Chega unha nova xornada en forma de final para un Compos que quere manter a súa boa xeira de resultados levando sen perder toda a segunda volta. Diante, un Pontevedra en progresión dende a chegada de Luisito e con altas miras neste final de tempada. Un partido que pode marcar aínda máis o obxectivo final dos dous equipos habendo a posibilidade de sacar algo de vantaxe con respecto aos postos baixos da clasificación con, aínda, dous partidos máis adiados e que se xogarán o vindeiro mércores.
Manteñen as opcións.
O Pontevedra é, actualmente, sexto clasificado. Un equipo que xogará o seu terceiro partido logo do cambio de adestrador buscando a súa segunda vitoria consecutiva por primeira vez nun curso no que apuntaban a ser un dos rivais a bater. A día de hoxe, nótase a man de Luisito logo de superar ao Salamanca no Helmántico deixando unha moi boa imaxe e recuperando unha boa versión de Rufo.
Con 18 puntos, o equipo granate está fóra dos postos de perigo superando ao Racing de Ferrol, cun partido menos, por só 1 punto. 4 vitorias, 6 empates e outras 4 derrotas, chegando todas nos dous últimos meses. Por outro lado, trátase dun equipo que, curiosamente, anotou os mesmos goles que encaixou. Un total de 15 goles tanto a favor coma en contra que os sitúan tanto como un dos equipos con máis acerto e, por contra, tamén como un dos equipos con máis problemas en defensa quedando só sen encaixar en tres citas, rematando dúas delas con empate sen goles.
En canto aos partidos en Pasarón, foron quen de rematar a primeira volta sen derrotas, superando a Celta B e Salamanca e empatando contra Unionistas e Depor. Non obstante, comezaron o ano con derrota fronte ao Racing de Ferrol e tampouco foron quen de puntuar na visita do Zamora, caendo en ambas as dúas citas pola mínima. Tampouco serían quen de anotar fronte ao Guijuelo no partido adiado malia contar con numerosas ocasións.
A nivel individual, hai que destacar á parella ofensiva que xa suma máis da metade de goles de todo o equipo. Entre Rufo e Charles anotaron un total de 8 goles, 4 cada un. Unha parella que leva unha volta completa repartíndose os goles do equipo, sendo a visita ao Vero Boquete a última ocasión na que un gol do Pontevedra non levaría un dos seus nomes.
Gran partido tamén nas bandas.
Sen dúbida, Yago Iglesias está a demostrar o seu nivel como adestrador na súa estrea na Segunda división B. O adestrador branquiazul, que no seu quinto ano na Esedé xa ten unha idea máis que consolidada e un fútbol moi recoñecible, terá que enfrontarse de novo á idea dun Luisito máis experimentado e con intencións de devolver o gol ao equipo pontevedrés. Ademais, será a terceira vez na que se vexan as caras en dous anos.
Luisito chegaría ao Fabril hai xa dous anos coa intención de salvar ao equipo na categoría de bronce, algo que non sería posible. Xa na Terceira, o de Teo tería que visitar San Lázaro co filial deportivista na primeira volta caendo grazas aos goles de Brais Abelenda e Josiño nun gran partido dos nosos. Menos sorte, pero máis goles habería nun partido dominado polo cadro santiagués pero marcado pola polémica en Abegondo con empate a dous goles, obra de Bicho e Primo.
Antes, o ex xogador do Compos, tería a oportunidade de enfrontarse ao cadro branquiazul en varias ocasións con Ciudad de Santiago, Racing de Ferrol, Clube Deportivo Ourense e o propio Pontevedra.
Pasarón e os empates.
A historia quixo que Compos e Pontevedra se enfrontaran nas terras do Lérez nun total de 9 ocasións sendo a primeira en 1977 e a última, ata hoxe, en 2015. Un emparellamento e un campo que non deixa grandes resultados para os intereses dos nosos mellorando ao longo da historia.
Dúas veces caeron os nosos en Pasarón. Sería a primeira en 1977 por 3 a 2 con Fernando Castro Santos como xogador, e goleador, do conxunto granate. Anos despois chegaría ao Compos para ser adestrador durante 6 cursos consecutivos levando ao equipo ao máis alto. A segunda, por dous tantos de diferenza, sería en 1984.
Entre as dúas derrotas, que daquela servían para sumar 2 puntos ao vencedor, hai que contar cun empate en 1980 a un gol. Sería a primeira ocasión na que se repartirían os puntos mais non a última, nin moito menos. De feito, en 1985 e 2012 repetirían resultado mentres que en 1991, 2001 e 2015 acabarían sen goles por parte de ningún dos dous conxuntos.
E con tanto empate, non se pode non falar do único triunfo dos nosos a domicilio fronte ao cadro granate. Sería en 2010 grazas aos goles de Iván González e Tiko Messina. Por parte dos locais, o autor do único gol sería Charles, que volverá medirse aos nosos once anos máis tarde. Quen tamén repetirá, pero nas filas santiaguesas, será Jimmy, que contou con 45 minutos naquela cita.
Superiores.
Se falamos da historia entre os dous, non hai que esquecer o que pasou na primeira volta. O Pontevedra chegaba ao Vero Boquete sendo, como se esperaba, un dos equipos máis perigosos do campionato. Diante, un equipo con boas sensacións pero con dificultades para pasar do empate.
Sobre o verde, as clasificacións non falan e un gran equipo como é o Compos si o quixo facer dende o comezo. Tal foi así que o primeiro gol, obra de Brais Abelenda, tardaría en chegar algo máis de cinco minutos aproveitando un erro defensivo. Por contra, non tardaría en respostar o Pontevedra cunha oportunidade perdoada por Rufo e un golazo de Jorge Fernández desde fóra da área.
Antes xusto do tempo de lecer, chegaría na outra banda, con Juampa como primeiro protagonista, o primeiro gol de Primo no presente curso marcando un gran gol. Non obstante, a resposta chegaría na reanudación cunha falta directa de Imanol que toca, pero non o suficiente, Pato. Durante o resto do segundo tempo, as ocasións sucedéronse na portería defendida por Mario Fernández cun balón ao longueiro de Primo que non quixo entrar por moi pouco.
Máxima igualdade.
Dous puntos separan a santiagueses e pontevedreses nunha clasificación aínda irreal, con dous partidos adiados con tres rivais directos na loita por estar no terceiro posto, aínda sen un dono claro e con moitos pretendentes. Esa vantaxe, cos nosos por diante, dáse grazas aos diferentes camiños que están a levar os dous equipos, un chamado a pelexar pola Segunda división e outro que quere optar á Primeira RFEF.
Nesta volta completa, dende a visita do Pontevedra a San Lázaro, o Compos foi quen de golear en Barreiro, soñar en Riazor e sufrir contra o Coruxo sacando os tres puntos. Ademais, os de Yago Iglesias puntuarían contra Zamora, Unionistas e Racing na casa e na visita a Guijuelo. O único 'pero' chegaría no Helmántico, nun partido marcado polo mal estado do campo, e que remataría con derrota clara e a lesión de Primo.
No mesmo tempo, o Pontevedra sumiríase nunha mala xeira de resultados conseguindo só gañar ao Salamanca no Helmántico hai unha semana. Antes, tiveron que dar por bos os empates contra Depor e Guijuelo en Pasarón, así como outro en Barreiro, chegando a ir por diante ata o engadido. A parte, derrotas no Vao, no Reina Sofía e fronte ao Zamora na casa. Un equipo que, ata o triunfo en Salamanca, só fora quen de marcar dous goles en dous meses encaixando, por contra, un total de oito.
A lei do ex.
Ao igual que Juampa asinou dous goles contra o Coruxo hai escasas semanas, nesta ocasión hai tamén a posibilidade de que un ex, agora nas filas do Compos, marque na que foi, durante algún tempo a súa casa. Neste caso, ata catro xogadores saben o que é defender as cores do Pontevedra nalgún momento da súa carreira.
Hugo Sanmartín e Josiño pasaron pola base do cadro granate deixando a entidade o primeiro no filial e asinando co Rápido de Bouzas. Pola súa parte, o segundo remataría a súa formación no xuvenil do Deportivo.
Xa en categoría senior, Miki defendería ao equipo do Lérez de 2015 a 2017 con varios meses de cesión no Rápido de Bouzas. Pola súa parte, Jimmy chegaría a Pasarón en 2017 permanecendo unha tempada antes da súa primeira etapa fóra da nosa terra, no Arenas de Getxo.
Dúbidas e baixas.
Chegamos a unha nova xornada importante e os problemas á hora de pechar a convocatoria continúan. Juampa será baixa segura por acumulación de amoestacións mentres que Primo e Hugo Sanmartín serán dúbida ata última hora, habendo a posibilidade de entrar na convocatoria pero sen a seguridade de que aparezan no once titular. Por outra parte, seguen sendo baixa Gabri Palmás, positivo por Covid-19; Guille Torres, que podería volver para Zamora, e Joel, que xa ultima a súa recuperación pensando en debutar na segunda fase.
O partido do día.
Nunha xornada na que o Deportivo visitará A Malata e o líder recibe ao terceiro clasificado, temos un dos grandes partidos do fútbol galego. O Compos visitará Pasarón o domingo ás 17 horas nun dos grandes partidos da fin de semana na Segunda B. Un partido que se poderá ver a través da TVG2, seguirse nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube e escoitarse en directo por 'Esedé Radio'.
Ningún comentario:
Publicar un comentario