Compos e Zamora deixaron mostras de bo fútbol sobre o verde do Vero Boquete. Un partido entre dous equipos ben feitos, que saben á perfección a que xogan e que saben como o fai o rival, freando o cadro zamorano a un dos mellores da categoría. Un partido sen centro do campo mais con grandes ocasións, sen un dominador claro e oportunidades para os dous, sendo incapaces de marcar o gol e os tres puntos, finalmente repetidos.
Sabedores do nivel do Zamora co balón, o Compos arrincou o encontro buscando a posesión do esférico. Un manexo da pelota que levou, ademais, ao único gol do partido. Unha gran xogada dos nosos, cruza a pelota Brais Abelenda e Primo mete o pé. Gol do cántabro, que non tivo a súa tarde... en fóra de xogo. O dianteiro tería de novo unha segunda oportunidade, agora en posición legal, escasos minutos despois mandando a pelota ás nubes. Máis sorte tería Saro, que buscou poñer un centro ao corazón da área pero o balón petou nun defensa e, posteriormente, na madeira.
Se falamos do bo facer do equipo en traballos ofensivos, hai que ter en conta tamén o gran encontro realizado por Pato. O uruguaio salvou un man a man importante no ecuador do primeiro tempo e a piques estivo de levar un susto maior por parte do seu excompañeiro Dani Hernández, que non dubidou en probar sorte dende lonxe marchando o seu disparo moi preto da porta branquiazul.
Brais e Jimmy, donos da banda.
Se no primeiro tempo foi o Compos o que levou algo máis o peso do partido, no segundo houbo máis igualdade. O Zamora saltaría ao campo mellor pero as primeiras oportunidades serían para un Compos que, de novo, perdoaría. Entre estas oportunidades hai que destacar unha xogada ensaiada entre Antas e Juampa e a enésima chegada de Brais Abelenda por banda que non atopou quen a rematara.
Cos trocos, o Compos non puido facer o seu xogo igualmente. Unha dura presión á saída do balón xogado, sen poder traballar Bicho e Antas, serían Jimmy e Brais Abelenda pola esquerda os que levarían o perigo do Compos á porta rival. Entre os dous fabricarían as mellores ocasións mais, de novo, errando na finalización cun Primo incapaz de superar aos centrais.
En campo branquiazul, tampouco o Zamora podería crear grandes oportunidades grazas ao gran traballo de Álvaro Casas e David Soto. Aos centrais hai que sumar tamén unha gran actuación de Pato parando cada balón que ía entre os tres paus con xogadas creadas, case todas, por Dani Hernández.
Un empate merecido por parte dos dous equipos e que sirve para pechar este 2020 en canto á liga, xa que os dous terán que xogar esta vindeira semana na Copa do Rei.
Ningún comentario:
Publicar un comentario