O Compos asinou un empate moi importante na visita do Racing de Ferrol ao Vero Boquete. Un partido onde os ferroláns tiveron as mellores ocasións e, incluso, grandes opcións de gañar fronte unha Esedé que mellorou na segunda metade ata o punto de igualar o resultado volvendo, os de Parralo, a ser superiores xogando o treito final unicamente en campo branquiazul, sen opcións de remontada.
O partido comezou do peor xeito posible. A base de xogo duro, o Racing buscou frear o comezo dun Compos que xogou con medo os primeiros corenta e cinco minutos. Tal foi así que puido haber un penalti sobre Soto antes dos cinco minutos levando un cobadazo o central e tendo que ser atendido ata en dúas ocasións. A parte, cabe destacar o pouco fútbol nos vinte primeiros minutos.
Cos nosos fóra do partido, o Racing mellorou aínda máis creando unha gran ocasión colectiva na área e que acabaría con gol de Fer Beltrán. Un gran gol co que se adiantaba o conxunto verde na primeira, e única, oportunidade clara dun mal primeiro tempo con máis interrupcións que fútbol.
De máis a menos.
Logo do paso por vestiarios, o equipo dirixido por Yago Iglesias mellorou notablemente. Malia manterse o xogo duro do Racing, con algo de permisividade do colexiado, o nivel santiagués aumentou e as ocasións sucedéronse na porta defendida por Diego Rivas. Dúas oportunidades de Brais Abelenda desbaratadas polo gardameta e unha de Miki que petou no pau serviron para avisar do que chegaría pouco despois.
Superada a hora de partido e co Compos facendo bo fútbol, aparecería Bicho para poñer de novo en problemas a Rivas. O gardamallas sacou o disparo do sadense pero o rexeite salvouno Samu asistindo este a Álvaro Casas, que estreou a súa conta particular cun gran disparo ante o que nada puido facer a defensa visitante.
O Racing mereceu máis.
Co empate no marcador, o Racing aumentou a presión e o partido pasou a xogarse unicamente nas inmediacións da área de Pato. Con Jimmy e o propio gardameta uruguaio, as opcións de sumar de tres dos ferroláns desapareceron por completo nun treito final onde se puido ver o debut de Toño, xogador do Xuvenil A, na súa primeira convocatoria.
Agora, o equipo terá unha semana para preparar unha nova cita importante, en Pasarón, onde non poderá estar Juampa por acumulación de amoestacións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario