Os filiais, a proba por superar

 Yago Iglesias chegou ao Vero Boquete no verán de 2016 para bater records, para facer historia e para confirmarse como un dos mellores adestradores da historia do clubes. Un adestrador que buscou facer un bo fútbol e, logo de gañar dúas ligas en tres anos, devolver ao Compos á Segunda división B, na que segue facendo un xogo envexable, o mellor da categoría con case total seguridade. Non obstante, mantén unha materia pendente: gañar a un filial a domicilio. Fabril, Lugo B, Espanyol B e Alavés B recibiron ao equipo branquiazul nos últimos anos e todos eles sacaron bos resultados. De feito, sería a primeira vitoria a domicilio contra un segundo equipo dende 2015. 

 Un filial de Primeira. 

 O Celta é un dos equipos con mellor canteira no fútbol español actualmente e así o demostra con ata seis xogadores formados na base celeste no último partido e un máis con pasado no filial olívico. Ademais, ata catro futbolistas do equipo dirixido por Onésimo tiveron minutos en Primeira no que vai de tempada sendo incluso máis os habituais nas convocatorias. 

 En canto ao filial vigués, está a mandar nesa segunda parte da clasificación, que comeza na cuarta posición, con 8 puntos, só 1 máis que a Esedé. Un equipo que non tivo un bo arrinque de tempada pero que suma xa dúas vitorias consecutivas e 7 dos últimos 9 puntos en xogo, suficiente para pasar dos postos de promoción de permanencia aos de promoción de ascenso á Primeira RFEF. 

 Dúas vitorias e dous empates, todos contra os catro rivais casteláns, para sumar os seus 8 puntos, cos que igualar a Racing de Ferrol e Zamora. Ser o cuarto na táboa de equipos con máis gol, con 7 tantos a favor, e o terceiro que mellor defende, con só 4 en contra, fan que superen aos outros dous nunha clasificación moi igualada. 

 En canto ao equipo, hai que destacar a pezas como Sergio Carreira, José Fontán ou Manu Justo, futbolista con experiencia na categoría malia a súa idade, que xa sabe o que é enfrontarse ao Compos, neste caso coa camisola do Arosa, e que ademais é o actual máximo goleador do grupo con 3 tantos.

 Cinco anos despois. 

Febreiro de 2015. O Compostela de Iñaki Alonso visitaba Barreiro logo dunha dura derrota a mans do Racing de Ferrol. Un encontro que comezaría con gol de Yacine Qasmi e que remataría con ese resultado. Sería, ata o de agora, a última ocasión na que o equipo branquiazul gañara a domicilio contra un filial. 

 Dende aquel día, a Esedé visitaría aos filiais de Sporting, Valladolid, Celta, Fabril, Espanyol, Lugo e Alavés cun total de 7 derrotas e só 3 empates tanto en liga coma na promoción de ascenso á Segunda división B. Ningunha vitoria a domicilio contra un filial en máis de cinco anos volvendo ao sitio onde chegou a última. 

 O quinto derbi.

 A falta de tres xornadas para o final da primeira volta, un final que chegará en xaneiro logo de case un mes sen liga, o Compos terá que enfrontarse ao último derbi deste ano 2020, o quinto da tempada. Nos anteriores, os nosos conseguiron un total de catro empates, chegando os goles contra o Racing de Ferrol e aumentando, non así a sorte, contra o Pontevedra. Un equipo que suma xa tres xornadas seguidas marcando gol e cinco sen perder. 

 Pola súa parte, o Celta B caeu contra Racing de Ferrol e Pontevedra, nas dúas ocasións pola mínima, nos seus dous derbis ata o momento. Non obstante, xa tiveron que enfrontarse aos catro equipos casteláns conseguindo contra eles todos os seus puntos. Empataron en Guijuelo na primeira xornada e volveron empatar, en Vigo, contra Unionistas. Nas dúas últimas xornadas superaron a Zamora e Salamanca, equipo que semella ter numerosos problemas internos á vez que sobre o campo, onde non son quen de facer o seu fútbol sendo un candidato ao descenso.

 A historia, do noso lado. 

 Compos e Celta B, ou Celta Turista como se chamaba anteriomente, xa tiveron a oportunidade de enfrontarse en numerosas ocasións. En máis de trinta ocasións pelexaron santiagueses e vigueses cun vencedor máis que claro no global dos enfrontamentos. Non obstante, neste caso temos que falar dos partidos xogados en terras olívicas, sendo éste o último que se xogue en Barreiro coa construcción da nova cidade deportiva do Celta en Mos. 

 En Vigo, ata o de agora, xogaron un total de 16 encontros. Desa serie de partidos, o Compos gañou nun total de 10 mentres que os celestes fixeron o propio en 3, os mesmos que remataron con empate. Unha serie de xogos tan igualada, malia o gran número de triunfos branquiazul, os resultados foron moi curtos, con só tres partidos nos que se superou o gol de diferenza. 

 Na última cita sería o cadro local o que se levaría o triunfo pola mínima grazas a un gol de Luis Rioja. Como curiosidade, dese Compos poderían repetir no once titular Pato, Jimmy e Bicho. 

 Algún que outro ex. 

 Moitos xogadores pasaron de Vigo a Santiago ao longo da historia do noso clube. Aínda así, só dous ex celestes están agora no equipo da capital sendo, ademais, a parella de centrais. Álvaro Casas e David Soto pasaron por Barreiro e agora terán que enfrontarse ao seu ex equipo como unha das parellas defensivas máis fiables da categoría. 

 Ao longo dos últimos anos, Ube e Sobrido tomaron tamén o mesmo camiño para poñerse ás ordes de Yago Iglesias na Terceira división. 

Dúas baixas máis.

 Logo de non contar con ningunha baixa, e que siga sendo así a cousa, por Covid-19, Hugo Sanmartín e Sergio Pereira serán, xunto a Joel, as baixas para esta fin de semana en Barreiro. Sergio Pereira, cunha escordadura de nocello, estará fóra do equipo por segunda xornada consecutiva mentres que Hugo, aínda sen recuperar, tentará volver contra o Zamora ou o Ibiza a vindeira semana. 

 A última saída do ano... en liga.

 O Compos despedirá Barreiro este domingo ás 12 da mañá no primeiro partido deste mes de decembro e última saída, na competición local, deste 2020 para esquecer malia acadar o obxectivo do ascenso, tan desexado nos últimos anos. O partido, no que non poderá hacer afeccionados branquiazuis, poderá verse a través da segunda canle da TVG. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario