A semana final

 Chega a derradeira semana de traballo dun Compos que pode ter na súa man dúas vitorias moi importantes. Dous partidos, un de liga e outro de Copa, para pechar un ano 2020 positivo en canto ao deportivo asinando o tan desexado ascenso e deixando mostras da calidade do equipo na categoría de bronce, facendo fronte a algúns dos equipos máis fortes da Segunda B. O Zamora, o noso primeiro rival, supón un enfrontamento contra un rival directo con só dúas citas antes do final da primeira volta, parte moi importante e na que cómpre quedar ben na táboa. 

 A sorpresa do campionato. 

 A tempada comezou con dous recén ascendidos, Compos e Zamora, e dous equipos que chegaron con forza para demostrar que non hai diferenzas nesta nova Segunda B tan curta. Tal forza levou ao cadro castelán a ser a sorpresa no arrinque do curso sumando 8 dos primeiros 12 puntos en xogo, caendo por primeira vez na quinta xornada. 

 Agora, tras 7 xornadas, o conxunto dirixido por David Movilla ocupa a quinta posición na táboa con 11 puntos, só un máis que os nosos, grazas a 3 triunfos e 2 empates. Ademais, 2 derrotas coas que encadearon ata tres xornadas sen marcar. Unha xeira negativa na que recibiron, por outro lado, 4 dos 8 goles encaixados en total igualando, ademais, os 8 anotados.

 Fortes no Ruta de la Plata, onde sumaron 7 puntos de 12, non gañan a domicilio dende a primeira fin de semana, conseguindo abrir a tempada con triunfo no Vao. Sería tamén en terras galegas onde asinarían o cuarto punto lonxe da súa terra, na Malata, empatando un 2-0 en contra en algo máis de 20 minutos. E na terceira saída a Galiza, Vigo de novo, asinarían unha dura derrota contra o Celta B en Barreiro. 

 Ao igual que pasa no noso caso, o Zamora conta cun bloque sólido e sen moitas incorporacións, sendo gran parte destes 'sub-23'. Un equipo forte e no que se atopa, ademais, un ex da Esedé que non é outro que Dani Hernández. O capitán volveu á súa casa en 2017 para devolver ao equipo á categoría na que non puido manter ao Compos nunha campaña para esquecer e na que participou nun total de 24 partidos. No que vai de tempada, coa elástica zamorana, anotou un golazo contra o Racing de Ferrol que abría a remontada. 

 Na Terceira tamén hai bo fútbol. 

 Como xa dixemos antes, Compos e Zamora asinaron en xullo o seu ascenso á Segunda B, categoría na que compartiron moitos anos, mantendo aos protagonistas nas súas filas. Eses protagonistas que fixeron campións aos dous equipos nos seus respectivos grupos, gañando gran parte dos seus xogos e contando cunhas defensas inmellorables. 

 Nas filas do Compos, malia chegar futbolistas como Matías Vesprini, Guille Torres ou Borja Rey, o único que se fixo un oco no once titular foi Juampa. O extremo chegou e, logo de ser suplente na primeira xornada, fíxose unha peza fundamental para Yago Iglesias e, a día de hoxe, só lle falta anotar o seu primeiro gol coa camisola branquiazul. 

 Pola súa parte, no Zamora hai que falar de 8 chegadas con moita xuventude e con Adrián Crespo cambiando o Helmántico polo Ruta de la Plata e compartindo once con ese equipo que, ás ordes de David Movilla, superaría os 70 puntos encaixando só 1 derrota en toda a pasada tempada. 

 Dous equipos valientes, sen medo, que chegaban como, supostamente, dous dos equipos máis febles da categoría e, polo de agora, deron a cara contra algúns dos grandes favoritos deixando ben claro que, malia contar cos mesmos xogadores que o curso pasado nunha categoría inferior, a calidade sobra. 

 Igualdade. 

 Se falamos do feito por dous vixentes campións de Terceira, hai que falar tamén dun pasado común entre os dous equipos. Unha serie de precedentes entre liga, na Segunda B, e Copa do Rei, á que volverán os dous só uns días despois de enfrontarse no Vero Boquete, que nos deixaron resultados moi igualados en partidos moi competidos e que nos aseguraron sempre goles. 

 21 xogos entre as dúas competicións e unha igualdade que se leva ata o número vitorias por equipo, 9 por bando, completando a serie con 3 empates, sempre con goles. Non obstante, neste caso imos tratar os 10 partidos xogados en terras galegas en liga, aos que sumar outra vitoria zamorana en Copa hai xa máis dunha década. 

 Foi en Santiago, en Santa Isabel para ser máis exactos, onde puidemos ver as primeiras vitorias branquiazuis sobre o Zamora nos anos 70 así como a primeira, e única no anterior feudo compostelanista. Tamén, nos 80, chegaría contra o Zamora unha das maiores vitorias na historia dos nosos anotando un 7-1 así como a primeira derrota galega.

 Sería no Vero Boquete de San Lázaro onde se viviría o primeiro empate na nosa casa. E non só iso, nas dúas seguintes visitas a Santiago, o conxunto zamorano sumaría dúas vitorias, unha pola mínima e outra cunha das peores goleadas dos nosos en moito tempo recibindo un contundente 2-5. Esta serie remataría con dous novos triunfos locais con 4-0 e 4-1.

 Un total de 6 vitorias para a Esedé, 3 para o Zamora e 1 empate nun emparellamento que non perde o Compos dende 2009. 

 E que sexan sete. 

 Primeira xornada de liga. O Compos estreaba campo e equipación verde. O resultado, negativo. A visita ao campo sintético do Reina Sofía sería negativa pero, por sorte, nada tería que ver co que chegaría a facer o equipo a partir desa fin de semana de outubro. 

 Un Compos que quixo repetir o bo fútbol da tempada anterior, o que levou ao equipo a ser un problema para os rivais cun estilo envexable e eficiente. Un fútbol que levou ao equipo a merecer máis contra todo un Deportivo en San Lázaro así como no Vao contra o Coruxo dominando durante boa parte dos partidos. Un gol que si entraría, ata en tres ocasións, contra o Guijuelo e que non desaparecería nos empates contra Racing de Ferrol e Pontevedra, fronte o que o equipo de Yago Iglesias mereceu os tres puntos. E repetiría vitoria contra o Celta B en Barreiro volvendo a anotar outros tres goles.

 Son xa seis citas consecutivas nas que este Compos non perde, lonxe aínda das 17 xornadas sen perder da tempada pasada. Ademais, son xa 9 goles anotados nas 4 últimas citas nun equipo que só recibiu 3 no mesmo treito de tempo. 

 Por outra parte, o equipo buscará sumar unha segunda vitoria consecutiva por primeira vez no que vai de curso. Unha xeira que non se repite dende comezos de ano, cando chegaron 5 triunfos consecutivos no arrinque da segunda volta, entre xaneiro e febreiro.

 Repetimos baixas.

 Unha semana máis, e xa serán tres consecutivas, contamos con tres baixas importantes. Hugo Sanmartín segue recuperándose da súa lesión, Sergio Pereira terá que esperar aínda para estrearse co Compos en Segunda B e Joel, como xa todos sabemos, aínda ten varios meses por diante para poder debutar co equipo, xa de cara á segunda fase. 

 Por outro lado, o equipo non ten sancionados unha semana máis e tampouco apercibidos de sanción sendo Juampa o que máis cartóns viu, cun total de 3. 

 Nove meses despois...

 O 8 de marzo chegaba a UD Ourense a Santiago. Ninguén esperaba que fora o último partido no que o Vero Boquete abriría as súas portas en case 9 meses acollendo, por primeira vez nesta "nova normalidade" a un total de 150 seareiros. E dúas semanas máis tarde, o número ascende ao millar. Volverá o gran ambiente a San Lázaro con cincocentas persoas por bancada, repartidas entre Preferencia e Tribuna, con entradas aínda dispoñibles, a 20 euros para maiores de 18 e 10 para os menores, para Preferencia. Entradas que se poderán mercar entre as 18 e as 19 horas, pechándose as portas no momento que arrinque o encontro, nas oficinas do estadio. 

 Un gran partido que dará comezo ás 19 horas entre o Compos e o Zamora e que se poderá ver na segunda canle da TVG, así como nas contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube ou escoitar por 'Esedé Radio', na web do clube.

Ningún comentario:

Publicar un comentario