O Compos non só non puido volver da súa segunda visita a Salamanca con puntos senón que, ademais, hai que falar dalgún que outro problema físico, posiblemente chegado polo estado dun terreo de xogo en pésimas condicións. Aínda así, non hai excusas nun dos peores partidos dos nosos no que vai de tempada faltando o gol. A maiores, hai que engadir que a segunda derrota dos nosos, contra o último clasificado, é a maior dende abril de 2019.
Un partido que se presumía complicado para os nosos, nunha semana chave, e que comezou xa cun cartón amarelo para Soto no primeiro minuto de xogo logo de escorregar no centro do campo, algo que pasou durante os noventa minutos e suficiente para sinalar aínda máis faltas e ensinar cartóns, deixando o listón bastante baixo. Tamén escorregaron o propio Soto e Antas no que acabaría sendo o primeiro gol do partido, obra do 'Puma' Chávez.
O mal arrinque dos nosos mantívose ata a media hora, co Salamanca obtendo as mellores ocasións, mandando outro balón ao longueiro nunha falta directa poucos minutos despois de adiantarse no marcador. Mais, por sorte, o equipo foi de menos a máis conseguindo facerse coa posesión do esférico e metendo ao cadro local na súa área, aínda que sen ningún premio transformado en ocasións de perigo.
A chuvia complicouno aínda máis.
Se o mal partido dos nosos no era suficiente, o campo foi empeorando aínda máis co paso dos minutos por mor da chuvia. Cada balón dividido era falta no criterio dun árbitro que deixou moito que desexar nalgunhas accións sendo importante nunha chegada dos nosos petando nel o balón na área e dando a posesión ao Salamanca nun saque neutral.
Os trocos tampouco axudaron a mellorar a un Compos sen pegada e que se cargaría de cartóns cun partido menos duro do que pode facer pensar a acta arbitral. Se a iso se lle engade que os nosos perdoaron o empate, nas botas de Soto dende a área pequena e que mandou directamente ao ceo de Salamanca. Logo desa ocasión, non perdoarían os de Lolo Escobar.
O segundo non chegou exento de polémica. Saque de falta, toca Pablo Antas e Casado remata de cabeza. O asistente sinala fóra de xogo pero o colexiado valida o gol. Cinco minutos despois, Fer Llorente completaría a goleada salmantina.
O peor non foi o resultado.
Un resultado moi negativo, para un Compos sen moitas ideas. Non obstante, o peor chegaría en forma de problemas físicos. Primo tivo que retirarse por problemas na perna dereita mentres que Juampa semellaba ter algún problema na última ocasión do partido. Agardemos que nos dous casos non sexa nada, ou o menos posible, e poidan estar canto antes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario