Semana chave

 O Compos segue na UCI pero xa sen a respiración asistida. O equipo segue a depender doutros resultados pero todo se ve moito máis claro que hai dúas semanas. Un equipo que cambiou de imaxe dende a chegada de Secho pasando a estar a só un punto da promoción de permanencia e a tres dun Salamanca que se meteu en serios problemas. Menos sorte tivo unha Gimnástica de Torrelavega que certificou o seu descenso á Terceira cántabra a pasada fin de semana, malia sumar de tres. 

 Sen opcións. 

 Ao igual que o Laredo, á Gimnástica de Torrelavega non lle valeu de nada sumar de tres para poder manterse con vida unha semana máis nunha Segunda Federación moi igualada na parte baixa, na cal ata oito equipos poden pelexar por catro postos de permanencia e o que permitirá pelexar na promoción de permanencia contra equipos doutros grupos, nunha eliminatoria a dobre partido. Os cántabros, que acompañan aos seus veciños xa de xeito oficial, non puideron saír duns postos baixos nos que se mantiveron durante todo o curso, sen opcións de conseguir nada positivo. 

 Unha tempada moi difícil para o conxunto torrelaveguense que se sitúa penúltimo na clasificación con vinte e oito puntos. Só seis triunfos e dez empates para un equipo que fixo a maior parte dos seus puntos como local. A parte, caeron en quince ocasións sendo o segundo equipo con máis derrotas do grupo, só superado polo Laredo. En canto a goles, trinta e dous tantos a favor os sitúan como un dos equipos con máis acerto dos que ocupan a parte baixa, igualados co Compos, fallando en área propia, encaixando corenta e un goles, situándose como a terceira peor defensa do grupo. 

 Como xa se falou antes, a maior parte dos seus números chegaron diante da súa xente. A domicilio non acompañou tanto a sorte. Tal é así que só foron quen de gañar os 'derbis' contra Laredo e Rayo Cantabria, sendo as únicas dúas saídas nas que deixaron a porta propia a cero. Por outra parte, empataron cinco enfrontamentos, todos con goles e só dous deles indo por debaixo no marcador ao tempo de lecer. Por outra parte, oito derrotas definíndose, en gran parte, nos segundos tempos. 

 Unha historia beneficiosa. 

 Compos e Gimnástica xa se coñecen de hai tempo. Tal é así que son xa quince enfrontamentos anteriores entre dous equipos que pelexarán este domingo para rachar a igualdade no global. Catro vitorias se levou cada conxunto mentres que os sete xogos restantes remataron en empate, incluíndo os dous que desputaron na Copa Federación hai xa dez anos, superando a eliminatoria o cadro galego por valor dobre do gol fóra da casa. 

 En canto aos partidos desputados en Santiago, o bagaxe é positivo para un Compos que se levou ata tres triunfos sendo o último, pola mínima, hai tres anos. A maiores, catro empates con só o da tempada pasada acabando con goles. Sería con un por equipo, con Javi Delgado adiantando aos visitantes e Parapar deixando na casa un punto contra un rival con dez. 

 A última cita, na primeira volta, tampouco puido rematar con vitoria picheleira. Primo adiantou aos cántabros facendo efectiva a 'lei do ex', como xa fixo cando militaba nas filas do Avilés, e Chus Ruiz faría o segundo e definitivo á media hora. Un mal partido dos nosos que acababa coa expulsión de Álvaro Casas no engadido para completar unha mala tarde. 

 Vitorias con autoridade. 

 A pasada fin de semana, o equipo de Secho confirmou o seu cambio de imaxe. Despois de facer catro de seis puntos posibles dende a chegada do novo adestrador, a conta mellorou aínda máis cunha vitoria importante fronte ao Laredo. Markitos, Pablo Antas e Santi De Prado certificaron un triunfo vital para os branquiazuis contra un rival xa descendido e que non foi quen de opoñer suficiente resistencia para poder evitar a caída e dar unha segunda boa nova consecutiva aos seus. 

 A Gimnástica de Torrelavega tamén foi quen de gañar na casa contra o filial do Real Valladolid, equipo en mala dinámica e que se mete nunha pelexa pola permanencia, aínda que vendo todo cun pequeno colchón de catro puntos sobre a promoción de permanencia e de cinco sobre un Compos ao que visitarán na derradeira xornada. Primo, Dani Gómez, Chus Ruiz e Gándara asinaron os catro goles dunha vitoria na que o último goleador acabaría expulsado. 

 Aumentan as opcións. 

 Unha segunda volta para esquecer nos levou de poder pelexar polos postos altos a facelo por unha permanencia que semellaba practicamente imposible hai quince días. Non obstante, o gran traballo realizado por Secho dende a súa chegada permitiu a este equipo confiar en que se pode superar a mala situación. Os sete puntos conseguidos dos nove últimos en xogo aumentan as opcións dun Compos que xa ve o posto de promoción de permanencia moi preto, a só un punto, e os de permanencia a tres, con Salamanca e Coruxo igualados a puntos e o enfrontamento individual cos casteláns gañado. 

 Con todo isto, hai que pensar xa nunha nova xornada que, dependendo dos resultados, podería permitir aos nosos depender de si mesmos nas dúas últimas datas do campionato. Todo pasa por gañar á Gimnástica. A maiores, haberá que estar moi pendentes do que pase no encontro entre o Escobedo e o Coruxo en terras cántabras este sábado. Tampouco haberá que perder de vista a visita do Llanera a Langreo así como o partido que xogará o Salamanca en Abegondo. 

 Unha xornada chave para os intereses dos nosos nun final de liga ao que se poden sumar nesta loita a Marino de Luanco e Valladolid Promesas, agora a cinco e catro puntos respectivamente do posto de promoción de permanencia e, no caso do filial pucelano, cun final de liga difícil. 

 Seguimos tendo a todos. 

 Por sorte, neste final de liga, os problemas físicos serios están respectando a un Compos que suma unha semana máis sen contar con baixas por lesión. Tampouco hai que falar de sancionados malia a gran lista de apercibidos de sanción. 

 Coñecendo dous resultados importantes. 

 O sábado, en Abegondo arrinca a xornada coa visita do Salamanca ao Fabril. Á mesma hora, Escobedo e Coruxo xogarán outro dos partidos chave para os obxectivos dun Compos que terá que esperar ao domingo para, ás 17 horas, enfrontar a súa cita xa coñecendo o feito polos tres equipos que o superan inmediatamente na táboa, con tres puntos de diferenza entre todos. Unha cita para a que se mantén a promoción de unha invitación por abonado maior de idade. 

 Por contra, para quen non poida asistir, poderá verse na segunda canle da TVG así como seguirse nas contas de X da Curva Branquiazul e do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario