Desnaturalizados

 O Compos fíxoo. Despois de tres xornadas, o equipo de Yago Iglesias volve ao camiño da vitoria e faino nun dos mellores escenarios posibles. Riazor foi, case 23 anos despois, o lugar no que os nosos conseguiron un triunfo importante e que quedará sempre na historia sendo, ademais, cun fútbol inmellorable. Un repaso dos nosos ao equipo de Rubén de la Barrera encadeando xa, o cadro coruñés, 5 xornadas sen gañar e quedando a só un punto dos nosos con sete xornadas por xogarse. 

 Sen deixar tempo para que o Depor puidera entrar no partido e desnaturalizar aos nosos, chegou a primeira ocasión. Menos de cinco minutos para que Miki, pola banda dereita, buscara meterse na área e apareceu desde atrás Saro para rematar mal na área pequena. Unha oportunidade clara perdoada pero que non habería que lembrar ao final. De feito, tan bo foi o arrinque dos nosos que, escasos minutos despois, chegaría o primeiro gol do partido. Un control de Brais Abelenda que pasa por pouco a liña de fondo e asiste a Juampa. O asistente anula un gol que deixaba ben claras as intencións do equipo que xogou de verde.

 Pouco a pouco, o Deportivo foi mellorando algo máis en defensa, non así en ataque, evitando máis oportunidades a prol dun Compos que se mantivo moi superior ao rival. Moi cómodos sobre a alfombra de Riazor e, sobre todo, seguros tanto en ataque coma en defensa con Bicho e Pablo Antas mandando no centro do campo e Juampa e Miki polas bandas sendo un perigo en cada xogada. A eles hai que sumar a Brais Abelenda na punta do ataque. 

 Con todo merecemento. 

 O segundo tempo comezou, de novo, cunha chegada perigosa dos nosos. Jimmy e Juampa, donos da banda esquerda, buscarían inaugurar o marcador quedando o balón atrás ao extremo. Na seguinte xogada, sería o Depor o que tería o gol nas súas botas e do 1-0 ao 0-1 en cuestión de segundos. Contraataque dos nosos, balón para Juampa, que se desfai dun contrario; mándaa ao segundo pau para Miki e éste déixaa morta para que Brais non perdoe cun gran gol. 

 Co resultado en contra, non melloraría a imaxe dun Depor sen ideas e que se cargou de cartóns, vendo Mujaid dous en dez minutos sendo o primeiro por protestar e o segundo por unha falta perigosa sobre Brais Abelenda. Non obstante, si sería con dez cando o conxunto local melloraría algo a súa imaxe durante uns intres, mais sen incomodar en ningún momento a Pato. 

 Na outra portería, a defendida por Carlos Abad, tampouco chegarían grandes novas ata que, superada a media hora do segundo tempo, prendería de novo a moto Miki. O de Nigrán aproveitou a súa calidade para sacar de enriba á defensa e o porteiro deportivista e marcar a porta baleira o que sería o segundo e definitivo. Ademais, o extremo sería quen de sacar forzas de novo no engadido para, pola banda, chegar a liña de fondo e pasar atrás para que Álvaro Casas a mande por enriba da portería local. 

 Non todo son boas novas.

 Tres puntos de ouro nun campo moi difícil pero, aínda así, hai que falar dunha mala nova. Pablo Antas tivo que retirarse a quince minutos para o final lesionado. Esperamos que non sexa nada e poida estar a vindeira xornada contra o Coruxo o que, ata o de agora, estaba a ser o mellor xogador do equipo movéndoo ao seu antollo. 



Ningún comentario:

Publicar un comentario