O Compos asinou en Vista Alegre unha vitoria épica con remontada incluida. Tres puntos de ouro nunha xornada onde só o Rápido de Bouzas gañou dos catro primeiros e na que o Racing Vilalbés, cun empate, volveu meterse de cheo na pelexa subindo ao cuarto posto. E se a todo iso sumamos que a Esedé sairá ao partido contra o Vilalonga do vindeiro domingo a só un punto do cuarto e a tres do terceiro, un Cerceda ao que visitaremos a finais do mes de abril.
Xogar ante o último clasificado nunca é fácil e senón que llo digan a un Compos que tivo que remontar na segunda metade, cun gol a sete minutos para o final, un partido que parecía ter totalmente dominado dende o comezo. Gran resultado, moito máis traballado do esperado, contra un Órdenes que a piques estivo de dar unha gran sorpresa. Por sorte, os trocos de Yago Iglesias serviron para traer os tres puntos a Santiago grazas aos goles de Martín e Nogueira.
Dominio total sen premio.
O primeiro tempo foi un monólogo do Compos onde a pelota non pasou case do centro do campo. Corenta e cinco minutos de dominio total metendo aos once xogadores do Órdenes nas inmediacións da súa área. Non obstante, o control do partido non levou, por desgraza, ao camiño do gol antes do tempo de lecer.
As ocasións sucedéronse sobre a portería local na primeira metade do encontro. Con Recoba, Rubén, Santi e Diego Rey en labores ofensivas e con Cabrejo e Saro centrando dende as bandas, os homes de Yago Iglesias non foron quen de bater ao porteiro ordense. De feito, non foron poucas as acometidas branquiazuis sobre a porta de Alberto, que asinou un bo primeiro tempo cun chisco de sorte ante a mala puntería dos dianteiros.
Por parte do Órdenes, o guión levado a cabo no primeiro tempo foi moi claro. Defenderon todo o posible e sacaron da área tódolos balóns a base de pelotazos en longo que remataban en poder da defensa visitante. Un xogo que non facía pensar, nin moito menos, no que pasaría logo do paso por vestiarios.
Sorpresa.
Vista a primeira parte, onde o Órdenes non levou nada de perigo sobre a porta de Lucas, non era doado pensar no que se viu logo do paso por vestiarios. O Órdenes saiu mellor ao campo e en menos de cinco minutos atopou un agasallo en forma de gol. Mal pase de Uña a Lucas, que se queda curto, faise coa pelota un contrario e Lucas mete a man o xusto para derrubalo. Penalti, cartón amarelo para o porteiro e gol de Manu dende os once metros.
Un pau inesperado para un Compos que podía ter o partido sentenciado no primeiro tempo e que, por contra, debía darlle a volta ao resultado en corenta minutos na casa do pechacancelas, que chegaba logo de só sumar unha vitoria en toda a tempada.
Bos movementos dende o banco.
Co resultado en contra e Rubén sen sorte de cara a porta, era o momento de facer algún troco para buscar algo máis en ataque. E coa entrada de Martín, que non tivo o seu mellor día ante o Arousa errando algunha ocasión clara, chegou a forza que facía falta. A forza e o gol.
Aos vinte minutos da segunda metade chegou o empate. O tanto da igualada logo de cinco minutos sobre o terreo de xogo. Comeza a xogada Cabrejo tocando para Martín, éste para Recoba e o uruguaio devólvella para que defina á perfección na área. Un golazo imposible para o gardamallas directo á escadra e aumento de motivación para o equipo de cara ao final.
Co paso dos minutos tamén aumentaron as perdas de tempo por parte dos xogadores locais. Os problemas físicos e a tensión do encontro fixeron acto de presenza sobre o campo de Vista Alegre co Compos metido de cheo na busca do segundo gol co que darlle a volta ao resultado definitivamente.
Sempre con nervios.
As vitorias do Compos sempre, ou case sempre, van acompañadas de nervios e ocasións perdoadas. As dúas cousas se cumpriron en Ordes e outro dos xogadores que saíron dende o banco de suplentes foi o autor do gol que mantén con máis vida que nunca ao equipo que hai dúas semanas parecía estar sen opcións de entrar na promoción de ascenso.
Non foi nada fácil, ninguén dixo que o sería, pero o segundo gol chegou e estoupou a ledicia branquiazul nas bancadas dun Vista Alegre ateigado de siareiros chegados dende Santiago que fixemos del un pequeno San Lázaro. E non podía ser outro que un da capital, David Nogueira, o encargado de asinar un gol moi importante de cara ao treito final da tempada, onde dependeremos de nós mesmos para entrar na promoción.
Nos vinte últimos minutos, a pelota paseou preto da área local, faltando só un último remate para poder celebrar o segundo gol. Un gol que chegou no minuto 83 logo dun centro que de Diego Rey que non acerta ningún defensa a despexar e que o dianteiro branquiazul só tivo que empurrar ao fondo da rede.
Logo de conseguilo, o equipo buscou facerse coa posesión da pelota e non arriscar nada para asegurar unha vitoria importantísima nunha xornada onde houbo moitos empates entre os equipos da zona alta e a derrota dun Arousa que cae ao sexto posto. Ademais, dende o cuarto ata o sétimo só hai dous puntos de diferenza.
ALIÑACIÓN: Lucas; Saro, Uña, Taboada, Cabrejo; Ube (Nogueira, min. 77), Mon; Diego Rey (Make, min. 84), Recoba, Rubén (Martín, min. 60); e Santi.
CARTÓNS: Amarelos para Mon e Lucas.
GOLES: 1-0 47' Manu, 1-1 65' Martín, 1-2 83' Nogueira.
CAMPO: Vista Alegre.
Ningún comentario:
Publicar un comentario