A derradeira bala. Non queda outra opción para poder seguir pelexando pola permanencia que gañar nun Pepe Quimarán onde poder facer un bo xogo non é doado. Unha final, máis importante aínda que a do partido no Vao hai dúas semanas, que de non superar cun triunfo podería significar xa o noventa por cento do descenso do Compos á Terceira Federación. Diante, un Llanera que chega en boa forma, igualado a puntos co Coruxo mais ocupando o posto de promoción de permanencia.
Unha gran segunda volta.
O Llanera comezou a segunda volta ocupando a penúltima posición da táboa. Un equipo que se soubo mover moi ben no mercado de inverno e o resultado non puido ser mellor. De facer once puntos en dezasete xornadas a facer o dobre en once. De ser un claro favorito ao descenso a poder chegar con vida ao final da tempada e acadar o seu mellor posto histórico, permanencendo na Segunda Federación.
Trinta e tres puntos suma o cadro asturiano a día de hoxe, ocupando o posto de promoción de permanencia, igualados a puntos cun Coruxo co que teñen perdido o emparellamento individual. Ata en oito ocasións sumaron de tres e se repartiron o premio noiutras nove, caendo en once. En canto aos goles, sumaron vinte e sete, os mesmos que Coruxo e Compos, e encaixaron trinta e catro. Uns números que melloraron de maneira radical dende o novo ano.
Na casa contan cuns números moi positivos, moi diferentes aos que encadean lonxe do Pepe Quimarán malia a mellora desta segunda parte do campionato. Diante da súa xente puideron superar cinco partidos, todos pola mínima, destacando o triunfo contra o Rayo Cantabria con ata sete goles. Outros tantos xogos, cinco, acabaron en empate con Pontevedra e Salamanca sendo incapaces de marcar un gol. Por contra, Coruxo, Numancia, Langreo e Escobedo conseguiron saír de Llanera cos tres puntos, todos eles na primeira volta.
Un ano moi diferente.
Levamos só tres meses de ano e as diferenzas entre Llanera e Compos, agora rivais por un mesmo obxectivo, son abismais. Os nosos pechaban decembro cunha derrota en Valladolid, salvados, a un punto da promoción de permanencia e con cinco de vantaxe sobre o descenso. Pola súa parte, o Llanera pechaba o capítulo de derrotas na casa contra o Escobedo e deixaban o 2024 penúltimos con once puntos, os mesmos que os separaban dos nosos.
Durante o mes de xaneiro, as cousas seguiron máis ou menos igual. En febreiro, outro tanto do mesmo, cos nosos pelexando por non caer ao abismo. Non obstante, a primeira xornada de marzo deixaba aos asturianos por enriba dun Compos que encadeaba tres derrotas consecutivas. As tres xornadas seguintes só servirían para aumentar a diferenza a prol dos asturianos, que chegan con cinco puntos de vantaxe e sete xornadas sen perder. Diante, unha Esedé cunha xeira de sete partidos consecutivos sen coñecer a vitoria e tres derrotas consecutivas sen ver sequera portería.
Con isto, hai que falar de que a pasada fin de semana os nosos non foron quen de sequera amosar oposición contra o Bergantiños no que sería o último partido de Luisito ao cargo do equipo, sendo cesado en menos de un mes. Pola súa parte, o Llanera si foi quen de gañar na súa visita a Valladolid grazas a un gol de penalti no último treito do encontro.
A única parte positiva de todo.
Se queremos algo positivo de todo isto temos que botar unha ollada ao pasado. Na primeira volta sería o Compos quen levaría os tres puntos, sendo imprescindible repetir a fazaña este sábado nun partido que pode significar máis de tres puntos. Un rival que esixíu ao máximo aos de Antón Permuy e que non baixou os brazos, recibindo o único gol pasado o minuto oitenta. Sería David Soto quen aproveitaría un rexeite logo dunha falta botada por Fer Cano quen faría ese único gol.
Anos atrás, no 2021, teríamos a primeira visita dos nosos a Posada de Llanera cun resultado curto pero tamén positivo. Pablo Durán sería o autor de dous goles no verde sintético conseguindo quitar valor ao gol local anotado por Saha, xogador que deixaría o equipo en xaneiro para pasar ás filas do Tarazona.
Problemas para Secho.
Por se a situación límite do equipo non era suficiente, Secho terá un problema engadido de cara a este sábado. No capítulo de sancións, recupera a Álvaro Casas despois dunha semana de ausencia pero perde a Ocaña e Manu Rivas, dúas ausencias importantes que deixan orfa a banda esquerda. Tamén contará con problemas no centro da defensa, xa que Pablo Crespo segue coa súa recuperación e Álvaro Casas se mancou nun ombro no partido contra o Fabril e, segundo o novo adestrador, chega como dúbida ata última hora.
A por todas.
Este sábado, partido importante contra o Llanera e, sobre todo, contra un campo en xeral moi diferente ao habitual. Unhas medidas moi reducidas, rozando as mínimas oficiais, e de herba artificial, o cal vai dificultar o xogo dun Compos que non acostuma a xogar en terreos así. Unha cita que comezará mañá sábado ás 17 horas no Pepe Quimarán e que se poderá seguir nas contas de X da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario