E chegou!

 O Compos asinou o seu primeiro triunfo do campionato logo de superar ao Guijuelo nun partido maiúsculo de todo o equipo dominando en boa parte do xogo e tendo as mellores oportunidades de cara a gol, chegando o primeiro moi cedo. Tamén cabe destacar o partido feito en ataque de Miki, con dous goles e unha asistencia, e Brais Abelenda, autor das dúas asistencias para o de Nigrán. Ademais, Bicho aproveitou á perfección a súa volta ao equipo, a súa estrea nesta nova categoría para pechar a goleada en menos de media hora. 

 O Guijuelo sacou de centro e en menos de medio minuto xa perdeu o esférico en favor dun Compos que tampouco precisou de moito máis para achegarse, con certo perigo, a portería de Sarkauskas. Cunha defensa que fixo máis augas que a propia chuvia que caeu sobre a capital galega, Tal foi así que, superados os sete minutos, chegou o gol cun centro de Saro ao segundo pau, controlou Brais Abelenda e picouna atrás para a chegada de Miki, que cabeceou o esférico directamente ao fondo das redes. 

 Logo do gol, o partido pasou a igualarse un pouco en canto a forzas, mais levando o Compos as mellores ocasións sobre a porta defendida polo gardamallas lituano. Non obstante, tamén o Guijuelo buscou incomodar á parella de centrais Soto-Casas, unha semana máis a un nivel inmellorable encadeando a terceira xornada sen recibir gol. De igual forma, Pato tamén tivo unha gran tarde baixo paus salvando as oportunidades máis claras e cometendo só un erro que acabaría sen consecuencias por moi pouco. 

 Este Compos promete. 

 Pasaron segundos dende a reanudación ata que Josiño marcou o segundo gol, en fóra de xogo. Sería na seguinte xogada na que, repetindo os protagonists do primeiro tanto, caería o da tranquilidade. Pase de Brais Abelenda, chega Miki pola banda e non perdoa por baixo. Un gran gol do extremo branquiazul mellorando aínda máis un arrinque de curso incrible. 

 Os minutos seguintes serían, de novo, de total dominio branquiazul co Guijuelo intentando frear as numerosas acometidas a base de faltas, ben castigadas polo colexiado, que tivo na súa man a oportunidade de expulsar a un futbolista visitante por dous cartóns amarelos consecutivos, aforrando o segundo malia ser cunha entrada moi perigosa, ben merecedora de cartón. 

 As ocasións sucederíanse, co Guijuelo tentando meterse no partido, pero sería Bicho o encargado en perforar a portería, a pase de Miki, cando levaba menos de quince minutos sobre o verde. Sen dúbida, unha gran volta a do sadense despois de tres partidos de baixa. 

 Pato dando leccións.

 Se antes falabamos dos centrais, o porteiro non queda atrás. Pato salvou ao equipo sempre que foi preciso, intervindo máis que nas xornadas anteriores, mantendo a portería a cero por terceira semana consecutiva. Son xa 298 minutos do uruguaio mantendo a porta a cero coa visita á Malata no horizonte, para despois dunha semana de descanso máis que merecido. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario