Nova fin de semana e chega a cuarta xornada, que abrirán Compos e Guijuelo, pouco antes do parón na Segunda B. Un partido chave para os nosos, no que buscarán a primeira vitoria non só desta tempada senón, ademais, fronte a un rival que sempre marchou do Vero Boquete de San Lázaro con puntos, conseguindo tres triunfos, nun enfrontamento moi igualado e que se moveu en resultados moi curtos.
De menos a máis.
O comezo de tempada do Guijuelo deixou unhas cantas dúbidas. Un partido sen moita intensidade na casa contra o Celta B, no que as ocasións escasearon e faltou o gol nos dous bandos. Empate e a visitar á sorpresa do campionato: o Zamora. Un partido no que si apareceu o gol, en dúas ocasións, pero no que fallou o traballo en defensa recibindo o tanto da remontada nos minutos finais. Defensa que melloraría de novo na casa contra o Salamanca gañando por dous tantos a un dos, a priori, favoritos e que non está a ter un bo arrinque de campionato.
Unha cuarta posición, con catro puntos, para un Guijuelo que pelexará por estar na parte media da clasificación pelexando por non volver a unha Terceira división que deixaron alá polo ano 2016 convertíndose no equipo do grupo con máis tempadas na Segunda división B acadando, de forma histórica, un cuarto posto na tempada 2013/14, perdendo na primeira fase da promoción de ascenso contra un Leganés que volvía á categoría de prata dez anos despois.
Do equipo cabe comentar que mestura a experiencia de xogadores como Razvan, cunha longa traxectoria na categoría e experiencia na Segunda división; Carlos Rubén ou os goleadores do equipo Antonio Pino e Abraham Pozo, procedentes os dous dende Estremadura. Por outro lado, a xuventude de futbolistas como Manu Molina, Parra ou o albanés Spahiu, recén chegado do fútbol belga.
Rompendo maleficios.
Quinto ano de Yago Iglesias no banco da Esedé e nova oportunidade de acabar con outro maleficio que acompaña ao equipo ao longo da súa historia. E é que o Guijuelo visitou o Vero Boquete de San Lázaro en catro ocasións con resultados que non son moi positivos. Pero, ao igual que no pasado, para todo hai unha primeira vez.
Remontémonos ao pasado curso. Na xornada 12 chegaba o Compos á Magdalena, campo onde nnca chegara a vitoria. E, non sen dificultades, os goles de Samu e Primo foron suficientes para encadear un novo triunfo na tempada, moi importante polo seu significado. E o mesmo pasaría xa neste 2020 en Calabagueiros, onde o equipo asinaría unha vitoria histórica contra o Barco no que Primo marcaría tres goles pechando a goleada Pablo Antas e Hugo Sanmartín.
Pois ben, agora mesmo estamos na mesma situación que nas dúas antes citadas. O cadro salmantino viaxou a Santiago en catro ocasións volvendo sempre con puntos. De feito, o Compos só foi quen de rabuñar un punto en 2010 grazas a un gol de Iván González. Logo dese empate, tres derrotas pola mínima conseguindo anotar un gol en 2014, obra de Diego Rey, mais sendo insuficiente para sacar algo positivo.
Falta o gol.
Se ben hai que dicir que o Compos está a facer un xogo ao alcance de moi poucos, superando por fútbol aos seus rivais, sobre todo nas dúas últimas citas contra Depor e Coruxo, e merecendo os triunfos, pero o gol non chega e, polo tanto, tampouco os tres puntos. Tres partidos sen ver portería, case sen probar aos porteiros visitantes.
Tres partidos e ningunha derrota para un equipo acostumado, sobre todo nos últimos anos, a sacar uns resultados inmellorables, superando en todos os sentidos aos seus rivais. Tres semanas nas que se asinou o peor arrinque neste sentido dos últimos 10 anos tendo que remontarnos ata a tempada 2009/10 para ver o primeiro triunfo branquiazul máis alá da xornada 3, chegando esta cando xa pasaran tres meses de campionato e, ademais, na Malata. Unha tempada que sería, sen dúbida, para esquecer en moitos sentidos.
Ao anterior hai que engadir que son xa 270 minutos en liga sen ver portería sendo a cuarta maior cantidade de minutos sen anotar nos últimos anos, superada por ata dúas xeiras na 2015/16, estando a seguinte a 60 minutos, e outra na 2009/10. Exactamente, pasaría o equipo 601 e 453 minutos respectivamente sen gol.
Unhas cifras que tamén contan para os dous dianteiros titulares do equipo e dos que falaremos tamén máis adiante. Brais Abelenda e Primo compartirían vestiario durante boa parte da tempada pasada marcando un total de 24 goles entre os dous. Non obstante, pasarían por unha xeira negativa de 411 minutos o cántabro e 495 minutos o dubrés sen marcar gol, cifra que sería maior a tempada pasada na que compartiría equipo con Santi Gegunde e Aythami, chegando a 574 minutos sen marcar, xogando nunha posición máis alonxada da portería.
A mellor defensa.
Por se non quedou claro xa o pasado curso, o Compos conta cunha das mellores parellas de centrais do fútbol galego acompañada por un porteiro convertido en lenda branquiazul. E é que David Soto e Álvaro Casas levan dende o verán de 2019 compartindo equipo e secando aos ataques rivais con actuacións inmellorables.
Ata en 26 citas compartiron liña defensiva o santiagués e o ourensán entre a pasada tempada e a presente. Uns partidos nos que Pato só recibiu 12 goles, confirmando un récord histórico, e nos que o equipo puido gañar un total de 18 xogos, empatando outros 6 e caendo contra o Bergantiños nas Eiroas e a UD Ourense en San Lázaro.
Por contra, neste tempo houbo ata catro partidos nos que, por unha razón ou outra, non puideron estar os dous xuntos no campo. Catro partidos onde os resultados non foron tan positivos puidendo gañar ao Silva pero caendo no Couto, de novo contra a UD Ourense; na Cheda contra o filial do Lugo e no Reina Sofía, xa nesta tempada, contra o Unionistas.
Sen Primo, quedamos sen gol?
Á baixa de Joel, esta fin de semana hai que sumar a de Primo, que estará fóra dos terreos de xogo por tres semanas por una rotura de fibras. Unha baixa, a do cántabro, moi importante pero con xogadores importantes que poderían cubrir dito posto. Pablo Antas, Hugo Sanmartín, Gabri Palmás e Brais Abelenda chegan xa con experiencia nunha posición con moitas propostas e na que está a faltar o máis importante: o gol.
Para moitos, falta un nove suplente que poida cubrir ese posto pero, e se xa está no equipo titular? Brais Abelenda suma a súa terceira campaña na Esedé. Na primeira compartiu ataque con Aythami e Santi Gegunde, xogando máís por banda que os outros dous, que alternaban a punta do ataque cando o outro non podía estar. Non obstante, foi o pasado curso cando puido demostrar mellor o seu bo facer como dianteiro centro ante as baixas de Rodri Alonso e Primo.
O de Bembibre tería a posibilidade de ser o dianteiro centro titular en ata 10 partidos nos que deixou moito máis que boas sensacións marcando un total de 9 goles e mandando o esférico ao fondo das redes das porterías do Vero Boquete ata en 8 ocasións, quedando sen marcar só contra o Alondras na primeira data da segunda volta. Un futbolista que, sen dúbida, sabe ben o que é o gol e que podería ser o autor do primeiro tanto branquiazul na tempada como xa o foi a tempada pasada.
Poderían volver Samu e Bicho.
A mala nova da baixa de Primo podería compensarse coa volta dun dos mellores creadores de fútbol da categoría e a volta á categoría dun dos futbolistas con maior nivel da mesma. E é que Samu e Bicho deixan de ser baixa segura para ser seria dúbida, puidendo entrar na convocatoria e coa posibilidade de ter minutos.
Samu debutou contra Unionistas na Segunda B deixando mostras da súa calidade malia non ser un bo partido do equipo en xeral. Puido completar o encontro pero xa foi baixa segura contra Depor e Coruxo retrasando Pablo Antas a súa posición e compartido o dobre pivote con Baleato.
Por outra parte, Bicho non puido debutar en Salamanca e leva sen desputar un partido oficial dende a final pola fase de ascenso. Fixo a pretempada pero no que vai de 2020 só puido estar en 7 partidos entre liga e fase de ascenso.
Abrimos a xornada.
Por segunda fin de semana consecutiva, o Compos abrirá a xornada. O partido será este sábado ás 18 horas e, finalmente, non poderá haber afeccionados nas bancadas do Vero Boquete. Un partido que se poderá ver a través da segunda canle da TVG e seguirse a través do perfil de Twitter da Curva Branquiazul. Tamén se poderá escoitar por 'Esedé Radio'.
Ningún comentario:
Publicar un comentario