A pasada fin de semana, o Compos foi quen de sacar un empate no Pepe Quimarán. Un resultado insuficiente para poder aumentar a esperanza de vida pero, de momento, si válido para poder manter esa pequena opción por unha permanencia que cada semana está máis lonxe. Por sorte, o calendario parece que pode facer posible cumprir ese obxectivo, que mudou nestes últimos meses, e todo pasa por gañar este domingo a un Salamanca CF UDS que pasou de pelexar por estar na parte alta da táboa, por un posto na promoción de ascenso, a facelo en zona de ninguén e puidendo meterse en serios problemas no caso de seguir en caída libre.
En problemas.
O Salamanca CF UDS chega a este final de liga cun partido pendente por xogar, fronte ao Ávila, e perdendo forza nunha clasificación moi axustada, na que rápido podes pasar de pelexar pola promoción de ascenso a facelo pola de descenso. Iso foi o que pasou ao cadro salmantino. Hai algo más de un mes contaba con opcións de asaltar os postos altos e agora sacan catro puntos de vantaxe a un Llanera que marca o comezo dos postos perigosos, ocupando o posto de promoción de permanencia que tanto desexa alcanzar o Compos a estas horas.
Case dous meses separan a actualidade e a última vitoria salmantina en liga, sumando agora seis xornadas consecutivas sen coñecer a vitoria e ocupando a undécima posición da táboa con trinta e oito puntos. Un equipo que gañou dez partidos, o mesmo número de derrotas e que empatou os oito restantes. Un equipo que chega sendo o quinto con máis goles a favor, con trinta e sete, e tamén coa segunda peor defensa, con corenta goles encaixados igualados neste sentido co Compos.
Lonxe do Helmántico, trátase dun dos mellores visitantes, con vinte puntos colleitados grazas a cinco triunfos gañando en Guijuelo, Vigo, Torrelavega, Valladolid, Astillero e Laredo hai dúas semanas. En canto a empates, só fronte a Escobedo e Llanera. En máis ocasións, cinco, caeron. Pontevedra, Langreo, Avilés, Bergantiños e Numancia foron capaces de vencer contra un equipo que só en dúas saídas non conseguiron ver portería.
Tráxica historia.
Sete anos separan a primeira vez na que Compos e Salamanca, daquela Salmantino, se enfrontaron. Un enfrontamento que nos deixa esta cuarta campaña compartida entre os dous equipos comezando esta historia no peor momento posible e do xeito máis cruel para os nosos. Unha historia que non foi a mellor tendo en conta que nas sete citas anteriores só unha acabou con triunfo branquiazul fronte aos tres empates e outras tantas vitorias castelás.
A primeira ocasión foi na primeira fase de ascenso á Segunda B, das tres que enfrontou, contra o equipo dirixido por Yago Iglesias. Caída fronte ao Espanyol B e remontada contra o Terrassa para chegar a unha final que comezaba cun empate a un gol no Helmántico e que levaba o cadro visitante en San Lázaro pola mínima. A partir de aí, un empate para pechar a Segunda B e unha vitoria branquiazul, na primeira campaña da Segunda RFEF, nun partido que tivo que ser aprazado no seu día e que superaron os nosos grazas aos goles de Fer Beltrán, Escudero, Primo e Parapar, superando os dous tantos do cadro visitante.
Na primeira volta, no Helmántico, tamén tivemos festa de goles con tres nos primeiros quince minutos. Caramelo abriría a lata no primeiro minutos de xogo, empatando Samu e repetindo Caramelo nese arrinque de xogo tan tolo. Na segunda metade volvería igualar o resultado Ocaña cun gran gol.
Insuficiente.
A pasada fin de semana, o Compos tiña na súa man saír da UCI superando a un Llanera que se presentou co obxectivo claro de non encaixar e buscar a portería de Rabanillo á contra. Non foi así como conseguiron poñerse por diante, xa no segundo tempo, chegando o gol local grazas a unha asistencia de Fausto Tienza. Co resultado adverso, Secho deu entrada a Fer Cano para buscar máis conexión co ataque e foi o propio valenciano o encargado de asinar o resultado final con empate.
Menos sorte tivo o Salamanca na casa recibindo ao filial do Valladolid. Un partido no que se adiantaron os locais grazas a un gol de Carlos Parra no engadido do primeiro tempo. Os branquivioletas non tardaron, no segundo tempo, en igualar o resultado grazas a un tanto de Xavi Moreno. Si tardaría en chegar, no engadido, o segundo e definitivo dos visitantes, obra de Jorge Delgado.
O que nos queda por diante.
Cinco puntos nos separan do Llanera, que marca o primeiro posto que pode dar lugar á permanencia. Sete, e emparellamento individual perdido, con respecto ao Coruxo. Quince puntos por xogarse e un calendario que parece permitir aos nosos, por que non, poder pelexar pola permanencia. Despois desta cita, onde só se pode gañar, quedarían por diante as visitas a un Laredo xa descendido e a un Ávila que segue dependendo de si mesmo para xogar a fase de ascenso, malia non pasar por un bo momento. Por San Lázaro pasarán a Gimnástica de Torrelavega, descendido virtualmente, e Valladolid Promesas, que está tamén en terra de ninguén e podería chegar á derradeira xornada xa sen nada polo que loitar.
O camiño máis complicado, ou máis esixente, o ten un Escobedo que terá que enfrontar tres xogos con rivais directos, como son Guijuelo, Coruxo e Llanera, ademais de Avilés e Bergantiños. O propio Llanera terá que ser xuíz na pelexa polos postos altos, enfrontándose tamén con Pontevedra e Fabril, a parte de dous derbis con Langreo e Marino. Duro será tamén o camiño do Guijuelo, que visitará Escobedo e Avilés e recibirá a Rayo Cantabria, Numancia e Coruxo. E pechamos co equipo vigués, que depende de si mesmo para asinar a permanencia directa, tendo que saír a Langreo, Escobedo e Guijuelo e recibindo no Vao a Marino e Rayo Cantabria.
Un pouco de aire.
A semana pasada puideron volver, aínda que entre algodóns e sen rematar de recuperarse das súas respectivas lesións, Álvaro Casas e Pablo Crespo. Os dous centrais foron titulares nun equipo plagado de defensas cubrindo as posicións posibles e esta semana estarán tamén, aínda que non ao cen por cen, para axudar a un Secho que recupera a Manu Rivas e Ocaña despois das súas sancións. Por sorte, non hai que falar de ningunha baixa máis por acumulación de amoestacións malia contar con varios apercibidos.
Pechamos a xornada.
Este domingo teremos que agardar, e poder desfrutar das Festas da Uña no barrio de San Lázaro, ata as 20 horas que está marcado este partido que pecha a fin de semana. Un partido para o que volverá haber promoción de abonados coa cal poderán retirar unha invitación cada abonado maior de 17 anos para un acompañante.
Por contra, para quen non poida asistir poderá ver o partido pola segunda canle da TVG así como seguir nas contas de X da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario