A Final

 Remata a tempada. Chegamos á derradeira xornada do curso e facémolo co Compos cos deberes sen facer. O equipo de Secho, que chegou a este final de liga nunha boa dinámica, dependendo de si mesmos a semana pasada, estragaron a vantaxe e agora dependen de terceiros para poder salvar a categoría. Diante, intentará firmar a sentenza dos santiagueses o Real Valladolid Promesas xa salvado. Unha final a vida ou morte nun Vero Boquete de San Lázaro que terá que ser unha caldeira. 

 Sen nada en xogo. 

 O Valladolid Promesas chega a esta derradeira cita do curso xa cos deberes feitos e a permanencia asegurada por unha tempada máis. O filial castelán saca unha vantaxe de cinco puntos aos nosos, equipo que pecha os postos de descenso, e dous menos a un Escobedo que ocupa o posto de promoción de permanencia tan desexado por Llanera e Compos. Tres puntos de vantaxe... e o emparellamento individual gañado sobre os cántabros. 

 Os casteláns chegan a este final na décima posición con corenta e tres puntos asinados. Once triunfos para o filial branquivioleta e dez empates nunha tempada na que caeron en doce xogos. Uns números bos e ben repartidos tanto nos partidos xogados no Anexo de Zorrilla como a domicilio. Ademais, trátase dun dos equipos con máis goles a favor, con corenta e un, e tamén como un que encaixa moitos, con corenta e dous en contra. 

 Lonxe de Valladolid, cinco vitorias entre as que destaca a conseguida contra o Escobedo, sendo a única que chegou por máis de un gol de diferenza. Outras catro citas remataron en empate repetíndose en dúas ocasións o final sen goles e sendo capaces de igualar dous de diferenza co Rayo Cantabria en Astillero. Por contra, caeron en sete citas con só dous partidos nos que conseguiron ver portería e encaixando bastantes goles, recibindo dúas goleadas importantes en Luanco e Torrelavega. Ademais, trátase dun equipo que só sacou un triunfo a domicilio en toda a segunda volta, en Salamanca. 

 En positivo. 

 No pasado, ata en catro ocasións viaxou o filial vallisoletano a Santiago sacando só un triunfo como o único positivo. Tres vitorias locais nun enfrontamento que se repite nos últimos anos e que comezou hai xa dez anos, cunha vitoria pola mínima dos nosos grazas aos goles de Quim Araujo e Jordan e de Teto para os visitantes. Máis sorte tiveron ao ano seguinte gañando pola mínima cun gol de Óscar Arroyo. 

 Superada a pandemia e cos nosos volvendo á Segunda B, os dous equipos se vían as caras na Segunda Federación hai case tres anos con Jordan, Domínguez neste caso, e Mario Rodríguez dando os tres puntos aos locais. Tamén quedarían os puntos en San Lázaro a tempada pasada sendo a única ocasión na que o resultado non acababa cunha diferenza mínima. Manu Barreiro e Juampa porían terra de por medio mentres que Pozo buscaría manter aos seus de cara á segunda parte. Logo do paso por vestiarios, volvería repetir o dianteiro santiagués pechando unha goleada que antes ampliaría Parapar. 

 Esa sorte, ou acerto, non acompañou na primeira volta deste curso, en Valladolid. Un partido onde os de Antón Permuy quedarían en inferioridade aos vinte minutos coa expulsión de Selasi. Unha ausencia que chegaba xa co resultado adverso despois do gol de Jorge Delgado nos primeiros minutos e que complicou aínda máis a tarde a un equipo que non está acostumado a remontar. 

 Paso atrás. 

 O Compos viña de facer unha gran segunda xeira dende a chegada de Secho ao vestiario. Un equipo que pasou de ter pé e medio na Terceira a depender de si mesmo... ata a semana pasada. En Ávila, arrinque con esperanzas, con dúas oportunidades moi claras para marcar, pero incapaces de frear ao equipo local, que se adiantou aos vinte minutos. A partir de aí, desapareceu por completo o cadro santiagués. No segundo tempo, os cambios deron un pouco de aire ao equipo, que tardaría menos en encaixar o segundo. Sen tempo de reacción posible, Fer Cano faría o 2-1 definitivo. 

 En Valladolid, o filial aproveitaría o esvarón do Compos para confirmar a súa permanencia malia caer contra un Numancia que tampouco se xogaba nada. Mario Maroto adiantaba aos locais antes dos dez minutos pero non tardaría Dieste en comezar unha remontada que se materializaría antes do tempo de lecer, co gol de Cristian Delgado. No segundo tempo, Moustapha pechaba a vitoria soriana co terceiro e definitivo. 

 Soto, baixa. 

 Se a pasada fin de semana era Pablo Crespo quen se ausentaba por sanción, esta vez será o seu compañeiro na zaga David Soto quen faga o propio despois de ver o cartón amarelo o pasado domingo. O central ourensán apunta a ser a única ausencia nun equipo que terá que saír con todo ao verde. A  maiores, Markitos, que se retirou a pasada fin de semana tocado, pasou a semana con dor pero todo apunta a que pode chegar para esta última cita.

 Cun ollo posto en Cantabria. 

 Esta semana todo pasa por que o Compos gañe. Iso é principal para poder soñar con dúas semanas máis de fútbol e a posibilidade de salvar a categoría nunha tempada para esquecer. Non obstante, todo pasa porque o Escobedo perda, tamén, contra o Llanera nun partido chave. O empate daría a praza aos cántabros. A vitoria asturiana, se se acompaña dunha non vitoria branquiazul, deixaría ao Llanera pelexando na promoción de permanencia. A vitoria do Escobedo podería provocar que Marino de Luanco ou Coruxo tiveran que facer un último esforzo en caso de non facer un bo traballo o domingo. 

 Unha xornada que arrincará ás 12, en horario unificado, e na que haberá que tirar, unha semana máis, de radio ou redes sociais. Os nosos, que xogan no Vero Boquete de San Lázaro, poderán verse tamén na segunda canle da TVG así como seguir nas contas de X da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:

Publicar un comentario