Un clásico galego

 Racing de Ferrol e Compos volven á competición logo dunha fin de semana de descanso. Unha cita importante na que os dous equipos queren seguir sumando de tres por segunda semana consecutiva e na que se vivirán reencontros importantes nun enfrontamento que volve á categoría de bronce catro anos e medio despois. Ademais, hai que sumar que estarán sobre o mesmo verde o mellor ataque, con 7 tantos anotados, e a segunda mellor defensa, con só 2 goles en contra e 298 minutos consecutivos sen encaixar.

 Un Racing ben renovado.  

 O Racing de Ferrol comezou a tempada coa intención de acadar un ascenso ao fútbol profesional, marcando os tres primeiros postos como obxectivo principal e loitar, como mínimo, por estar a vindeira campaña na nova Primeira RFEF. Un camiño que, polo momento, ten algún que outro problema na Malata, onde non conseguiron os tres puntos nas dúas citas diante da súa afección, que si puido estar na estrea do campionato. 

 Comezarían o curso enfrontándose ao Pontevedra, gran favorito xunto co Deportivo, mais sen conseguir un premio a un bo partido. Premio que si chegaría en Barreiro e no Helmántico, asinando un pleno de triunfos lonxe de Ferrol, pero que fuxiría de novo contra un Zamora sorprendente e aínda invencible. 

 En canto ao equipo, os reforzos chegados dende terras sudamericanas están a dar os seus froitos. Quintana e Elsinho xa saben o que é ver portería, os dous asinando sendos dobretes, igualando a Fer Beltrán como os máximos goleadores dun equipo onde David Rodríguez e Joselu, capitán principal logo da saída de Pablo Rey, aínda non foron quen de ver portería. 

 Os dous queren estrearse. 

 Se este partido non tiña xa suficientes motivos para ser considerado como un dos grandes xogos da tempada, hai algo que sumar. O Compos visita A Malata coa única intención de estrear o casilleiro de vitorias a domicilio contra un Racing que, como local, quere saber o que é gañar nesta liga tan curta e da que xa levamos unha quinta parte. 

 Comezamos polos nosos. O comezo non foi moi bo, nin polo resultado nin tampouco polas sensacións que deixou un equipo sobre o céspede sintético do Reina Sofía. Un partido difícil contra un rival que non desaproveitou as súas oportunidades. Sen perdoar como si fixeron os nosos no Vao nun partido dominado en gran parte dos minutos fronte a un rival que, a base de xogo duro, foi quen de sacar ao equipo branquiazul do partido encadeando o segundo empate sen goles consecutivo. 

 Pola súa parte, o Racing recibiría ao Pontevedra na Malata na primeira cita. Un partido entre dous galos e que deixou emoción, intensidade, tensión e ata cinco goles co conxunto verde quedando ás portas do empate nos minutos finais. Non obstante, o equipo demostrou un bo nivel que amosaría dúas semanas máis tarde contra a sorpresa do campionato, o Zamora. Como diferenza, serían os locais os que se porían por diante, con ata dous goles de vantaxe, pero o ex da Esedé Dani Hernández e Coque conseguiron igualar o resultado con moi pouco tempo para unha posible reacción. 

 Falemos de ex. 

 Falar de ex non adoita gustar e este caso non é unha excepción. Nesta cita haberá xogadores que estiveron presentes nas filas do rival nalgún momento das súas carreiras deportivas, algún colleitando uns resultados históricos. E é que ata cinco futbolistas poderían enfrontarse ao seu ex equipo buscando a 'lei do ex'. 

 A lista encabézaa o goleador de Bembibre que podería estrearse na que foi a súa casa entre 2014 e 2018, con dúas cesións polo medio. Brais Abelenda volverá á Malata dous anos despois, campo onde se estreou como goleador na Segunda B en 2016. Anos antes sería Baleato o que formaría parte do conxunto verde mentres que Bicho pasaría pola cidade departamental un ano despois de facelo, por primeira vez, pola capital galega, no mesmo curso onde Juampa estaría media campaña. Outro que tamén pasou polos dous equipos é Joel, actual futbolista do Compos pero que non poderá estar por lesión.

 Nas filas do conxunto verde, logo da baixa de Catú este verán, atopamos a Joselu. O dianteiro de Palmeira non só é un dos máximos goleadores da historia do Compos senón que ten na súa man a posibilidade de superar tamén a Pazolo e Pablo Rey na clasificación do conxunto ferrolán. Chegado a Ferrol en 2014, son 94 goles en partido oficial coa camisola do Racing, un deles contra os nosos. 

 Unha longa historia. 

 Ata en 44 ocasións mediron forzas Compos e Racing ao longo da historia cunha curta vantaxe a prol do equipo verde. De feito, os nosos gañarían en 14 ocasións, o mesmo número de empates, mentres que 16 citas acabarían con vitoria ferrolá. Ún partido que asegura emoción, bo fútbol e, sobre todo, goles.

 Dende 1963 que se vén xogando este partido entre santiagueses e ferroláns sendo o primeiro no Manuel Rivera e acabando con empate. Pasarían 14 anos ata a primeira vitoria dos nosos a domicilio, con importantes derrotas polo medio. Un triunfo que non se volvería repetir ata 1986 encadeando entre un e outro 2 empates e 3 derrotas. 

 Xa na Malata, inaugurada en 1993, chegaría unha nova vitoria da Esedé, no ano 2000 repetindo nove anos despois con remontada incluída. E sería, en 2016, o momento de celebrar o último triunfo branquiazul no inferno verde ata a data grazas a un gol de Bicho.

 En total, 5 vitorias dos nosos a domicilio, 8 empates e 9 derrotas nun campo onde a última visita rematou con empate sen goles e co Compos fallando un penalti.

 Intentando repetir. 

 Compos e Racing buscan encadear a súa segunda vitoria consecutiva este mesmo sábado por primeira vez no que vai de tempada. Dous equipos que encadean 3 xornadas sen perder superados neste aspecto só polos tres primeiros clasificados e que sacan unha vantaxe non tan importante a estes dous equipos. 

 O Compos empatou contra Depor e Coruxo e superou, cun gran partido, ao Guijuelo. Cinco puntos e só dous goles encaixados en case 300 minutos para un dos mellores equipos a nivel defensivo, só superado neste aspecto por un Deportivo que non encaixa dende que o fixo na primeira xornada. 

 Por outra parte, o Racing caeu contra o Pontevedra, gañou ao Celta B, empatou contra o Zamora e volveu sumar de tres na fin de semana previa ao parón. Un equipo que marcou en todas as xornadas coa curiosidade de que só houbo un anotador por partido, con ata tres repetidores. 

 Catro baixas importantes. 

 Os problemas físicos seguen pasando factura a un Compos que aumenta as baixas para esta nova cita. Ás xa coñecidas de Joel e Primo, que podería estar contra o Pontevedra a vindeira fin de semana, hai que sumar unha semana máis a de Samu, coa volta ao grupo moi próxima, e a de Hugo Sanmartín, cunha lesión muscular. Ademais, por sorte, o equipo segue sen ningún positivo logo de realizarse as PCR o pasado xoves.

 Nas filas do Racing tamén contan cunha baixa importante. Pep Caballé non poderá estar por unha escordadura de xeonllo. 

 Segundo sábado consecutivo. 

 Ao igual que contra o Guijuelo, o Compos abrirá a xornada do subgrupo o sábado. Un partido na Malata ás 17 horas que se poderá ver a través da TVG así como seguilo en directo na conta de Twitter da Curva Branquiazul. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario