O Compos sacou do Vao un novo empate co que seguir sumando por segunda semana consecutiva. Un partido onde dominaron os nosos durante gran parte do xogo pero que, unha semana máis, faltou un gol que só estivo preto nun disparo de Hugo Sanmartín que petou no longueiro. Por parte do Coruxo, quince minutos de perigo logo de sacar ao rival do partido a base de numerosas faltas pouco castigadas nalgún caso.
Sobre un campo en mal estado pola chuvia, o Compos buscou facerse coa posesión do esférico metendo ao Coruxo no seu propio campo só con Cárcaba por detrás do balón para buscar oportunidades á contra. Non obstante, malia as numerosas carreiras tanto de Miki como de Juampa polas bandas, as ocasións fixéronse de rogar. Un guión como o da pasada fin de semana onde faltaron os disparos a portería con Primo incapaz de desfacerse da presión duns contrarios que conseguiron sacar ao cántabro do partido.
Pouco a pouco puideron verse as intencións dos dous equipos, cun equipo dominador e outro que buscou sacar ao rival do partido con un fútbol menos vistoso. E é que o Coruxo pechou o primeiro tempo con tres amoestados incluíndo unha falta de Pablo Crespo sobre Miki con cartón amarelo ou laranxa. Ese 'outro fútbol' co que os de Míchel Alonso evitaron aínda máis perigo sobre a portería dun Alberto sen moito traballo.
Fóra do partido.
A superioridade seguiu sendo dos nosos con chegadas de Juampa e Miki, nas que non atoparon rematador, nun segundo tempo onde o traballo dos xogadores locais foi dando os seus froitos pouco a pouco. A base de faltas, os nervios aumentaron nun Compos que quedou fóra do partido nos quince últimos minutos pasando a ser de vital importancia homes coma David Soto ou Álvaro Casas, dúas pezas fundamentais e que volveron ser do mellor do equipo xunto con Pato, importante tamén en ataque con saques de porta que ben podían valer como media asistencia.
E se o Compos ía perdendo esa superioridade, o Coruxo melloraba asinando as mellores ocasións. A entrada de Alex Ares aumentou o perigo sobre a porta visitante e as oportunidades eran constantes, salvando os mobles unha das mellores parellas de centrais da liga con Chevi como autor da mellor xogada cun disparo de tacón que saiu por moi pouco e ao que respondeu Hugo Sanmartín cun disparo desde lonxe que petou no longueiro antes de saír por liña de fondo.
Finalmente, un novo empate, e van dous consecutivos, para un Compos que segue sen marcar pero que deixa moi boas sensacións en xeral, sendo a única materia pendente o traballo nos metros finais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario