Comezamos a segunda volta, aínda sen rematar a primeira, e repetimos o resultado máis habitual nos nosos partidos. Por cuarta vez na tempada, o equipo volve quedar sen gol nun partido dominado de principio a fin e no que a falta de acerto foi determinante logo de numerosas ocasións na área rival. A iso hai que sumar, ademais, un traballo inmellorable en defensa por parte de todo o equipo sendo unha parte moi importante Guille Torres, que volvía ao once acompañando a Soto. Outra peza que segue a ser fundamental é Pato, un dos porteiros menos goleados da categoría e que salvou ao equipo cando máis perigo provocou un Unionistas sen forza nin ideas.
Os primeiros minutos de partido foron de tanteo no centro do campo, sen que ningún dos dous equipos conseguira levar o mando. Mais, pouco a pouco, sería o Compos o que metería ao rival no seu campo con posesións longas e chegadas pola banda dereita con Miki como peza fundamental. Só faltaba unha cousa: alguén que rematara as ocasións que, co paso dos minutos, foron facéndose máis claras.
Superados os quince minutos de partido, esa lixeira superioridade pasou a ser total e absoluta evitando calquera contra en labores defensivas e probando á defensa visitante en cada xogada de ataque. Juampa, Miki, Brais Abelenda, Primo e incluso Jimmy chegando dende atrás, e tendo a mellor dos primeiros corenta e cinco minutos, non serían quen de superar a un Serna seguro baixo paus grazas tamén á barreira formada por ata oito xogadores permanecendo só dous por diante do balón para buscar crear un perigo que nunca chegou.
Dito guión repetiuse tamén durante todo o segundo tempo, cun Compos moi metido no partido e deixando unha imaxe inmellorable, das mellores da tempada, fronte a un líder que non demostrou esa superioridade que si se ve na táboa, chegando a esta cita con cinco puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado. E, de novo, faltou o gol. Nin as entradas de Josiño e Hugo Sanmartín serviron para mellorar ese acerto con Primo e Brais incapaces de aproveitar ese último pase.
Pato, fundamental.
Sen o balón, Unionistas puido ter tamén algunha que outra oportunidade facendo traballar a Pato. O gardameta uruguaio salvou ao equipo ata en tres ocasións claras sendo unha delas obra de Alex Rey dende a frontal, cunha oportunidade semellante á que tivo para superar ao Racing de Ferrol seis días antes.
Ao uruguaio hai que sumar tamén a boa actuación de Guille Torres en defensa. O catalán cubriu ben a baixa de Álvaro Casas e demostrou un gran nivel malia non contar con moitas opcións no once titular.
Agora, o equipo terá dous días para preparar o partido fronte ao Salamanca CF UDS no Helmántico co que pechar a primeira volta tentando acabar fóra dos postos de perigo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario