Lugo marca o cambio

O Compos arrincará esta segunda volta fóra dos postos de promoción de ascenso, a só un punto, visitando a un dos filiais da categoría. O campo da Cheda, de herba artificial, abrirá a segunda parte dun campionato moi complicado e igualado que os nosos buscarán pechar nos postos altos da clasificación. Diante, un Lugo B que quere volver ao camiño da vitoria para afastarse dos postos de descenso, que a día de hoxe poderían aumentar de non haber ningún ascenso dada a mala situación dalgúns equipos da terra na Segunda B.


Saíndo do pozo.
O Lugo B, tamén coñecido como Polvorín, está a xogar por primeira vez na súa historia na Terceira división. Un equipo, o filial do CD Lugo dende 2015, que non pensa noutra cousa que deixar boas sensacións e manter a categoría nun curso que se presenta complicado tanto sobre o terreo de xogo, onde conseguiron saír dos postos de perigo a pasada fin de semana empatando na Porta Santa, coma fóra deles, xa que podería haber máis de catro descensos á Rexional Preferente.
Ocupando a décimo sexta praza na táboa, contan cun total de 18 puntos grazas a cinco vitorias, 4 delas ante a súa afección, e 3 empates conseguidos a domicilio, uns números aos que engadir un total de 11 derrotas coas que pecharon a primeira volta igualando a puntos ao Ribadumia. Ademais, un total de 23 goles a favor e 31 en contra que o sitúan como o equipo con máis gol dos que pelexan a día de hoxe polos postos baixos.
En terras luguesas, tanto na Reigosa coma na Cheda, o filial lucense xogou un total de 7 encontros, logo de xogar as catro primeiras xornadas a domicilio. Os resultados, moi parecidos. Un total de 4 vitorias e 3 derrotas, todas pola mínima. Un equipo que recibiu 9 goles a fixo 11 ante a súa afección enfrontándose a rivais da talla do Boiro ou Somozas, aínda con tódolos grandes por visitar o Campo da Cheda.
A nivel individual contan no equipo cunha das pezas máis ofensivas do campionato, que sae a gol cada menos de partido e medio de media. Antón Escobar, unha das perlas da canteira lucense, sumou un total de 10 goles na primeira volta con menos de 1.200 minutos xogados. Ademais, chega de marcar tres goles nas dúas últimas citas.

Un precedente.
Compos e Lugo B enfrontáronse nunha soa ocasión, na primeira volta. Unha cita, que nun primeiro momento se ía xogar en terras lucenses, que rematou con vitoria branquiazul en San Lázaro grazas aos goles de Santi e Piscu nun encontro complicado e que non se decidiu ata o segundo tempo.
Non obstante, non será a primeira vez que os nosos visiten a cidade despois de máis de 40 enfrontamentos contra o CD Lugo entre partidos oficiais e amigables, que se están a suceder nos últimos veráns convertíndose en algo xa habitual. En partido oficial, un total de 40 precedentes con tremenda igualdade deixando un total de 12 vitorias branquiazuis, 13 lucenses e 15 empates. Uns datos que se reducen nunha soa vitoria branquiazul, que data de 1980 en Terceira división e 11 empates, ademais dun total de 9 triunfos locais cando os enfrontamentos tiveron lugar en Lugo.

A medio camiño.
A primeira volta rematou a pasada fin de semana e ningún dos dous equipos a pecharon cos resultados desexados. Un, a un punto dos postos de promoción de ascenso e o outro igualado co conxunto que marca os de descenso, mais fóra dun perigo real. Dous equipos con obxectivos moi diferentes e que, a falta de media tempada non están tan mal encamiñados.
O Vero Boquete despediu a primeira metade do campionato cun mal partido dos nosos que, ademais de encadear unha nova derrota repetiron o resultado encaixado no Candocia deixando malas sensacións. Dous goles a favor e seis en contra nos dous últimos enfrontamentos que deixan aos nosos fóra dos postos de promoción de ascenso lonxe do primeiro posto.
Pola súa parte, o Lugo B pechou a primeira parte deixando atrás dúas derrotas consecutivas cun empate importante e traballado na sempre complicada Porta Santa. Un partido no que chegaron ao tempo de lecer por diante, grazas a un gol de Antón Escobar e que conseguiu empatar o Paiosaco grazas a un gol de Otero no segundo tempo, logo de entrar dende o banco de suplentes.

Alberto, baixa nun grupo máis pequeno.
A mediados dunha dura semana, chegou unha nova importante. Ube, falto de minutos, deixou a disciplina branquiazul para xogar no Boiro ata o final da tempada. Á súa ausencia hai que aumentar, unha semana máis, a falta por lesión de Alberto. Por outro lado, Álvaro Casas será baixa por acumulación de amoestacións logo de ver o quinto cartón amarelo a pasada fin de semana.

Hai que madrugar.
A segunda volta arrincará o domingo ás 12:15 horas no Campo da Cheda de Lugo. Un partido difícil para os nosos, sobre herba artificial, e para o que as entradas terán un prezo de 10 euros.
Por contra, quen non poida achegarse ata Lugo, o partido poderá seguirse a través das contas de Twitter tanto da Curva Branquiazul coma do clube.

Ningún comentario:

Publicar un comentario