Volta a casa!

 Chega unha nova cita de liga coa que completar o primeiro terzo do campionato. Un partido moi complicado contra o Pontevedra, actual líder do campionato e cun dos mellores ataques da competición. Non obstante, a nova máis importante e máis esperada é a volta dos afeccionados ao templo branquiazul despois de 8 meses e medio. Só serán 150 os afortunados que poidan vivir en directo o primeiro partido no Vero Boquete nesta 'nova normalidade' pero xa se pode contar como un triunfo. 

 O Pontevedra apunta alto. 

 O 19 de xullo deixaba o verde do Estadio da Cerámica superada a hora de xogo e só dez días despois chegaba a sorpresa: Charles volvía ao Pontevedra dez anos despois. O brasileiro chegou a Primeira, da man do Celta, en 2013 e deixou a categoría este mesmo ano, nas filas do Eibar. Un dianteiro que chega a esta Segunda B, a Pasarón, para aumentar o nivel da categoría de bronce e poder levar ao conxunto granate á Segunda división, obxectivo dun equipo que nada ten que envexar aos máis fortes da categoría. 

 Xunto a Charles, xogadores coma Rufo, co que comparte unha das dianteiras máis temibles; Xisco Campos, Romay, Mario, Alex González ou Adrián Cruz. Moita experiencia, e moito fútbol, no equipo con maior media de idade no grupo I superando os 29 anos. 

 Un Pontevedra que xa é o líder da clasificación, igualado a puntos do Depor pero superando ao cadro coruñés grazas á diferenza de goles, cun +4 inigualable para o resto de equipos, e que confirman a este equipo como un gran perigo para as defensas, con 8 goles a favor. Por outra parte, recibiron 4 goles sumando xa dous partidos coa súa porta a cero. 

 Amantes do balón. 

 Yago Iglesias e Jesús Ramos, adestradores de Compos e Pontevedra respectivamente, están a deixar claro que son uns amantes do balón. Dous técnicos aos que lles gusta o bo fútbol, de toque, de posesións longas e do fútbol vistoso. Dous estilos que se enfrontarán no Vero Boquete e que deixarán, seguro, un gran espectáculo. 

 O Compos quere seguir invicto na casa e conseguir a segunda vitoria do campionato que o axude a poñer terra de por medio cos postos de perigo. Un triunfo que non estivo tan lonxe contra o Depor, ao que dominaron os locais, e que chegou contra un Guijuelo que nada puido facer. Tres goles de vantaxe que son, ata o día de hoxe, a maior diferenza nun partido no noso subgrupo. 

 Pola súa parte, ao Pontevedra non se lle dá tampouco mal xogar lonxe de Pasarón. Deste xeito arrincaron a tempada, gañando na Malata nun partido intenso, no que conseguiron poñerse por diante en dúas ocasións e no que a altura foi determinante. Un resultado que non puideron repetir en Zamora contra a sorpresa deste arrinque de tempada sendo incapaces de marcar, empatando sen goles, malia xogar contra dez durante case unha hora. 

 Moita igualade. 

 Os partidos entre Compos e Pontevedra contan cunha longa historia. Dous equipos que se enfrontaron en Segunda B e Terceira en numerosas ocasións e que sempre nos deixan resultados axustados con tres vitorias pola mínima e ata 10 empates, seis deles sen goles. 

 Quitando eses empates, o Compos superou ao conxunto granate ata en 5 ocasións, case todas en Santiago. Sería en 3 oportunidades que o Pontevedra levaría os tres puntos, unha delas no Vero Boquete chegando ésta hai máis de dez anos e sendo a última ocasión na que conseguirían superar aos nosos en partido oficial. 

 En canto á última cita entre ambos os dous conxuntos, sendo ademais en San Lázaro, o triunfo foi favorable aos nosos conseguindo, ademais, a maior diferenza de goles. Os goles de Catú, por partida dobre, e Manu Rodríguez serviron para sumar tres puntos na última campaña na categoría de bronce ata o momento. 

 Non obstante, tamén hai que falar doutra cita máis, en pretempada, hai mes e medio. Tamén no Vero Boquete, o Compos sería quen de aguantar, e ter unha ocasión clara, a un Pontevedra moi forte e que saiu de Santiago cun triunfo pola mínima grazas a un gol de Rufo. 

 O bo camiño. 

 Os dous equipos están a sumar puntos practicamente cada semana. O Compos non perde dende a súa visita a Salamanca mentres que para ver unha derrota do Pontevedra hai que ir ata o mes de febreiro, cando caeron en Pasarón contra o filial do Real Oviedo pola mínima e unha semana máis para a súa última saída sen puntos, diante do Atlético Baleares. 

 Na pasada fin de semana, o Compos non foi quen de facer un gran partido contra o Racing de Ferrol pero si suficiente para sacar un valioso empate da Malata nun encontro con polémica arbitral. Cuarta xornada consecutiva puntuando e unha máis fóra dos postos de promoción de permanencia. 

 Pola súa parte, o Pontevedra gañou con dificultades ao Salamanca en Pasarón. Un partido marcado polas interrupcións e as numerosas entradas e faltas por parte do cadro visitante e que se decidiu nos minutos finais cun gol de Charles dende os once metros, no 89, e un segundo, obra de Rufo, no engadido. 

 Outro líder que pasa por Santiago.

 Nestes últimos anos non foi doado ver polo Vero Boquete a outro equipo liderando a clasificación que non fora o Compos, campión de dúas das tres últimas ligas. Non obstante, esta fin de semana chega por segunda vez un equipo que manda na clasificación neste arrinque de tempada. Antes, na xornada 2, fíxoo o Deportivo, colíder xunto a outros tres rivais, e non acabaría sacando un bo resultado no campo do que naquel momento sería o último da táboa. 

 Para ver outro líder polo Vero Boquete hai que remontarse ata a tempada 2016/17, na xornada 15. Visitaba a capital galega o Rápido de Bouzas como líder con 30 puntos, un máis que o Racing Vilalbés. Naquela cita, o resultado sería de empate cos goles de Óscar Pardavila para os visitantes e Mitogo para os nosos. Sería o cuarto empate dos cinco consecutivos que asinaría o equipo na tempada de estrea de Yago Iglesias.

 Hugo Sanmartín seguirá de baixa. 

 Coa volta de Primo e Samu, Hugo Sanmartín seguirá a ser baixa xunto a Joel. Unha ausencia importante no ataque branquiazul como xa foi fronte ao Racing. Mentres, entran de novo Primo e Samu xa recuperados da lesión que os apartaron durante semanas puidendo entrar o cántabro no once titular tendo a oportunidade de marcar o seu primeiro gol neste curso. 

 Volve a maxia ao Vero Boquete. 

 Logo de moitos meses, dende a derrota contra a UD Ourense pola mínima, volve a maxia ao Vero Boquete. Volven os seareiros ao templo, unha pequena parte cumprindo as medidas impostas pola Xunta, e volve ese bo ambiente que hai sempre no feudo branquiazul. 

 O partido será este sábado ás 17 horas e poderá verse en directo a través da TVG2. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario