Empate importante

 Cada partido na Malata chega con emoción e igualdade. Nesta ocasión non foi para menos cun Compos moi ofensivo, sen dominio no centro do campo e contra un Racing superior no primeiro tempo. Dous goles, un de Joselu e outro de Pablo Antas de penalti, entre numerosas interrupcións e erros arbitrais para os dous equipos deixando os locais cun home menos os dez últimos minutos, algo que non souberon aproveitar os nosos para levar os tres puntos dun dos campos máis difíciles da categoría contra un dos favoritos para estar a vindeira tempada na Primeira RFEF. 

 Un Compos moi ofensivo, sen buscar levar a posesión do esférico e esperando ao Racing en campo propio, foi o primeiro en levar algo de perigo claro á portería rival cun testarazo de Josiño que se foi por enriba da portería defendida por Diego Rivas. Unha ocasión á que respostou cinco minutos despois o Racing cun centro de Seoane que toca lixeiramente Jimmy, Joselu supera a Casas e marca o primeiro do encontro polo primeiro pau. 

 Sen un dominador claro, cos dous equipos buscando o erro rival, sería Josiño o autor dunha nova oportunidade, a mellor do primeiro tempo, cunha chilena ante a que tivo reaccionar Diego Rivas en dous tempos. E se falamos do gardameta local, tamén hai que destacar a Pato, evitando unha nova oportunidade de Joselu dende lonxe. 

 Mellora importante. 

 Se no primeiro tempo foi o Racing o que fixo as mellores oportunidades, ademais do gol, na segunda sería un Compos que sufriu contra un xogo moi físico e unha arbitraxe máis que mellorable e que tivo en Pablo Antas ao heroe dende os once metros, como xa pasou tamén en Balaídos. Un gol de penalti, por mor dunha man de Quintana, e que facía xustiza nun partido onde ningún foi superior. 

 Co empate, as interrupcións sucedéronse con numerosas faltas, en boa parte sobre Bicho chegando a ter que retirarse tocado. A iso hai que engadir que as ocasións fixéronse de rogar tendo unha cada equipo nos últimos minutos do tempo regulamentario, xa co Racing con dez pola expulsión de Alex López. Non obstante, ningún merecería levar os tres puntos nunha cita descafeinada. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario