O Compos fixo o que parecía imposible. Un equipo mentalmente morto, que só fixo un punto de quince posibles na breve etapa de Luisito, e que se ergueu coa chegada de Secho para manter a esperanza na pelexa pola permanencia. Estrea evitando que o Llanera se puidera afastar cun empate e tres vitorias consecutivas, superando aos asturianos na clasificación e recurtando cinco puntos con respecto ao posto de promoción de permanencia que agora ocupan os nosos. Para tentar evitar a cuarta vitoria consecutiva, un Real Ávila en horas baixas que afronta unha semana de tres partidos inmerso nunha xeira negativa de resultados.
Tempada histórica.
Pase o que pase neste final de curso, o Real Ávila está a sacar o mellor resultado da súa historia. Un equipo que militou na antiga Segunda B durante once tempadas mais sen ser quen de chegar a ningunha promoción de ascenso, e que este ano, na Segunda RFEF, pelexará ata o final por un posto na zona alta da clasificación.
Un equipo que chega a estes dous últimos partidos con algo máis de carga esta semana e un cambio importante. Despois de caer fronte ao Salamanca CF UDS, a directiva abulense tomou a decisión dun cambio de adestrador e intentar revertir esta situación con Víctor Valdés como novo capitán do barco. O catalán terá que levantar esta xeira de tres derrotas consecutivas.
Chega a un conxunto que fixo unha gran tempada, ocupando a cuarta praza con corenta e nove puntos, a un de Rayo Cantabria e Fabril. Catorce triunfos, só sete empates e once derrotas sumando a deste pasado mércores. Un equipo que anotou trinta e un goles e encaixou vinte e cinco, sendo o equipo que mellor aproveita cada gol a favor e a terceira mellor defensa do grupo.
Como locais, no Adolfo Suárez, números igualados. Oito vitorias, sendo só dúas delas por máis dun gol de diferenza, e tres empates diante da súa xente, todos sen goles incluíndo, a maiores, o da Copa do Rei contra o Oviedo no que superaron a eliminatoria dende os once metros. Ao anterior hai que engadir cinco derrotas, todas pola mínima e con Pontevedra e Valladolid Promesas obrigados a meter máis dun gol.
Presentes na historia.
O Real Ávila ocupa un pequeno posto na historia do Compos. O equipo castelán compartiu categoría cos nosos na tempada 90/91, nunha Segunda B que sempre estará no recordo branquiazul. Un ano de poucas derrotas e moitas alegrías, ascendendo ao final do mesmo da man de Fernando Castro Santos e unha visita a Ávila, primeira e única ata o momento, que nos deixaba a segunda derrota do curso, xa ben avanzada a primeira volta.
Dous goles bastarían ao cadro abulense para levar os dous puntos naquela cita. Un gol de Vallejo e outro de Javier Frías, os dous no segundo tempo e con só tres minutos de diferenza entre un e outro. Con isto, e con máis de media hora por diante, os santiagueses deron un paso adiante sendo incapaces de incomodar a portería local.
Algo máis de sorte, pero mesmo acerto, houbo no enfrontamento da primeira volta no Vero Boquete de San Lázaro. Partido sen goles, sen ocasións e sen perigo entre dous equipos que pensaban máis nas vacacións, despendido o teatro santiagués ata o novo ano. Un empate co que o equipo volvía puntuar despois de caer en Torrelavega, onde se pechou a mellor xeira do curso.
Diferentes momentos.
A pasada fin de semana, o Compos tivo que sufrir para superar a unha Gimnástica de Torrelavega xa descendida. Un partido moi difícil, no que os cántabros puideron sumar unha boa renta nos primeiros minutos con algún que outro erro de Primo diante da portería branquiazul, sendo igualmente o autor do gol que empataba o tanto inicial de Manu Barreiro. No segundo tempo, Pablo Antas desatascaría o encontro co segundo gol e, escasos minutos despois, Manu Rivas pechou a vitoria co terceiro e definitivo.
Pola súa parte, dobre sesión semanal para o Real Ávila. O domingo non puideron sacar nada positivo da súa visita a Valladolid. O filial branquivioleta puido poñer terra de por medio antes do tempo de lecer grazas a dous goles de Jorge Delgado. No segundo tempo, os abulenses foron incapaces de igualar o resultado quedando ás portas cun gol de Doumbia. O mércores, tampouco foron quen de sumar contra o Salamanca nun derbi que se decantou polo lado visitante no segundo tempo, cun gol de Iván Casado. Un partido no que se mancou Fer, lateral esquerdo, e no que Vitolo, centrocampista, viu o quinto cartón amarelo.
Pablo Crespo, agora si, baixa.
Para esta penúltima cita do curso, Pablo Crespo será baixa confirmada por sanción. O cántabro viu o quinto cartón a pasada fin de semana por cortar unha contra e non poderá estar. Será a única baixa confirmada no equipo de Secho para esta semifinal.
Xornada unificada.
Esta fin de semana, todo se concentra o domingo ao mediodía. Ás 12 arrincarán os nove xogos da xornada na que o Compos depende de si mesmo para manterse fóra do descenso e de terceiros, e algún máis, para evitar xa de forma matemática o descenso directo. E é que o que pase no Adolfo Suárez é de máxima importancia.
Se ben é certo que o que pase en Ávila é o máis importante, hai que ter un ollo tamén no Pepe Quimarán, onde o Llanera recibe ao Marino de Luanco; no Vao, onde o Coruxo recibirá ao Rayo Cantabria, e nas Eiroas, onde o Bergantiños fará o propio contra o Escobedo.
Unha mañá de radio, de redes sociais e de FootballClub, onde se poderá ver o partido dos nosos previo paso por caixa. A maiores, coma sempre, se poderá seguir nas contas de X da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario