O 2019 non empeza ben

O Compos non puido sacar nada positivo da primeira cita deste 2019 contra o Ourense CF nun partido sen un dominador claro mais coas ocasións claras a prol do cadro visitante. Un mal partido dos nosos en tódalas liñas, sen sorte e do que o conxunto ourensán soubo sacar o mellor conseguindo remontar un gol de Aythami grazas aos tantos de Róber, que non o celebrou, Renan Zanelli e Juanma. 


Aythami, autor do primeiro gol do ano. 
O enfrontamento arrincou con igualdade, coa pelota dividida entre os dous clubes e sen ocasións en ningunha das dúas porterías. A iso hai que engadir un xogo trabado que acabou por írselle das mans a un colexiado un tanto superado entre faltas e un gran número de balóns divididos, en moitas ocasións gañados polos visitantes. 
Non obstante, entre a loucura, o Compos sacou algo máis que positivo. Un córner que, logo de pasar por varios xogadores e que ninguén o sacara da área, cabeceou Aythami ao fondo das mallas. Gol dos nosos para desfacer a igualdade e confirmar a mellora do equipo de cara ao final do primeiro tempo, que se pechou cos nosos por diante no marcador. 

Reacción e desaparición. 
Se a saída ao primeiro tempo dos de Fran Justo supuxo algún que outro susto aos nosos, non foi para menos a da segunda. Convencidos das súas posibilidades, o empate chegou só tres minutos logo da reanudación. Un gol obra do ex branquiazul Róber que non quixo celebrar por respeto a unha afección que o ovacionou cando soou o seu nome na megafonía e, minutos máis tarde, cando marchou substituido. O gol do porriñés rápido obtivo unha nova resposta por parte dos seus compañeiros co tanto da remontada, obra de Renan Zanelli. Un acerto de bela factura do brasileiro dende o pico da área e directo á escadra. 
Sen practicamente ideas e os trocos esgotados en vinte minutos, o Compos non foi quen de empatar un partido que puido sentenzar o Ourense moito antes de non ser polas boas intervencións realizadas por Anxo baixo paus. Non obstante, cando semellaba que podía chegar o tanto da igualada, caeu o terceiro e definitivo gol da tarde, asinado por Juanma, para mandar os tres primeiros puntos do ano cara Ourense. 

Agora, o equipo arrincará a segunda volta fóra dos postos de promoción de ascenso e con dúas saídas consecutivas.

ALIÑACIÓN: Anxo; Sergio Pereira, Casas, Uña, Naveira; Samu, Remeseiro (Miki, min. 58); Ares (Josiño, min. 67), Abelenda, Santi (Mon, min. 67); e Aythami. 
CARTÓNS: Amarelos para Casas, Remeseiro, Josiño, Aythami e Mon. 
GOLES: 1-0 33' Aythami, 1-1 48' Róber, 1-2 50' Renan Zanelli, 1-3 85' Juanma. 
CAMPO: Vero Boquete de San Lázaro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario