Despedimos un gran ano

O Compos despedirá este sábado un gran ano que quedará na historia do clube branquiazul. Un 2018 que se despedirá no verde do Alcalde Manuel Candocia coa Esedé e o Somozas buscando os tres derradeiros puntos antes das vacacións e penúltimos da primeira volta. Un partido entre dous ex Segunda B que buscan volver a categorías nacionais. Ademais, será a volta de Alex Ares, Remeseiro e Sergio Pereira á que foi a súa casa.


Tranquilidade. 
Despois dunha tempada na que pensaban buscar o ascenso á Segunda B, sen sorte, o Somozas quere pechar este curso con tranquilidade, sabedores do difícil que é facerse un oco nos postos altos. Na zona media da clasificación actualmente, a 12 puntos dos nosos e con 6 máis ca o Lugo B, equipo que marca o descenso, nun curso sen un obxectivo maior ca o da permanencia. 
O equipo da Ferrolterra é noveno clasificado con 23 puntos, os mesmos que Laracha e Ourense CF, último rival dos nosos na primeira volta e primeiro do 2019. Con case os mesmos números na casa e a domicilio, con só un punto e un partido de diferenza entre cada caso, os somocenses queren pechar este ano cun triunfo ante a súa afección, a que xa viu un total de tres vitorias e dous empates, ademais de tres derrotas, no que vai de campionato. Por contra, a domicilio, conseguiron o mesmo número de vitorias, empates e derrotas: tres. 
Con boa parte dos rivais fortes a domicilio, o Candocia recibiu na primeira xornada de liga ao Racing de Ferrol. Un derbi que deixou dúbidas no equipo departamental e unhas impresións nos somocenses que foron desaparecendo co paso das xornadas. Un 4-0 a prol dos homes de Stili, que deixou o posto por decisión persoal mes e medio despois deixando ao equipo con 8 puntos de 21 posibles, supuxo un arrinque de luxo para un equipo que gañou tamén ao Porriño na casa na terceira data e ao Céltiga. Por contra, conquistaron Pardiñas Boiro, Arenteiro e Ourense CF conseguindo deixar sen gol aos locais nos tres xogos. E, para rematar, Racing Vilalbés, nun enfrontamento sen goles, e Silva, hai dúas semanas, conseguiron sacar un punto dun campo difícil e no que a chave está en non encaixar. 
A nivel individual, un ano máis hai que destacar o gran traballo de Gerardo. O dianteiro asturiano, que completa a súa segunda campaña nas filas do Somozas, é de novo o máximo goleador do equipo con sete goles no total. Ademais, contan co ex director do xogo branquiazul Gonzalo, un fixo no once titular, e Manu Cedrón, gardamallas que volveu a Pardiñas e que non está a ter continuidade no equipo. 

Boas dinámicas.
Somozas e Compos chegan a esta cita inmersos en boas dinámicas de resultados. Os verdibrancos suman xa cinco xornadas sen coñecer a derrota mentres que os nosos non quedan sen puntuar dende hai dous meses e medio, conseguindo ante o Ribadumia a décima xornada consecutiva puntuando.
Os ferroláns caeron por última vez fronte ao Ourense CF no Candocia por 0-2. Algo máis dun mes despois, os somocenses conseguiron golear ao Paiosaco na última xornada, gañar pola mínima contra Lugo B e Céltiga e sumar un punto diante de Alondras e Silva. 11 de 15 puntos posibles que os sitúan na zona media da clasificación.
Pola súa parte, o Compos suma xa unha xeira con dúas cifras. A derrota en San Lázaro a mans do Arosa supuxo unha mellora tanto no xogo coma nos resultados dos homes de Yago Iglesias e dende aí, cinco vitorias e cinco empates. Vinte puntos de trinta en xogo indo de máis a menos a domicilio, onde chegaron catro deses empates. Ao anterior hai que engadir que o Compos non perde fóra do Vero Boquete de San Lázaro en liga, non así na promoción de ascenso e a Copa do Rei, dende o pasado mes de febrero, cando non puido volver sen nada positivo da visita ao Cultural Areas, hai case dez meses.

Vellos coñecidos.
Na última década, Somozas e Compos enfrontáronse nun total de dez ocasións, en cinco tempadas diferentes entre a Terceira e a Segunda división B. A iso hai que engadir que os nosos nunca perderon nas Somozas, mentres que os ferroláns só conseguiron un triunfo de dez, hai tres anos en Santiago.
Pardiñas recibiu aos nosos nun total de cinco ocasións. Cinco visitas ao feudo ferrolán das que os nosos volveron cun total de nove puntos grazas a dúas vitorias e tres empates. Oito goles a prol dos nosos e só dous en contra con tres goles de media para os de Yago Iglesias dende a chegada do adestrador ribeirense ao banco branquiazul.

Só unha ausencia.
Para esta derradeira cita do ano, antes das vacacións, Yago Iglesias poderá contar con todo o equipo agás Alberto, que pechará o 2018 sen poder estrearse aínda neste novo curso. Sen sancionados nin apercibidos, só unha lesión ou un cartón vermello deixaría ao ribeirense con menos pezas para recibir, xa en xaneiro, ao Ourense CF.

Sábado completo.
O sábado arrincará dende ben cedo a derradeira xornada do ano. O Alcalde Manuel Candocia abrirá as súas portas ás 17 horas para acoller un dos grandes xogos da fin de semana. Un partido para o cal as entradas terán un prezo de 10 euros como xa ven sendo habitual na categoría. 
Por contra, quen non poida achegarse ao campo somocense, poderá seguir o encontro a través das contas de Twitter da Curva Branquiazul e do clube. Ademais, poderá verse en directo no carrusel da Terceira na segunda canle da Televisión de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario