As baixas, unha semana atípica de adestramentos e un gran Pontevedra non foron quen de frear a este Compos. Un novo triunfo do cadro dirixido por Yago Iglesias que se permite soñar cos postos altos da clasificación a só tres xornadas para o final da primeira fase. Vitoria, grazas a un gol de Miki nos minutos iniciais, que supón, ademais, gañar no global a outro rival directo que pecha os postos baixos con cinco puntos de diferenza.
O partido comezou co Compos tentando mandar sobre o verde e a primeira oportunidade de gol, superados os dez minutos, chegaría a prol dos nosos. Unha xogada que comeza cun roubo de Samu, pase para Brais e asistencia a Miki, que non perdoou cun disparo cruzado. Un gran gol do extremo na súa volta á cidade do Lerez, onde comezou a súa carreira 'senior' nas filas do filial pontevedrés. Non obstante, esa acción cambiaría por completo un partido no que mandaría o Pontevedra.
Só lles faltou o gol.
Dende o minuto vinte de xogo e ata os quince últimos do segundo, o Pontevedra dominou o partido xogándose, gran parte del, nos arredores da área defendida por Pato. A isto hai que engadir o nome de Rufo. O dianteiro madrileño tería ata tres ocasións moi claras nas que se toparía coa madeira superando unha defensa moi poboada como pasou a ser a nosa, que comezou con cinco homes volvendo á titularidade Matías Vesprini.
Por sorte, o balón non entrou na portería de Pato, e non foi por falta de ocasións máis que claras. Os de Luisito atoparon polas bandas unha opción de perigo e buscaron así a Rufo durante boa parte dun partido no que non apareceu Charles. Por sorte, poucas ocasións foron entre os tres paus.
Bicho, moi perigoso.
Os minutos ían pasando e o Pontevedra buscou novas opcións, baixando a intensidade. Nese momento, apareceu Bicho. O de Sada, incansable, buscou aos seus compañeiros con grandes pases aparecendo opcións de anotar un segundo gol co que certificar os tres puntos. Non obstante, Jimmy non foi quen de superar a Mario e, minutos despois, sería o canteirán do Deportivo o que probaría sorte, sen entenderse Sergio Pereira e Primo na segunda xogada.
Finalmente, os nosos asinaron tres puntos de ouro para poñerse con cinco puntos sobre os postos baixos e a só tres do líder, o Unionistas, con dous partidos entre semana que poden dar outra volta a eses postos máis altos dunha clasificación na que pode pasar de todo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario