Na previa, o partido semellaba algo favorable para o Pontevedra. Sobre o verde, unha parte para cada equipo na que o Compos foi superior no global merecendo máis. Un partido onde o equipo local estivo ben colocado e no que só dous disparos dende fóra da área puideron poñer en problemas a un Pato que acabou tocado. Na outra portería, a defendida por Mario, foron Brais Abelenda e Primo os que se estrearon de cara a porta esta campaña co cántabro tendo unha oportunidade moi clara nos minutos finais petando no longueiro o balón e as esperanzas de sumar tres puntos moi merecidos.
O encontro non puido ter un mellor comezo para os nosos. En só cinco minutos chegaba a primeira ocasión á porta granate e con ela o primeiro tanto. Unha xogada que fabrican entre Brais e Miki sendo o de Bembibre o encargado de poñerlle fin cun disparo por baixo ante o que nada puido facer a defensa así como o gardameta.
Logo do gol sería o Pontevedra o que pasaría a mandar sobre o campo. Con balón, xogando en campo contrario e sen el, presionando a saída de balón. Non obstante, a barreira defensiva mantívose imposible para un equipo que tivo que probar sorte dende lonxe, cun disparo de Jorge Fernández que buscou en máis ocasións, e que sorprendeu a Pato. Non obstante, co paso dos minutos igualaríanse as forzas contra un equipo, o visitante, que se cargou de cartóns amarelos.
Unha mellora do Compos suficiente para chegar ao tempo de lecer por diante no marcador. Sería no último minuto cando Juampa, que fixo un gran partido, superou a Aitor Núñez e asistiu a Primo, que controlou, xirouse e marcou o seu primeiro gol da tempada. Non obstante, o gol non afectaría para nada a un Pontevedra que tardou dous minutos en igualar forzas logo dunha man de Saro na frontal que transformaría Imanol contra Pato, que puido facer máis.
Este Compos promete.
O segundo tempo foi un dominio constante do Compos fronte a un rival que pouco puido facer máis que defenderse e buscar a portería de Pato con xogo directo, sempre freado pola defensa branquiazul. Contra isto, o Pontevedra buscou parar o ritmo do partido a base de faltas e cargándose aínda máis de cartóns, merecendo algún máis.
As ocasións, que non o perigo, quedarían para os dez minutos finais sendo Josiño unha peza moi importante no traballo ofensivo. As oportunidades, por outra parte, levarían a sinatura de Primo. O cántabro, que non tivo a súa mellor tarde, mandou o balón ao longueiro e na seguinte chegada non sería quen de conectar con Josiño cun pase atrás.
Agora só queda pensar no seguinte partido, chave, contra o Celta B en Barreiro o vindeiro domingo. Unha cita onde conseguir os tres primeiros puntos a domicilio sería moi importante.
Ningún comentario:
Publicar un comentario