Compos e Depor non conseguiron marcar no partido máis destacado da xornada. Co verde do Vero Boquete rápido por mor da chuvia, o fútbol de combinación do Compos impúxose ao dun Depor que buscou facer perigo co fútbol directo. Noventa minutos de moita intensidade, de tensión e de centros sen rematador. Tarde tranquila tanto para Pato coma para Carlos Abad sen ocasións claras grazas ás inmellorables actuacións das defensas e a axuda, a éstas, por parte duns dianteiros que non tiveron a súa mellor tarde.
O partido arrincou co Depor deixando claras as súas intencións, buscando a Lara logo do saque de centro e atopándose co primeiro fóra de xogo, e coa Esedé buscando combinar, sen presa pero sen pausa. Foi así como, cando aínda non se chegara ao segundo minuto de xogo, chegou a primeira oportunidade dende a banda con Juampa e Josiño tocando pero sen conseguir levar a xogada a bo porto fronte á zaga visitante. Un guión, a de chegada pola banda dos nosos e despexe da defensa, que se repetiu durante os noventa minutos.
Pouco a pouco intentou meterse o Depor no partido, aínda que sen ser quen de controlar a posesión do esférico. Durante os primeiros trinta minutos, algunha oportunidade chegada dende a banda de Keko Gontán e Eneko Bóveda que sacaron Álvaro Casas e David Soto sen grandes complicacións aparecendo tamén Pato cando foi preciso. Non obstante, cando mellor parecían estar, chegou a lesión de Salva Ruiz provocando o primeiro trocos cando só transcorreran vinte minutos, entrando no seu lugar un Valín que a piques estivo de non rematar sequera o primeiro tempo logo de ver un cartón e, minutos despois, facer unha falta na frontal da área que non sinalou o colexiado sendo a xogada máis polémica do partido.
A intensidade non deixaba de aumentar sobre o verde e o Depor, superada a media hora, xa si foi capaz de levar algo máis de perigo sobre a área branquiazul. Con Beauvue como peza máis perigosa, sería Borges o encargado de marcar o único gol do xogo, anulado polo asistente por claro fóra de xogo respondendo a unha ocasión moi clara de Brais Abelenda que se foi moi cruzado sen ver porta.
Máis centros sen rematador.
O segundo tempo comezaría, a diferenza do partido no Reina Sofía, co Compos mandando de novo. As bandas mantiveron o seu protagonismo con Miki e Juampa creando moito perigo sen que ninguén finalizara ditos centros. Algo que, co paso dos minutos, pasaría a facer tamén un Depor que seguiría petando na defensa branquiazul, cun Álvaro Casas sobresaínte. Só Nacho González, cun disparo dende lonxe, sería quen de poñer en risco real a porta cun disparo que petaría no traveseiro e posteriormente nas costas de Pato saíndo rebotado. Ademais, para o cadro coruñés non deixarían de chegar as malas novas coa lesión de Eneko Bóveda obrigando a Fernando Vázquez a facer un novo troco obrigado.
Coa entrada dos trocos, o Compos volvería meterse nese xogo de lado a lado con Gabri Palmás axudando a Primo na parte máis adiantada e, minutos máis tarde, sendo Hugo Sanmartín o autor de bos centros con Baleato dando seguridade no centro do campo. Non obstante, as forzas xa non eran as mesmas nos dous equipos e as interrupcións sucederíanse no treito final, onde os nosos buscarían un novo arreón con Miki sendo, unha vez máis, un perigo constante dende a banda.
E se en Riazor, na primeira xornada, foi o Depor o que se levou os tres puntos no engadido, os homes de Yago Iglesias non quixeron ser menos. Con Miki buscando máis centros, Saro demostrando o seu bo facer en ataque e algún que outro erro de Primo, que non tivo a súa mellor tarde na toma de decisións, só faltou o gol fronte a un equipo que, por xogadores, semellaba superior.
Finalmente, un empate moi importante para sumar o primeiro punto da xornada contra un rival ao que será moi difícil sacarlle puntos mantendo o Vero Boquete de San Lázaro como un fortín do que sacar os tres puntos está só ao alcance de moi poucos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario