Un punto máis

 O Compos, que xa sabe que rivais terá de cara á segunda fase, acaba a primeira nunha sexta posición que o mantén con algunhas opcións de pelexar pola Primeira RFEF. Isto chega logo dun empate fronte ao Salamanca CF e merecendo moito máis nun segundo tempo moi desigualado, no que os nosos creron en si mesmos e, por momentos, houbo incluso opcións reais de acabar na parte máis alta da clasificación. Non obstante, a pelota non quixo entrar máis dunha vez nun xogo que puido acabar con goleada local. 

 Do primeiro tempo, moi pouco que contar. O Compos saltou ao campo cun par de marchas menos e iso non o desaproveitou o conxunto charro na primeira oportunidade que tiveron diante de Pato. Un gol que evitou o uruguaio en primeira instancia, nun disparo do Puma Chávez, pero que nada puido facer no rexeite, que non perdoou Camacho. 

 A resposta do Compos foi case inmediata. Centro de Bicho e Josiño non é quen de anotar o que puido ser o empate. Non obstante, agás un par de ocasións dende lonxe, o equipo foi incapaz de incomodar ao porteiro visitante antes do tempo de lecer coa pelexa polo centro do campo perdida. 

 Contra un muro. 

 As cousas melloraron dende o primeiro segundo da reanudación. As sensacións e a imaxe do equipo eran moi diferentes. Máis intensidade, máis balón, mellores combinacións... Pero diante había un muro formado por once xogadores e que non foi nada doado de superar. Sería preciso a chegada dun defensa, de Soto, para cambiar o resultado cun disparo do ourensán no segundo pau imposible para o porteiro. Gran gol con asistencia dun Brais Abelenda que puido ser chave. 

 O de Bembibre apareceu en cada ocasión de perigo, colaborando moi ben con Jimmy pola esquerda do ataque branquiazul. Mais sería incapaz de transformar cada unha das súas xenialidades en gol. Tampouco Miki, que entrou no segundo tempo, sería quen de marcar ese gol tan importante co que pasar a depender de nós mesmos na segunda fase. 

 Finalmente, e malia intentalo en numerosas ocasións, a pelota non quixo volver entrar asinando un novo empate na volta dos afeccionados a Preferencia. 

 E agora que? 

 Remata a primeira fase e o Celta B, que remontou contra o Coruxo, é o campión cun triplo empate con Unionistas e Zamora. Cun punto menos, o Deportivo pelexará xunto con Racing e Compos por estar na Primeira RFEF. Tres equipos que, por puntos, superan aos do outro subgrupo cos nosos empatados con Numancia e Langreo. Por contra, Pontevedra, Coruxo, Salamanca e Guijuelo terán que pelexar por asinar a permanencia na Segunda RFEF. 

 Mañá, luns, poderemos coñecer o novo calendario. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario