Dúas caras

O Compos despediu o Vero Boquete de San Lázaro cunha goleada contra o Ribadumia. Un partido onde o equipo dirixido por Yago Iglesias mostrou dúas caras moi diferentes na primeira e na segunda metade, véndose superado polos do Salnés antes do tempo de lecer e conseguindo dar a volta ao partido despois coincidindo coa expulsión do capitán visitante. Brais Abelenda en dúas ocasións, Aythami, Santi e Rubén anotaron os goles branquiazuis cos que remontar os de Fran Fandiño e Hugo Soto. 


Sen ideas nin fútbol. 
O primeiro tempo do Compos deixou moito que desexar. Os de Yago Iglesias saltaron ao terreo de xogo coa intención de facerse coa pelota mais sen idea algunha de que facer con ela. A iso hai que engadir a boa actuación de Roberto Pazos evitando unha goleada aínda maior salvando dúas moi claras antes dos vinte minutos de xogo, cando o marcador aínda reflexaba o resultado inicial. Non obstante, e como xa ben sendo habitual, cando o equipo perdoa acaba pagándoo caro cun gol en contra, neste caso obra de Fran Fandiño á contra superando a Anxo cun disparo axustado ao poste. 
Por debaixo no marcador e con tempo suficiente para dar a volta, o equipo mantivo posesións máis longas e evitou un novo susto, pero sen ideas á hora de finalizar as ocasións, precisáronse sete minutos para igualar as cousas, cun golazo de Aythami logo dunha gran chegada e asistencia de Miki Villar.
Non obstante, a igualdade tampouco tardou en desfacerse logo dun erro de Álvaro Casas en defensa deixando so diante do gardamallas a un Hugo Soto que non o pensou dúas veces antes de definir á perfección ante Anxo, que encaixou dous goles nun mesmo partido por primeira vez no curso. 
Un primeiro tempo no que a Alex Ares non lle saíron as cousas e no que Aythami perdoou máis dunha ocasión clara, motivos suficientes para que Yago decidira substituir aos dous no comezo do segundo tempo. 

Reacción máxima.
Cinco minutos do segundo tempo e un disparo sen sorte do dianteiro canario serviron para a chegada dos dous primeiros trocos locais, que non sentaron de todo ben na bancada. Non obstante, segundos despois chegaba a acción que cambiaría o encontro totalmente. Unha falta de Miguel Vázquez pola que viu o segundo cartón amarelo e unha xogada ensaiada, na que interviron Samu, Piscu e finalmente Brais Abelenda, que rematou no tanto do empate. Comezaba así a remontada dun Compos que non deixou opcións ao Ribadumia en ningún momento. 
Os trocos locais comezaron a facerse valer aínda máis co paso dos minutos e Santi foi o primeiro en demostrar o acerto do seu adestrador co terceiro gol da tarde a pase dun Brais Abelenda maiúsculo. Un gran disparo e gol do dianteiro lucense ante o que nada puido facer Pazos. 
Por fin por diante no marcador, o Compos viuse na obriga de buscar o cuarto tanto da tarde para asegurar un novo triunfo na casa. Un gol que chegou a dez minutos para o final co que Brais Abelenda asinou o seu dobrete logo de desfacerse do central. Xogo sentenciado pero non rematado...
Rubén, que está a coller a forma adaptándose ao campionato logo da súa lesión, conseguiu pechar a goleada co quinto e definitivo gol dunha tarde máxica. Un gol que o vilagarcián anotou despois dun rexeite de Pazos poñendo o esférico fóra do alcance do gardamallas. 

Unha gran goleada e a primeira vez que os nosos meten cinco goles no que vai de curso contra un rival duro que segue sen puntuar contra o equipo dirixido por Yago Iglesias. Agora, a pensar na cita do vindeiro sábado contra o Somozas co que pechar o ano.

ALIÑACIÓN: Anxo; Saro, Casas, Piscu, Sergio Pereira; Samu, Remeseiro; Miki, Ares (Rubén, min. 52), Abelenda (Josiño, min. 82); e Aythami (Santi, min. 52).
CARTÓNS: Amarelo para Rubén. 
GOLES: 0-1 19' Fran Fandiño, 1-1 25' Aythami, 1-2 33' Hugo Soto, 2-2 55' Abelenda, 3-2 65' Santi, 4-2 80' Abelenda, 5-2 88' Rubén.
CAMPO: Vero Boquete de San Lázaro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario