Punto e final. A Segunda B, tal e como a coñecemos, remata esta fin de semana co final da primeira fase. Unha liga que remata e na que o Compos buscará quedar ben situado para pelexar por estar a vindeira campaña na Primeira RFEF logo de asegurar, de xeito matemático, a Segunda RFEF en Zamora. Un final onde aumentar as opcións de cara á segunda fase coas puntuacións do outro subgrupo xa coñecidas, logo de rematar unha semana antes puidendo preparar con máis tempo a fase final.
Opcións de permanencia.
Se ben é certo que xa están confirmados os oito equipos que pelexarán por non descender á Terceira RFEF, o Salamanca CF UDS buscará aumentar as súas opcións de cara á segunda fase nesta derradeira xornada. Un equipo que, con tres puntos, superaría a Lealtad, Sporting B e Covadonga igualando co Oviedo B, rivais aos que se terá que enfrontar a partir do mes de abril. Para iso, o equipo de Lolo Escobar terá que volver conquistar un Vero Boquete onde fixeron historia asinando o ascenso á categoría de bronce.
Os salmantinos, que partían como un dos favoritos á parte alta da clasificación, foron unha das maiores decepcións da primeira volta. Logo dun cambio importante de cromos, incluíndo adestrador, os casteláns melloraron considerablemente, comezando por unha goleada fronte á Esedé, e convertíronse nun dos equipos máis fortes do subgrupo.
A día de hoxe, ocupan a penúltima posición da táboa con 18 puntos logo de 5 vitorias, 3 empates e 9 derrotas. Un equipo que, como mostra da mellora co actual corpo técnico, sumou un total de 15 puntos no que vai de 2021 encadeando tres xornadas sen perder e gañando en campos como A Malata e Barreiro. A maiores, hai que engadir que se trata dun equipo que anotou 16 goles e que, por contra, é o que máis encaixou, cun total de 22.
A nivel individual, están a destacar este curso Fer Llorente, autor de 4 goles, e o Puma Chávez, autor doutros 4. Dúas pezas fundamentais no ataque salmantino e que xa saben o que é marcar ao Compos logo de anotar un tanto cada un no partido da primeira volta.
Aínda podemos soñar.
Se ben son poucas, existen opcións de que o Compos peche esta primeira fase entre os tres primeiros e asegure a súa presenza na Primeira RFEF, aínda con moitos detalles descoñecidos. De entre 81 combinacións posibles na derradeira xornada, só 2 acabarían cos nosos no terceiro posto sacando do máis alto ao filial do Celta.
O primeiro é o máis importante. O Compos debe gañar si ou si. De non facelo, asegura a sexta posición. No caso de gañar, o equipo subiría algún posto agás que gañen Racing, Deportivo e Celta B ou ben que gañe o Deportivo e empaten os outros dous. Pero imos ao importante, ás posibilidades existentes, reais, de que os nosos aseguren con mes e medio de antelación a terceira categoría do fútbol español. Algo moi sinxelo de explicar mais non así de que se poida facer realidade. E é que os nosos terían que gañar e que os tres que o superan na táboa non o fagan.
No Vao, no derbi vigués, tería que darse un triunfo do cadro verde, xa confirmado como o mellor local do grupo. En Riazor, o Zamora tería que puntuar, xa sexa cun empate ou un triunfo. Mentres que no Reina Sofía, que recibirá afeccionados por primeira vez no que vai de tempada, tería que gañar un Unionistas que apunta a ser acompañante seguro do Zamora na seguinte fase.
Por outra parte, hai que falar de empates múltiples. No caso de que o Compos gañe e Depor e Racing empaten, os tres equipos acabarían cun total de 27 puntos. Nese caso, o conxunto da capital sería cuarto, cos ferroláns quintos e os coruñeses sextos. Se a iso lle sumamos a posibilidade de que perda o Celta B e o empate a puntos aumente a catro equipos, o Racing acabaría terceiro, os nosos cuartos, o Deportivo quinto e o Celta B caería á sexta posición.
44 anos de historia.
A Segunda B nacía en 1977 separada en dous grupos, por reparto xeográfico, e alí estaban Compos, Racing de Ferrol, Pontevedra e Ourense. Unha primeira tempada que acabaría cos nosos descendendo á Terceira división con só un punto de diferenza con respecto ao Sestao.
Só dous anos despois, en 1980, volvería o Compos á Segunda B permanecendo ata 1986 para descender, de novo, na antepenúltima posición malia ser un dos equipos con máis gol da tempada. E tardaría outros catro anos en volver, da man de Fernando Castro Santos, para acabar o curso xogando a súa primeira fase de ascenso ao fútbol profesional superando a Badajoz, Alcoyano e Alavés, ascendendo na derradeira xornada desa pequena liga fronte aos estremeños.
Outros dez anos terían que pasar para que o equipo baixara do fútbol profesional para, en 2002, acabar xogando unha nova fase de ascenso contra Barcelona B, Valencia Mestalla e Mérida, de novo nunha fase de ascenso en forma de liga e sumando un novo ascenso, volvendo á categoría de bronce en só un ano para acabar cun descenso administrativo, mesmo final que tivo o retorno en 2009.
Mellor sería a volta en 2013, conseguindo dúas permanencias consecutivas e descendendo en 2016 para volver logo de catro anos na Terceira galega, o mesmo tempo que tardaría en volver de 1986 a 1990.
Un total de 15 tempadas nas que os nosos conseguirían dous ascensos nas dúas únicas fases de ascenso xogadas.
Grandes segundas voltas.
Deixemos o pasado e as lembranzas por uns intres para falar do que fixeron tanto Compos coma Salamanca CF UDS ao longo desta campaña, con resultados un tanto diferentes, sobre todo na primeira volta.
O Compos está a facer unha tempada para enmarcar. O equipo de Yago Iglesias, malia tardar catro xornadas en asinar o primeiro triunfo, sumaría un total de oito partidos consecutivos sen perder en liga. Sería o propio Salamanca o primeiro que lle quitaría os tres puntos nun partido complicado e nunhas condicións un tanto adversas. O mesmo conseguiría o Celta B no Vero Boquete aproveitando un mal comezo do partido logo de conseguir 11 de 15 puntos en xogo. E a derradeira saída acabaría cun empate que deixou tanto a Compos como Zamora contentos e cos seus obxectivos conseguidos.
Pola súa parte, a primeira parte do Salamanca foi moi mellorable conseguindo só catro puntos antes da visita do Compos ao Helmántico. Por contra, só Coruxo e Pontevedra serían quen de gañarlles nesta segunda volta chegando a esta cita cos ánimos por todo o alto logo de gañar o derbi salmantino.
Historia curta pero intensa.
O Salamanca CF UDS naceu en 2013 partindo dende a Terceira división, da que descenderían unha tempada despois directamente á Provincial, o que aquí sería Primeira Galicia, volvendo á Terceira con dous ascensos consecutivos para medirse ao Compos na primeira fase de ascenso da 'era Yago Iglesias' e asinar un ascenso histórico á Segunda B, na que permaneceron ata agora.
Nesa curta historia, o equipo agora dirixido por Lolo Escobar, pasou polo Vero Boquete para gañar nun partido con pouco que recordar e no que estaban Saro, Casas, Samu e Sergio, que non tería minutos. Un mal precedente ao que darlle a volta este domingo.
Seguen as baixas
Logo de dúas semanas, o Compos volve á acción. Sergio Pereira, que non puido estar fronte ao Zamora, apunta a ser a única novidade. Joel, aínda coa recuperación, Hugo Sanmartín e Primo serán, agás unha sorpresa de última hora, as baixas nun equipo sen sancionados nin apercibidos e que pasou as probas de antíxenos sen ningún positivo.
Si contou con positivos, o do adestrador Lolo Escobar, o Salamanca. Con isto, o equipo tivo que pasar varios días confinado volvendo aos adestramentos ao comezo da presente semana dando negativo o resto.
Todos á vez.
Remata a primeira fase con moito por decidirse. Agás os catro últimos, que xogarán por sumar puntos de cara á segunda fase, e o Zamora, xa clasificado para pelexar por entrar na fase de ascenso á Segunda división, hai aínda por decidirse o segundo e terceiro posto. Para iso, a última xornada será en horario unificado o domingo ás 12 da mañá.
Con ata tres partidos xogados en Galiza no mesmo horario, para quen non poida asistir ao Vero Boquete, a TVG fará un especial cun carrusel en directo cos tres xogos na primeira canle. Ademais, poderá verse o partido íntegro na web. Tamén se poderá seguir a través das contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube e escoitar en 'Esedé Radio', en Twitch.
Ningún comentario:
Publicar un comentario