'Chechu' Meneses reforza a defensa

O Compos xa ten unha das pezas máis desexadas para este final de tempada. 'Chechu' Meneses, balear de 24 anos, chega á Esedé procedente das filas da Sociedad Deportiva Amorebieta, da Segunda división B, para reforzar tanto o centro da zaga coma o lateral esquerdo. Un xogador con experiencia na categoría e que asina ata o 30 de xuño deste mesmo ano. Por outro lado, este mércores fíxose oficial a cesión de Ube cara ao Boiro ata final de tempada buscando os minutos cos que non puido contar no Vero Boquete ata o de agora. 

Xuventude e experiencia. 


Formado nas categorías inferiores do San Francisco, chegou ás filas do xuvenil do Mallorca en 2013 para arrincar no fútbol senior nas filas do Atlético de Madrid C, na Terceira división, onde pasou unha tempada. De volta ás Baleares, pasou ás filas do Formentera, onde foron son subcampións de liga e caeron na primeira rolda da promoción de ascenso. 
Se hai algo que caracterizou a súa carreira ata o de agora foron os filiais. Logo do seu paso polas filas do segundo filial do Atlético, vestiu tamén as camisetas dos filiais de Numancia, na 2016/17, e Extremadura, na primeira volta da 17/18, para pechar esa mesma tempada na Peña Deportiva, tamén balear. 
Durante esta primeira volta, estivo nas filas do Amorebieta, equipo do grupo 2 da Segunda división B, onde non pasou dos 320 minutos de xogo en 5 partidos, sendo titular en 4 e completando 3 deles. 

Outro en busca de minutos. 
Un que entra e outro que sae. Ube abandona o Compos despois da súa chegada á capital hai dous anos e medio, no mercado de verán de 2016, procedente das categorías inferiores do Celta. O vigués non contou con moitos minutos durante estes dous anos e medio, onde xogou 48 partidos en dúas tempadas e media marcando un gol ao Silva na súa primeira campaña e outro ao Arenteiro a pasada.
Agora xogará en calidade de cedido ata final de tempada nas filas do Boiro xunto a Ander e Cardeñosa, cos que xa compartiu vestiario no Vero Boquete. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario