O Compos vence e convence

 Unha fin de semana máis puntuando e segunda vitoria para un Compos que tenta poñer distancia sobre os postos de promoción de permanencia, algo importante de cara ao final dunha primeira volta á que só lle quedan dous capítulos. Un triunfo para o equipo da capital, segundo do curso e primeiro a domicilio, contra un rival que puxo as cousas difíciles e que, incluso, tivo oportunidades de sacar un resultado maior. Ademais, Pato deixou a súa porta a cero tres partidos despois. Como nota algo máis negativa, o equipo perdoou numerosas ocasións na primeira parte puidendo anotar unha goleada aínda maior. 

 Como era de esperar, o Compos saltou ao terreo de xogo de Barreiro, en condicións mellorables, coa intención de mandar sobre o verde. E así foi. Os primeiros vinte minutos foi de superioridade total do cadro que xogou de verde, pechando aos locais no último terzo do seu campo e probando a unha defensa celeste sen moitos ocos. Quen si axudou algo máis ao perigo branquiazul foi o porteiro con pases defectuosos ante os que interviron os nosos, con Miki e Juampa liderando as bandas. Non obstante, nos últimos metros chegaron uns problemas que puideron saír caros. 

 Pouco a pouco, o Celta B buscou meterse no partido tendo en Manu Justo as mellores oportunidades diante de Pato, que volveu ter unha gran actuación baixo paus. Dúas ocasións moi claras coas que meter de novo o medo no corpo a un Compos que iría ao tempo de lecer logo doutros dous goles errados, un de Miki que peta no pau e outro de Juampa que saca Iago no man a man. 

 Seriedade e sentenza.

 O segundo tempo comezou coa Esedé mandando unha vez máis pero freando nos últimos metros. O Celta B seguiu defendendo ben cada acometida e tentando saír á contra, convertindo o partido nunha loucura con ocasións nas dúas áreas, non así nas porterías, con Pato case sen traballo durante os últimos corenta e cinco minutos grazas, en boa parte, ao gran traballo da defensa. 

 E se falamos da defensa do Compos, non se pode non facer o propio coa do filial celeste, que non tivo unha boa última media hora comezando por un penalti de Bruninho sobre Jimmy logo dunha parede con Brais, peza fundamental nos tres goles. Unha pena máxima que non dubidou en transformar Pablo Antas como hai dúas semanas na Malata.

 Co resultado adverso, o Celta B buscou algo máis a posesión do esférico e responder co empate mais sen chegar a poñer en problemas a Pato. Un empate que tampouco estaría preto cos trocos realizados por Onésimo, dando entrada a Lautaro, Iker Losada e Sergio Carreira escasos minutos despois do tanto anotado polo de Monterroso. 

 Con todo isto, o resultado curto non semellaba ser suficiente. Era preciso marcar un segundo tanto... e chegaron ata dous máis co tempo case cumprido con Brais Abelenda de novo como gran protagonista. O segundo tanto, obra do dianteiro de Val do Dubra, foi un auténtico golazo desde fóra da área á saída dun córner e ao que pouco ou nada puido facer o gardameta. E só dous minutos máis tarde, mandaría un pase entre os centrais para Primo que, logo de controlar, non perdoaría. Se marca un, marca o outro. 

 Triunfo máis que importante para un equipo que leva sen perder dende a primeira xornada e que sae dos postos baixos quedando a só tres puntos do Pontevedra. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario