na web sendo o único xeito de poder ver o partido. Hai que recordar que hai a posibilidade de mercar un bono para a fin de semana co que ver ao Compos por 3,99 euros ou ben o plan mensual por 6,99 euros ou o de tempada, por 24,99, que inclúe unha segunda fase que todo apunta a que só se poderá ver aí, polo menos os partidos que xoguen os nosos a domicilio. 

 A parte, poderá seguirse a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube. 

Volta á realidade

 Logo de gañar en Riazor, o Compos buscará este domingo a súa segunda vitoria consecutiva así como manterse invicto nesta segunda volta superando a un Coruxo coas mesmas intencións logo de sumar o seu segundo triunfo a pasada fin de semana, nunha xornada con outros dous partidos suspendidos e que complican máis a visión dunha clasificación na que os vigueses ocupan un dos postos perigosos aparecendo os nosos na parte cómoda, algo que pode cambiar coa recuperación dalgúns partidos. 

 Un equipo que só puntúa na casa. 

 Levamos once xornadas desputadas e o Coruxo sumou 10 puntos grazas a 3 triunfos e 1 empate, conseguido na terceira data contra un Compos incapaz de ver portería. Non obstante, o que para nós é case o máis normal no que vai de campionato, para os homes de Míchel Alonso só supuxo na estrea dun casilleiro que aumentou en cada partido xogado no Vao, onde só perderon na primeira xornada. 

 Un Coruxo que, logo dunha tempada histórica, non arrincou ben a súa décima campaña na categoría de bronce. Perdendo nas dúas primeiras fins de semanas, contra Zamora e Salamanca, o equipo sumou o seu primeiro punto contra un Compos superior por moitos momentos. A partir de aí, caerían fronte Depor, Unionistas, Racing de Ferrol, Celta B e Zamora, xa na segunda volta. Por outro lado, conseguirían tres puntos moi importantes fronte Guijuelo, Pontevedra e Salamanca, sempre no Vao quedando sen puntuar aínda a domicilio. 

 Ao anterior, hai que sumar que este Coruxo é o equipo con menos gol, igualado cun Guijuelo con tres partidos adiados. Aos 6 goles a favor dos vigueses hai que restar os 14 recibidos, sendo quen de puntuar na vitoria contra o Guijuelo malia encaixar. Trátase, xunto ao Salamanca, do equipo con maior diferenza de goles (-8) do grupo I. 

 A nivel individual, contan con grandes futbolistas da Segunda B como Antón de Vicente, Diego Silva ou o ex da Esedé Alex Ares, que volverá á que foi a súa casa. Outro que tamén volverá a San Lázaro é Alberto, porteiro santiagués que defendeu as cores da Esedé na tempada 2009/10 na Segunda B ás ordes de Baleato. 

 Case un ano.

 Compos e Coruxo buscarán repetir de tres por primeira vez no que vai de tempada. Un fito para dous equipos que, tal como están as cousas, sería moi importante para fuxir dos postos baixos. Sería, ademais, a primeira vez que encadean dous triunfos en partido oficial por primeira vez en case un ano, conseguíndoo os dous equipos en febreiro do ano pasado. 

 Bergantiños, Barco, Somozas, Alondras e Arenteiro caerían contra o Compos de Yago Iglesias pechando a primeira volta e comezando a segunda do mellor xeito posible. 5 de 5 para un equipo histórico que acabaría en marzo cunha xeira de 17 xornadas consecutivas sen perder. 

 Pola súa parte, o Coruxo sería quen de superar a Internacional de Madrid, Racing de Ferrol e Sporting B, pechando a súa gran xeira coa que sumarían 7 partidos sen coñecer a derrota fronte ao Ibiza. Nas catro xornadas restantes non volverían encadear dous resultados positivos consecutivos. 

 Por segunda vez.

 Os equipos de Yago Iglesias e Míchel Alonso poderán verse as caras por segunda vez neste novo curso no Vero Boquete. Os dous conxuntos xa probaron a enfrontarse na pretempada, sendo o primeiro partido no campo santiagués en meses e acabaría co segundo, e último, triunfo branquiazul nunha preparación atípica para unha tempada atípica. 

 O primeiro encontro fronte un Segunda B deixou moi boas sensacións nun partido onde o Coruxo foi de máis a menos, sendo incapaces de poñer en problemas a Pato. Máis sorte, e puntería, tivo Primo de cara a portería superando a Alberto ata en dúas ocasións antes de deixar o seu posto a Gabri Palmás. 

 Historia positiva. 

 A historia entre Compos e Coruxo non é para nada negativa. Tanto na Segunda B coma na Terceira división, os dous equipos enfrontáronse ata en 25 ocasións e uns resultados máis que positivos para un Compos que levou boa parte dos puntos sumando 15 vitorias, 5 empates e 5 derrotas. 

 En Santiago, o Compos conseguiu 9 triunfos. Destacando un 7-0 e un 8-1 nas dúas primeiras visitas viguesas a Santa Isabel, os do Vao non puntuarían na capital ata 1989, na oitava ocasión. Os triunfos seguirían chegando nas primeiras citas deste século, en San Lázaro, mentres que os coruxistas sumarían dúas visitas máis con puntos, empatando en 2015 e conseguindo o seu primeiro triunfo en liga aquí un ano despois. 

 Por outro lado, hai que sumar unha nova cita na Copa RFEF a pasada tempada. Os noventa minutos acabarían con empate a un gol, obra de Antón de Vicente para os visitantes e de Gabri Palmás para os nosos no treito final do tempo regulamentario, e sería Sylla o que daría o triunfo aos seus na prórroga. Un partido que non estivo para nada exento de polémica. 

 Na primeira volta, no Vao, chegaría un novo empate dos nosos, sen goles por terceira xornada consecutiva, e no que os dous equipos terían opcións de levar os tres puntos. Un Compos superior por moito tempo, non puido bater a Alberto. O Coruxo, pola súa parte, foi quen de sacar aos nosos do partido e, incluso, ter opcións no treito final. 

 Seguimos sen Primo. 

 En canto ás baixas, para este novo partido só hai que contar coas de Primo e Joel. Coa boa nova da non lesión de Antas no encontro anterior e mantendo aínda a Juampa e ao propio Pablo Antas con catro cartóns amarelos perdéndose, no caso de ser amoestados, a visita dos nosos o seguinte sábado ao Municipal de Guijuelo, un partido chave para seguir soñando coa Primeira RFEF. 

 Esta será a cuarta xornada, segunda consecutiva, na que non poida estar o dianteiro cántabro. Nas tres anteriores, o equipo conseguiu gañar a Guijuelo e Depor así como empatar diante do Racing de Ferrol. 

 Portas pechadas.

 Malia haber a posibilidade de contar con afeccionados hai dez días, cando comezou un novo reparto de entradas, o estado actual de Galiza deixa sen posibilidades a entrada de afeccionados nos campos de fútbol unha vez máis. Por sorte, aínda así, o partido poderá verse a través da segunda canle da TVG e escoitarse a través de 'Esedé Radio'. Tamén se poderá seguir nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube.