A liga ponse bonita

Xa o dixo Yago en rolda de prensa logo da vitoria ante o Arousa: a liga ponse bonita. Tan bonita que esta fin de semana visitamos ao pechacancelas da categoría partindo con tres puntos de diferenza por debaixo do cuarto e quinto clasificados, Arousa e Racing Vilalbés. De feito nunca estivo tan preto a promoción coma esta fin de semana onde, de gañar, podemos aproveitar algún que outro resultado nunha xornada onde o equipo de Vilalba visitará ao líder.
Compos e Ordes buscarán este domingo mellorar a imaxe do enfrontamento da primeira volta, onde non houbo goles nin bo xogo. A mellor oportunidade para que os branquiazuis sumen de novo tres puntos a domicilio e manteñan a xeira de resultados, aumentando os 7 puntos de 9 conseguidos nos tres últimos partidos.

Xa descendidos.
Para o Ordes non foi unha tempada doada. Mala sorte sobre os terreos de xogo e problemas fóra para un equipo que hai xa varias semanas que confirmou o seu descenso de categoría. Un equipo que non chegou sequera aos 10 puntos nestas primeiras 31 xornadas de liga e que suma polo de agora quince xornadas sen puntuar sendo o empate contra o Barco en Vista Alegre o último resultado positivo do equipo verde. 
Con 9 puntos logo de unha vitoria e seis empates, un deles en San Lázaro, o Ordes é o equipo con menos puntos da categoría, o que menos goles marca e o que máis goles encaixa. A piques de asinar unha volta enteira sen puntuar, os homes de Jaime Sánchez buscarán este domingo rachar esa xeira tan negativa puntuando ante un Compos que se xoga a vida. Ata o de agora só puideron sumar nunha ocasión de tres, na vitoria por 4-1 ante o Dubra na primeira volta, e seis puntos máis grazas a outros tantos empates poñendo en serios apuros a moitos dos seus rivais.
20 goles ao seu favor, os ordenses anotaron 13 en Vista Alegre. Por contra, dos 70 que recibiron 30 foron ante a súa afección perdendo por 2 ou máis goles de diferenza en catro ocasións destacando o 0-5 encaixado ante o Alondras hai case un mes. 
A nivel individual pouco se pode dicir dun equipo onde os mellores xogadores deixaron o equipo, entre os que destacaba o agora xogador do Arousa Fran Monroy. Ademais contan nas súas filas con algún ex do Compos como Pablo Vidal ou Pablo Rial.

Non é un rival fácil.
A clasificación do equipo ordense non se reflexa cos problemas que pode dar o equipo aos seus rivais. Frouxo en tódalas liñas, conseguiron facerse con puntos moi importantes ante rivais da categoría do Compos ou Bergantiños, dous equipos ante os que na primeira volta deixaron a porta a cero. 
Confirmado o seu descenso hai xa tres semanas, o Ordes suma dous partidos sen anotar, os mesmos que leva na casa sen ver portería. A iso hai que sumar ata quince partidos sen puntuar logo do empate a un gol ante o Barco en Vista Alegre aínda no 2016. Non obstante, foron quen de poñer contra as cordas aos equipos da zona alta como Depor B (2-0), Cerceda (1-2) ou Rápido de Bouzas (2-3). É, ademais, o único equipo que non gañou ningún dos últimos cinco partidos logo da derrota sufrida a pasada fin de semana ante o Dubra en Bembibre.

Só vitorias.
O Compos visitou Vista Alegre en catro ocasións. Catro visitas e catro vitorias branquiazuis ante un rival que non sabe o que é gañar á Esedé en partido de liga, non así en Copa Federación. A iso hai que engadir que das cinco visitas do equipo ordense só sacaron dous puntos en dous partidos sen goles.
En Ordes só se cantaron vitorias. Catro triunfos que, por outra parte, non foron nada doados con só un resultado tranquilo, con máis dun gol de diferenza. O 1-3 conseguido en 1968 foi o primeiro marcador aos que sumar un 1-2 e dous 0-1, un deles en 2013 con gol de Yahvé e que servíu para meter ao equipo no terceiro posto a unha xornada para o final do campionato.

Diferentes camiños.
Xa no pasado mes de agosto os dous equipos sabían que os camiños, os obxectivos, serían moi diferentes. O Compos partía coa intención de buscar a promoción de ascenso, de volver á Segunda B, mentres que o Ordes, con problemas, loitaría por facer unha tempada digna e non perder a categoría tan rápido como ao final ocorreu.
Eses camiños seguen a ser tan diferentes que o Compos chegará a este partido logo de encoller a diferenza de puntos con respecto aos postos de promoción de ascenso, agora máis a tiro que nunca. Unha vitoria, unha goleada, coa que se chega a esta cita importante para os intereses branquiazuis onde hai que sumar que o rival era un rival directo.
Un gol menos encaixou o Ordes na súa visita a Bembibre nun partido sen nada en xogo entre os dous equipos xa descendidos e que a vindeira tempada se verán as caras de novo na Preferente Norte. Tres goles e tres puntos para o Dubra contra un equipo que perde a Kevin logo de ver un cartón vermello.

Gran xornada.
A este Ordes-Compos, partido en principio doado para a Esedé, hai que engadir outros partidos que poden axudar nos intereses branquiazuis un pouco máis. E é que catro dos sete primeiros equipos xogarán esta xornada entre si aumentando as opcións de poñer máis bonita a liga con seis xornadas por diante e moitos enfrontamentos directos.
O líder recibirá ao Racing Vilalbés nun partido onde, se todo segue o guión previsto, o equipo lugués rematará igualado a puntos coa Esedé, co noso equipo por enriba na clasificación grazas a unha mellor diferenza de puntos.
Outros dous da zona alta que se verán as caras a vindeira xornada e que poden deixar aínda mellor o final de liga son Arousa e Bergantiños. O único equipo que non coñece a derrota na casa en toda a liga contra o que aínda non sabe o que é perder no que vai de segunda volta. Dúas das mellores xeiras da categoría fronte a fronte.
Xogar contra un equipo que se está a xogar a vida, que pode confirmar tamén o seu descenso se perde, non pode ser nada fácil. Así o ten que ver un Rápido de Bouzas que recibirá a un As Pontes con moi pouco gol e pé e medio en Preferente.
Pola súa parte, o Cerceda recibirá en O Roxo a un Alondras que pecha agora mesmo os postos de descenso, cinco ante o descenso case seguro agora mesmo do Somozas. Un partido entre un dos mellores locais e outro, o equipo de Nacho, que suma dúas derrotas consecutivas logo doutras tres vitorias seguidas.

Tomás ultima a súa volta.
Yago Iglesias xa pode dicir que poderá contar con Cardeñosa logo de dúas xornadas de baixa por mor do golpe recibido contra Taboada en San Lázaro contra o Silva. O central poderá acompañar de novo no centro da zaga a Taboada e David Uña, xa un fixo no once branquiazul. Por contra, segue unha semana máis sen Tomás, que está a unha semana de recibir a alta médica.
Falando das posibles sancións de cara ao futuro, chegarán tres homes apercibidos de sanción que non poderían estar ante o Vilalonga de ver un cartón amarelo en Ordes. Mon, que xa non puido estar ante o Barbadás, Ube e Saro perderíanse a vindeira xornada en San Lázaro.
No Ordes será baixa segura Kevin logo de ver un cartón vermello directo ante o Dubra a pasada fin de semana. 

Fagamos un pequeno San Lázaro.
O partido será no campo de Vista Alegre, en Ordes, o domingo ás 18 horas. Un partido onde se agarda a chegada dun gran números de siareiros dende Santiago. O prezo das entradas será de 10 euros e de balde para menores de 16 anos.
Quen non poida ir a outra final branquiazul poderá seguir o partido a través das diferentes redes sociais da Curva Branquiazul, Facebook e Twitter, ou ben no perfil oficial do clube en Twitter. Tamén en Twitter se poderá seguir e comentar o partido co cancelo #OrdesCompos.

1 comentario: