Segunda RFEF asegurada!

 O Compos volve de Zamora coa Segunda RFEF no peto. O equipo, que chegou ao tempo de lecer por diante no marcador, asegurou a permanencia na que será a cuarta categoría do fútbol español no Ruta de la Plata nun partido duro, difícil para os dous equipos e no que as forzas non deron para moito máis. Un gol de Miki para os nosos e outro do ex do Compos Dani Hernández serviría para asegurar obxectivos cun final inesperado onde os dous equipos preferiron asinar o punto e non arriscar. 

 Con moito en xogo, o encontro arrincou cos visitantes mandando e Miki coa moto prendida. O de Nigrán creou a primeira xogada de perigo, á que non puido chegar Juampa e, minutos despois, anotaría o único gol dos nosos. Unha nova carreira pola banda e disparo ao primeiro pau no que o porteiro pode facer máis. Un premio merecido para os nosos que estaban a ser superiores sobre o verde. A iso hai que engadir, tamén, un man a man de Gabri Palmás co porteiro e o rexeite que non foi quen de materializar Brais Abelenda no máis destacable do primeiro tempo. 

 Pasado o tempo de lecer, Miki tería outra oportunidade, petando o esférico nun defensa. Un minuto despois, nun saque de banda, Dani Hernández non perdoou logo dun erro defensivo asinando un empate que ninguén podería cambiar. Gabri Palmás e Bicho tiveron a oportunidade de mellorar o resultado e traer os tres puntos petando, os dous disparos, na defensa. 

 Final conformista. 

 Os dous equipos chegaban con baixas e durante todo o partido houbo serios problemas físicos que provocaron un troco por equipo. Cun resultado que servía aos dous, durante máis de vinte minutos houbo bandeira branca e ningún buscou o ataque asinando o empate. 

 Agora, os nosos terán dúas semanas para preparar a visita do Salamanca a Santiago na derradeira xornada desta primeira fase e tentar chegar ben á segunda. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario