Retomamos a segunda volta logo da segunda derrota do campionato, posiblemente máis importante do que pode parecer, e hai que facelo cunha saída diferente. E é que Riazor recibirá ao Compos por primeira vez dende 1998, dúas categorías por debaixo daquela vitoria histórica aínda que insuficiente para poder asinar un quinto ano entre os máis grandes. Agora, os dous equipos terán que enfrontarse no feudo coruñés logo de 40 anos na derradeira tempada dunha categoría que pode ter un final aínda máis diferente.
Un histórico en horas baixas.
Coa segunda volta xa en marcha, o Deportivo ocupa un dos postos máis alto da clasificación. Non obstante, o equipo coruñés non está a deixar boas sensacións e pasa por un camiño complicado, con catro xornadas sen gañar e confirmado como un dos equipos con máis problemas á hora de ver portería. Un mal curso que levou a Fernando Vázquez ao paro así como buscar un novo estilo de xogo que pode facerse ver contra un Compos que tampouco está a pasar polo seu mellor momento.
Con máis nomes que fútbol, son terceiros na clasificación, superados por Zamora e Unionistas, suman apenas 16 puntos de 30 posibles, coa posibilidade de caer aínda máis de sumar tres puntos o filial celeste fronte ao Guijuelo nun dos partidos adiados que hai a día de hoxe no noso grupo. Para conseguir iso, superaron 4 partidos e empataron outros tantos. Ademais, tanto Celta B coma Zamora conseguiron tres puntos contra eles cando, sobre o papel, semellaba difícil.
En canto a goles, tiveron un acerto que, noutro caso, sería para pelexar pola permanencia. Só 7 goles a favor máis que suficientes para puntuar sendo quen de anotar máis de un só fronte ao Salamanca na primeira volta, chegando o segundo xa fóra do tempo regulamentario e importante para poñer no casilleiro o primeiro triunfo. Por outro lado, para compensar, trátase do segundo equipo con mellor defensa con só 5 goles recibidos, 4 deles no terzo final da primeira volta.
A nivel individual, nun equipo con moito futbolista profesional que a pasada tempada estaba na Segunda división, hai que destacar a experiencia de Alex Bergantiños ou o acerto, por chamarlle dalgunha maneira, dun Diego Rolan que é o máximo anotador en solitario con 2 goles.
Falta gol.
Tanto Compos, con 9 goles a favor, coma Depor, con 7, teñen unha gran ausencia de gol. Os dous equipos encadean xa unha xeira preocupante sen marcar, sendo nos nosos un total de 272 minutos sen conseguir perforar a portería rival. Pola súa parte, os coruñeses encadean xa 243 dende que anotaron contra o Celta B un gol que de pouco serviu, xa que acabarían sen sequera puntuar.
A tempada tivo un arrinque complicado para un Compos que non sería quen de marcar contra Unionistas, perdendo no Reina Sofía, así como contra o Depor e o Coruxo, en dous partidos no que merecerían algo máis. Oito minutos, tardaría Miki en inaugurar a conta dun equipo na cuarta xornada. Outras catro pasarían cos nosos vendo porta, encadeando dúas vitorias e dous empates. Non obstante, logo do triunfo en Barreiro, o equipo volvería a perder ese acerto quedando sen marcar contra Zamora, Salamanca e Unionistas, sendo moi superior contra este último. A só 6 minutos de superar esa xeira negativa e con problemas engadidos nun ataque con falta de efectivos.
Pola súa parte, o Deportivo sería quen de abrir a tempada cun triunfo pola mínima contra o Salamanca. Dous goles en Riazor que non volverían repetir no resto dunha tempada na que quedarían sen marcar, aínda que puntuarían, no Vero Boquete, no Municipal de Guijuelo e no Helmántico. Si poderían anotar, e gañar pola mínima, contra Unionistas a domicilio e Coruxo e Racing de Ferrol, de penalti neste caso, en Riazor, onde asinarían 9 de 12 puntos posibles. Menos serviron os goles contra Pontevedra, empate, e Celta B, acabando este con derrota, para encadear agora case 250 minutos sen ver portería.
A historia non está do noso lado.
Se ben moitos aínda recordamos o último partido dos nosos en Riazor, hai case 23 anos, hai que falar tamén doutras visitas branquiazuis ao Deportivo sen resultados tan favorables. E é que, de feito, só podemos atopar unha visita na que o Compos volveu da Coruña cos tres puntos no peto encaixando outras 4 derrotas entre a Segunda B e a Primeira división.
Na categoría de bronce, na que se puideron ver as caras na primeira tempada dos coruñeses na categoría, segunda para os nosos, e o resultado non foi todo o bo que nos gustaría para os nosos cunha derrota pola mínima. Unha cita que se repetirá na categoría 40 anos despois e que, aínda que non o resultado final, tamén tivo un empate na capital galega.
Xa en Primeira, nos anos 90, repetiríase a derrota pola mínima en dúas ocasións e, en 1996, serían dous os goles de vantaxe para os locais sendo a nosa maior derrota contra o Deportivo. Non obstante, esta serie de negativos marcadores rematou na última visita dos nosos a Riazor ata o momento. Sion e Bellido porían unha vantaxe cómoda a prol dos nosos á media hora de partido, que neutralizarían Naybet e Djalminha antes do tempo de lecer. No segundo tempo, outros dous goles de Romano Sion, Ohen e Viedma completarían un 2-6 para a historia.
Xa na primeira volta, no Vero Boquete, o Compos de Yago Iglesias sería superior aos de Fernando Vázquez pero faltaría, como non, o gol. Unha cita que demostraría o bo nivel que amosarían os nosos durante o resto do curso, agás algún que outro partido.
Obrigados a gañar.
Mes de decembro. Sétima xornada de liga. O Compos visitaba Barreiro para enfrontarse a un Celta B á alza, que chegaba á cita logo de dúas vitorias consecutivas. Un partido ao que os nosos chegaban logo de cinco xornadas sen perder, pero só un triunfo. Foi na casa do filial celeste onde chegaría a segunda, e última ata o de agora, vitoria do que vai de curso. Logo desa saída, empates na casa contra Zamora e Unionistas e unha dura caída no Helmántico, nun campo imposible para a práctica do deporte.
Unha semana antes, o Deportivo levaría o derbi en Riazor contra o Racing de Ferrol non exento de polémica. Unha man en cada área, sinalando só a da área verde, acabaría con triunfo a prol dos branquiazuis grazas a un gol de Rolan dende os once metros. Non obstante, o bo momento dos coruñeses acabaría aí empatando contra Pontevedra e Salamanca CF e perdendo contra o filial do Celta nun partido cheo de emocións e fronte a un Zamora que xa os pasa na clasificación pasando de ser a sorpresa do campionato a unha realidade difícil de igualar para un recén ascendido que apunta ao fútbol profesional de cara ao vindeiro curso.
Sen Primo por un tempo.
Segundo confirmou o clube, Primo estará de baixa entre 20 e 25 días. Será, xunto a Joel, a única baixa para visitar Riazor puidendo volver ao once titular Álvaro Casas, suplente contra o Salamanca. Ademais, pensando xa na visita do Coruxo a Santiago, Pablo Antas e Juampa están apercibidos de sanción.
En canto á baixa do dianteiro cántabro, hai que lembrar que xa é a segunda vez na que os problemas físicos o deixan fóra do equipo. Contra o Guijuelo non estaría, chegando o primeiro gol e o primeiro triunfo dos nosos, nin tampouco no empate na Malata, onde si sería suplente pero sen contar con ningún minuto. Volvería contra o Pontevedra para marcar o seu primeiro gol do campionato e repetindo unha semana despois contra o Celta B.
A visita de Hortensia.
Se en Galiza houbo a sorte de que Filomena non fixo estragos, agora é Hortensia a que pon en alerta á nosa terra. Un temporal de chuvia e vento que xa provocou que os nosos tiveran que adestrar o pasado xoves no pavillón de Fontiñas recuperando forzas. Non obstante, non periga un partido que arrincará no Abanca Riazor o domingo ás 17 horas e que se poderá ver a través da segunda canle da TVG. Ademais, poderá seguirse a través das contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube.
Ningún comentario:
Publicar un comentario