Chega un novo ano e o Compos quere seguir sumando puntos e boas sensacións na súa volta á Segunda B, coa Primeira RFEF como posible obxectivo. Con el, un final de primeira volta a domicilio nun campo histórico do fútbol español e que volverá cruzarse nos plans do equipo dirixido por Yago Iglesias. Un partido complicado contra un colista que quere revertir a súa situación coa chegada de novos xogadores e corpo técnico. E todo isto, logo de empatar contra o Unionistas na casa nun partido dominado con gran claridade.
A decepción da competición.
O Salamanca CF UDS non comezou nada ben a competición neste curso. Un dos equipos chamados para estar na parte alta e que semella que acabará pelexando ata o final por manterse na Segunda B, ou Segunda RFEF como pasará a chamarse a que será a cuarta categoría do fútbol español a partir do vindeiro curso. Tal é así que, logo de oito xornadas, os salmantinos só sumaron catro puntos, na segunda xornada fronte ao Coruxo na casa e un empate para abrir a segunda volta. Uns resultados moi negativos do, con diferenza, peor clasificado de todo o grupo, sumando os dous subgrupos.
Comezaron a competición metendo en problemas ao Deportivo en Riazor, prometendo ser un equipo que dera guerra sobre o verde e caendo no engadido. Unha semana despois, superaron ao Coruxo na súa estrea na casa. E contra o Guijuelo chegou unha xeira que agora conta con seis derrotas consecutivas e só un gol a favor, insuficiente para sacar algo positivo da visita do Racing de Ferrol ao Helmántico.
Sería no propio Helmántico no que sacarían os seus mellores resultados, unha vitoria, a única polo momento, e unha derrota pola mínima marcando, e tamén onde sufrirían a súa maior goleada en contra a mans dun Celta B que caería en Barreiro sete días despois a mans dos nosos. Tamén serían quen de empatar sen goles contra o Deportivo nun partido marcado polo estado do terreo de xogo.
Para tentar arranxar os problemas, a directiva púxose mans á obra e van xa tres novas fichaxes. Comezando con Javi Navas, procedente de Unionistas, e seguindo por Iván Casado e Sergio Ayala. Estes tres, e o resto do equipo, terán como novo adestrador a Lolo Escobar, ex do Las Rozas, tentando mellorar a imaxe dun equipo moi defensivo e con pouco gol. Ante isto, por contra, causan baixa no equipo Lacerda, Javi Jiménez e Madrigal.
Un campo na nosa historia.
O Helmántico, campo fundado alá polo ano 1970, recibiu ao Compos en ata sete ocasións ao longo da historia. Se ben é certo que a maior parte dos partidos foron fronte á UD Salamanca, xa non é a primeira vez na que os nosos se enfrontan ao Salamanca CF UDS, antes coñecido como Salmantino CF, no histórico estadio.
Contra o principal equipo da cidade, desaparecido en 2013 e deixando o grupo no que xogaría contra os nosos cun equipo menos, as 6 visitas acabarían con 2 triunfos para os nosos, sendo o último no ano 2001; 2 empates e outras 2 derrotas. Un emparellamento que deixou bos resultados para os nosos e que rematou con vitoria local por 4-2.
Xa contra o actual Salamanca CF UDS, hai que falar só dun partido. Sería na fase de ascenso á Segunda B en 2018, a primeira con Yago Iglesias no banco, e os nosos non poderían pasar do empate a un gol. Naveira conseguiría igualar o resultado sendo insuficiente para conseguir o ascenso coa derrota no Vero Boquete unha semana despois. De dito partido, ademais do corpo técnico,
A parte, será a segunda vez na que o Compos visite a cidade nesta tempada. A primeira sería na estrea do campionato para enfrontarse por primeira vez na historia fronte a Unionistas. O resultado sería a primeira derrota, e única polo momento, dun equipo que puntuou no resto de partidos.
Filomena fixo acto de presenza.
Logo dunha volta case enteira sen partidos adiados no noso subgrupo, chegou Filomena para facer estragos e obrigar a cambiar de datas dous partidos, sendo o noso un deles. Unha cita que que se pasa a un momento complicado coa intención de non deixar pasar máis o final da primeira volta, primeiro punto a ter moi en conta por se finalmente é o virus o que obriga a frear a tempada antes de tempo por segundo ano consecutivo.
Por sorte para os nosos, a segunda volta puido comezar sen problemas recibindo a Unionistas no primeiro partido deste 2021. Un encontro dominado con gran claridade por parte dun Compos sen gol, sen acerto, malia contar con boas oportunidades na portería defendida por Serna. Ademais, hai que sumar unha gran actuación defensiva tanto da parella defensiva formada por Guille Torres e Soto aos que engadir a un Pato imparable e que suma xa tres partidos sen recibir un gol repetindo a xeira por segunda vez no curso superando a primeira cifra, situada en 314 minutos consecutivos, no comezo do partido en Salamanca, xa que a actual está en 313.
Pola súa parte, o Salamanca arrincou recibindo ao Deportivo no Helmántico. Cun campo en condicións mellorables e aínda con algo de xeo nalgunhas partes, os dous equipos deixaron un partido con estrea de adestrador nos dous lados e pouco fútbol. Escasas ocasións, medo a mancarse e, de momento, poucas ideas de xogo cos novos adestradores nos dous equipos ante os que os nosos terán que xogar, en ambos os dous casos a domicilio, ao longo desta semana.
Falta gol.
Tanto Compos como Salamanca non destacaron por ser equipos con moito acerto goleador ata o momento. Dous equipos con estilos moi diferentes pero con ocasións para poder levar algún que outro tanto máis nas súas contas chamando a atención neste sentido a falta de gol dos nosos, merecendo máis en algúns partidos.
O Compos, que pechará a primeira volta dende os postos de promoción de permanencia en Segunda RFEF, anotou 9 goles. Agás os tres últimos clasificados e o Deportivo, que aproveitou á perfección cada ataque para manterse na parte alta, o resto foron quen de ver máis portería destacando os 14 goles do Racing de Ferrol.
Pola súa parte, o Salamanca é o equipo con menos puntería. Un equipo moi defensivo, que busca as súas oportunidades á contra marcando todos os seus goles nos catro primeiros partidos, sumando xa 5 partidos sen marcar.
A defensa, un muro difícil de superar.
Logo de nove xornadas, o Compos é o segundo equipo con menos goles en contra só superado por un Unionistas que puido saír do Vero Boquete con algún que outro gol encaixado dadas as numerosas chegadas dos nosos, aínda que con problemas importantes para finalizar.
Con Casas e Soto como parella titular indiscutible e Guille Torres aparecendo con seguridade cando un dos habituais non pode estar, as portas da meta compostelanista están ben cubertas. Ademais, hai que sumar ao porteiro que máis minutos foi quen de aguantar sen encaixar gol de forma consecutiva na historia do Compos. Unha xeira que parece querer superar unha vez máis sumando 313 minutos sen encaixar gol. Non obstante, primeiro terá que superar os 314 minutos que sumou entre a primeira xornada e a quinta, cun gol de Joselu.
Mais, estes algo máis de 300 minutos non se poden situar como a mellor xeira de Pato baixo paus defendendo as cores da Esedé na Segunda B. Na 2015/16, o gardameta uruguaio sería quen de aguantar 529 minutos sen encaixar, sen poder evitar o descenso do equipo.
Non obstante, lonxe quedan aínda os 569 minutos sen encaixar na tempada 2001/02, os 590 da 90/91 ou os 608 da 83/84, sendo a cifra máis alta do equipo na Segunda división B.
Dobre importancia.
Co estado actual da pandemia, aumentando os casos cada día, hai que pensar na posibilidade de que a tempada se dea por finalizada antes do previsto e, de ser así, serían os puntos colleitados na derradeira xornada da primeira volta os que se tomarían en conta. Con isto, o partido cobra aínda máis importancia para un Compos que quere mellorar as sensacións sumando goles, puntos e aumentar as opcións de ascenso.
Con todo o anterior, hai que falar do que pode supoñer o partido deste mércores. O Compos parte como sétimo clasificado, en postos de promoción de permanencia. Os postos de promoción de ascenso á Primeira RFEF están a só un punto gañando ao Racing de Ferrol na diferenza de goles, sendo suficiente un empate para ascender á sexta posición nese suposto.
Non obstante, por que non pensar en algo máis? Un triunfo faría que non só superásemos ao Racing de Ferrol senón que, ademais, deixaríamos atrás ao Celta B. Tamén cabe a posibilidade de superar ao Pontevedra no caso de que non consigan gañar ao Guijuelo no seu partido adiado e aínda sen data coñecida logo de que o conxunto castelán tivera que suspender tamén o partido contra o Celta B, neste caso por positivos de coronavirus no equipo verde.
Álvaro Casas, dúbida.
De cara a este final de primeira, Yago Iglesias conta coa dúbida de Álvaro Casas, que non puido estar contra o Unionistas por decisión técnica. Ademais, veremos como chega Saro logo de ter que ser substituido o pasado sábado. Por outra parte, ningún periga de cara ao partido do domingo en Riazor por posible acumulación de amoestacións
Joel segue ocupando a enfermaría sendo a única baixa segura a estas horas e avanzando ben na súa recuperación puidendo ser unha parte importante na segunda parte da tempada.
A merenda, en Footters.
A primeira volta terá o seu fin para os nosos, xa que Pontevedra e Guijuelo aínda terán que esperar algo máis, este mércores ás 16:30 horas nun Helmántico, esperemos, sen tanto xeo e onde non haxa que preocuparse de posibles lesións polo estado do verde. Partido que poderá verse a través de Footters ademais de seguirse nas contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube.
Ningún comentario:
Publicar un comentario