Coruxo e Compos pechan a clasificación despois de dúas xornadas, con cero e un puntos respectivamente, e buscarán o seu primeiro triunfo no Vao este domingo no encontro que abrirá a terceira data dun campionato onde o marxe de erro é mínimo. Un partido entre dous equipos chamados a estar máis arriba na táboa, na loita por participar o vindeiro curso na Primeira RFEF.
Aínda sen arrincar.
Un Coruxo sen case fichaxes, cun bloque moi importante do equipo que a piques estivo de meterse en fase de ascenso á Segunda división antes da cuarentena, non é quen de arrincar nesta nova campaña. Unha nova normalidade para un cadro o vigués que non é quen de sacar boas sensacións logo de caer tamén nos seus dous últimos amigables de pretempada, contra Compos e Arenteiro.
Logo de conseguir o seu mellor posto histórico, un quinto na Segunda B, o equipo verde quere sumar unha nova tempada na categoría de bronce sendo xa once consecutivas dende o seu ascenso en 2010. Non obstante, neste novo curso, o equipo de Míchel Alonso aínda non sabe o que é puntuar nin, ao igual que Compos e Celta B, tampouco puideron ver portería logo de dúas xornadas malia contar con atacantes da talla de Silva e Cárcaba, fichaxe máis importante neste verán xunto coa volta de Pedro Vázquez logo de tres anos lonxe do Vao.
Un equipo que durante o verán, na pretempada, caeu a mans de Pontevedra, Compos e Arenteiro, como xa contamos anteriormente, mentres que superarían a Arzúa e Choco, parando Alberto un penalti que serviría para empatar aos redondeláns.
En canto ao equipo, hai que ter en conta a xogadores do nivel de Cárcaba ou Antón De Vicente, capitán e parte fundamental deste equipo. Tamén contan no equipo coa presenza do ex do Compos Alex Ares, titular fronte ao Zamora.
Mal inicio.
Vigueses e santiagueses non puideron comezar con bo pé esta nova, e última, tempada na Segunda B. Unha derrota para cada un no primeiro encontro e un empate para os nosos, coa segunda derrota verde neste comezo duro, son a carta de presentación dunha liga que se presenta dura á par que igualada e na que un erro se paga aínda máis caro.
O Coruxo comezou a competición na casa contra a revelación. Un Zamora que non puido aproveitar un mal arrinque local pero que conseguiu os seus primeiros puntos grazas a un gol de Juanan no segundo tempo. Unha semana despois, no Helmántico, o Salamanca metería ao rival no seu campo e sumaría o primeiro gol a balón parado mentres que o segundo chegaría nun centro ao segundo pau, onde Mora marcou sen oposición.
Por outro lado, o Compos non tería un bo día sobre o verde sintético do Reina Sofía caendo contra o Unionistas na primeira xornada e deixando malas sensacións. Un partido que se esqueceu contra o Depor no Vero Boquete onde só faltou o gol superando tacticamente ao mellor equipo da categoría.
A todo o anterior hai que engadir que son dous dos tres equipos, xunto co Celta B, de todo o grupo 1 que seguen sen ver portería... legalmente. Os dous xa tiveron que lamentar un gol anulado por fóra de xogo chegando, ademais, os dous en terras salmantinas.
O Vao, campo complicado.
Moitas foron as ocasións nas que Compos e Coruxo se puideron ver as caras, sendo un enfrontamento habitual entre os 60 e os 80, onde se podían ver importantes goleadas do Compos coma un 7-0 en 1964 ou un 8-1 só un ano máis tarde, cun 2-6 polo medio en terras viguesas. Tal era a diferenza entre os dous clubes que o conxunto vigués só sacou 5 puntos nos primeiros 16 encontros. Unha vantaxe branquiazul que desapareceu dende que se volveron ver as caras, 18 anos despois, xa neste século.
Dende que se volveran ver as caras en 2008, o Compos só puido co Coruxo en dous partidos, ambos os dous en terras santiaguesas, e só sacou un punto máis nunha visita ao Vao. Sería no campo vigués onde tamén encaixaría unha das maiores goleadas dos últimos anos recibindo 5 goles, con tres de Santi Comesaña e sendo Mon o autor do único gol branquiazul.
A cousa tampouco cambiou fóra da liga. E é que os dous equipos tiveron que verse as caras na pasada edición da Copa RFEF, na fase estatal, rematando con triunfo visitante no Vero Boquete na prórroga. Antón De Vicente adiantaría aos seus cun gol polémico mentres que Gabri Palmás asinaría o empate nos minutos finais. No engadido, Sylla asinaría o segundo e definitivo. O Coruxo acabaría perdendo en semifinais pero sacando un billete para a Copa do Rei, caendo en primeira rolda contra o Mirandés dende os once metros.
E non só é un campo que ao Compos se lle dá non moi ben, senón que na última campaña só o Internacional de Madrid sería quen de saír cos tres puntos nun partido onde o ex branquiazul Aythami sairía para xogar os dez últimos minutos.
Dous ex por equipo.
Se na Terceira división atopamos bastantes ex do Compos ao longo dos últimos catro anos, na Segunda B non é para menos. Se na primeira saída, a Salamanca, atopamos a un ex dos nosos, neste Coruxo son dous os xogadores con pasado branquiazul e que formaron parte da mellor campaña da historia dun equipo ao que a tempada se lle fixo curta.
Baixo paus, peza fundamental, atopamos a Alberto. O gardameta santiagués formou parte do primeiro equipo na tempada 2009/10, nunha Segunda B onde non conseguirían a permanencia e da que se pasaría a Preferente por problemas económicos. Pola súa parte, dúas tempadas pasaría na Esedé Alex Ares gañando unha liga e asinando dúas fases de ascenso, mais sen conseguir o premio. Un dos xogadores galegos con maior calidade e que sumou 25 goles de branquiazul.
Non obstante, non só no Coruxo se pode cumprir a famosa 'lei do ex'. Tamén no Compos atopamos dous ex do cadro vigués con Hugo Sanmartín, que formou parte durante a tempada 16/17. E no verán no que deixaría o clube, chegaría a el Juampa Barros, dúas fichaxes que deixaron pisada nas filas do cadro do Vao.
Na casa, complicado.
Polo de agora, van dez partidos nesta nova categoría. Dez partidos nos que só catro remataron con triunfo local coincidindo, ademais, que en tres había afeccionados nas bancadas, sendo só o Unionistas-Compos que rematou con este resultado malia xogarse a porta pechada.
Por outra parte, Pontevedra e Racing de Ferrol asinarían os seus primeiros puntos a domicilio ao igual que un Zamora que, de momento, segue aproveitando un gran momento de forma cun equipo que, como o Compos, chega coa vantaxe de ser un bloque consolidado.
Mantéñense as baixas.
Ao igual que contra o Depor, Yago Iglesias contará con dúas baixas importantes. Trátase de Samu, con molestias nun nocello, e Bicho, cunha fascite plantar que o leva apartando dos terreos de xogo dende o comezo da competición. Dúas ausencias ás que sumar a máis que coñecida de Joel.
Como compensación a estas baixas, hai varios xogadores da base adestrando co primeiro equipo. A Manu Rivas e Yosi, que entraron na convocatoria da pasada fin de semana, hai que engadir nesta a Mario Constenla, última fichaxe do Xuvenil A procedente da base do Pontevedra.
Abrimos a xornada.
Nova fin de semana, nova xornada e toca madrugar. O Compos abrirá a nova data no subgrupo este domingo ás 12 horas no Vao, onde podería haber un reducido número de afeccionados locais. Un partido que poderá verse a través da segunda canle da TVG e seguirse a través da conta de Twitter da Curva Branquiazul.
Ningún comentario:
Publicar un comentario