Unha semana de vida

 Unha semana máis e o Compos segue con vida. Máis, se cabe, que a pasada fin de semana despois de sumar de tres o domingo pasado contra o Salamanca CF UDS. Agora, con doce puntos por diante e con catro de desvantaxe con respecto ao Escobedo, o equipo de Secho visitará ao Laredo coa intención de non acompañar aos cántabros á Terceira división. 

 Os primeiros en caer.

 A falta de cinco xornadas para o final da tempada, o Laredo asinou o seu descenso matemático. Un equipo que pasou a tempada enteira nos postos máis baixos da clasificación e co obxectivo de, agora, non acabar no último posto da clasificación. Os cántabros, que conseguiron volver á categoría despois dunha tempada na Terceira Federación, non estiveron á altura dun grupo tremendamente igualado. Agora, acompañados de maneira virtual pola Gimnástica de Torrelavega, buscan deixar atrás esa presión por facer un bo papel e aumentaron a dura loita pola permanencia e a promoción por seguir un ano máis nesta Segunda Federación, obxectivo ao que aspiran os nosos. 

 O pechacancelas, con vinte e tres puntos no casilleiro, que sumou catro vitorias no que vai de campionato así como once empates ademais de quince derrotas. Un equipo que pasou sen gañar máis de tres meses, dende xaneiro ata o pasado domingo, deixando atrás a presión pola permanencia para asinar a primeira vitoria do curso a domicilio. Vinte e un goles a favor, sendo o segundo equipo con menos acerto, e corenta e sete en contra, que neste sentido os sitúan como a defensa que máis recibe. 

 Na casa fixeron gran parte dos seus puntos. Escobedo, Marino de Luanco e Rayo Cantabria marcharon de San Lorenzo sen ningún punto. Algo máis de sorte tiveron Guijuelo, Llanera, Langreo, Avilés e Ávila marchando cun empate, sendo os salmantinos e os avilesinos os únicos que o fixeron con goles. Pola súa parte, Coruxo, Numancia, Gimnástica, Valladolid Promesas, Pontevedra, Bergantiños e Salamanca marcharon cos tres puntos sendo os sorianos os únicos que encaixaron. 

 Poucos goles. 

 Compos e Laredo son xa vellos coñecidos. Tanto que o conxunto cántabro ten o mérito de ser o primeiro rival da historia dos nosos na Copa do Rei, daquela chamada Copa do Xeneralísimo, nunha eliminatoria que tería que ir ao partido de desempate no que os nosos conseguiron a clasificación para a segunda rolda. A maiores, outras tres tempadas nas que coincidiron ata a presente, sendo a quinta. 

 Antes, os nosos non contaron ningunha derrota fronte a un rival contra o que cinco encontros acabaron en vitoria branquiazul, todas elas en Santa Isabel ou San Lázaro, mentres que as cinco restantes o fixeron con reparto de puntos. Neste caso si hai que falar do que pasou en terras cántabras, onde as catro citas que se xogaron acabaron con empate e só unha delas foi con goles, un por equipo. 

 A última cita, nesta primeira volta, rematou con vitoria pola mínima para os nosos. Cinta faría o primeiro pero non tardaría en igualar Diego, aínda no primeiro tempo. No segundo chegaría un gol de Manu Rivas para anotarse os tres puntos. Un resultado que non se puido dar no 2022, en Laredo, onde as defensas fixeron ben o seu traballo e privaron de goles aos dianteiros. 

 De tres. 

 A pasada fin de semana, por fin, o Compos sumou de tres. O fixo contra un Salamanca que vai en caída libre e xa está inmerso na pelexa pola promoción de permanencia, aínda que contando cun partido menos e a posibilidade de depender de si mesmos. Para iso, foi suficiente un gol de Markitos a pase de Roque e, de novo, unha gran actuación da defensa evitando que o conxunto salmantino puidera crear máis perigo. 

 Quen tamén se sacou de enriba a presión por non gañar foi o Laredo. Co descenso xa confirmado, os cántabros visitaron Valladolid coa intención de deixar atrás unha xeira de máis de dous meses sen gañar. No primeiro tempo asinaron o primeiro gol, obra de Vassilakis, mentres que Arruabarrena poría o segundo de vantaxe no marcador. Jorge Delgado, a cinco minutos para o final, anotaría o único tanto local, insuficiente para sumar.

 Con todo. 

 De novo, Secho podería ter á súa disposición a todo o equipo incluíndo a Pablo Crespo. O central viu o quinto cartón o domingo pasado e, tras reclamar o clube, o central estar presente nesta cita despois de que se lle retirara o cartón e, con el, a sanción. Xunto el, seis xogadores máis chegan a esta cita con catro cartóns, apercibidos de sanción neste treito final de curso. 

 Unha semana chave. 

 A parte deste partido en Laredo, o sábado teremos outras dúas citas importantes para os intereses dun Compos obrigado a gañar. Non obstante, a vitoria xa non é suficiente sendo imprescindible que os que están nos postos superiores caian. O Escobedo visitará Avilés á mesma hora mentres que o Llanera recibirá ao Fabril media hora despois. 

 Quen non se desprace poderá seguir o partido nas contas de X da Curva Branquiazul e do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario