10 meses despois

O Compos deixou no Candocia algo máis que tres puntos no derradeiro encontro deste 2018. Mal partido dos nosos nun campo sempre complicado e ante un rival que non perdoou as que tivo freando así unha xeira de dez partidos consecutivos puntuando e case dez meses dende a anterior derrota a domicilio en liga. Unha despedida que deixa un mal sabor de boca malia chegar aos quince minutos finais con opcións de sacar algo moito máis positivo. Alex Ares asinou o gol branquiazul mentres que Gerardo, Alex Pérez e Dani fixeron os tantos somocenses nunha vitoria que se pechou nun longo tempo engadido.


A penaltis.
O primeiro tempo, no que non houbo un dominador claro, deixou os dous primeiros goles dun encontro onde mandaron as estratexias e as xogadas a balón parado. Corenta e cinco minutos que comezaron cos nosos buscando a posesión do esférico e un gol anulado por fóra de xogo de Miki.
Na seguinte chegada, neste caso na portería contraria, penalti a prol do Somozas e gol de Gerardo para abrir o marcador. Non obstante, a igualdade non tardou moito máis en chegar do mesmo xeito: dende o punto de penalti. Foi así como Alex Ares non perdoou ante Manu Cedrón logo dunha man na área local. Un gol que deixaba todo igualado para o segundo tempo coa sorte de que o Somozas non foi quen de adiantarse de novo segundos antes do tempo de lecer cunha oportunidade que se foi ao longueiro e no rexeite non foron quen de materializar a ocasión por moi pouco.

Sen ideas.
Malia ser superiores nos primeiros minutos do segundo tempo, cunha ocasión de Álvaro Casas que se foi ao longueiro, quedou clara a falta de ideas dos nosos nun partido no que as ocasións de perigo, por ámbalas dúas partes, só puideron chegar a balón parado. Se no primeiro tempo chegaron os goles dende os once metros, non foi para menos nunha segunda onde quedaron visibles os problemas á hora de defender as xogadas de estratexia levadas a cabo polo conxunto local.
Ante esta falta de ideas para crear perigo coa posesión da pelota, o Somozas non quixo desaproveitar as súas oportunidades, a balón parado, para sumar tres puntos importantes. O segundo para os da Ferrolterra chegou nunha falta botada por Alex Pérez ante a que pouco puido facer Anxo, aínda con tempo suficiente para, polo menos, acadar o empate. Non obstante, xa no engadido, Dani Bellas finalizou unha contra cun fermoso disparo que superou a saída de Anxo, moi adiantado buscando cubrir o oco ante a falta de defensas.

Agora haberá que esperar tres semanas para ver de novo aos nosos. O Compos pechará a primeira volta a mediados do mes de xaneiro no Vero Boquete contra o Ourense CF nun partido onde se buscará volver ao camiño do triunfo.

ALIÑACIÓN: Anxo; Saro (Rubén, min. 86), Casas, Piscu, Naveira; Samu; Miki, Josiño (Aythami, min. 62), Ares, Abelenda; e Santi (Remeseiro, min. 80).
CARTÓNS: Amarelos para Saro e Casas.
GOLES: 1-0 28' Gerardo, 1-1 37' Alex Ares, 2-1 74' Alex Pérez, 3-1 90' Dani.
CAMPO: Alcalde Manuel Candocia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario