Quedamos sen tempo

 O tempo pasa e o Compos non parece capaz de erguerse. Quedan sete partidos. Quedan sete finais. Para un equipo que mentalmente parece estar morto. Non saen as cousas. En defensa, erros importantes que custan puntos. En ataque, un equipo que pasa desapercibido. E non pode pasar máis tempo sen que este equipo saque a raiba e comece a sumar de tres para intentar salvar a categoría e comezar de cero a tempada que vén. Diante, un Bergantiños coa frecha cara arriba, un dos equipos máis en forma da Segunda Federación a día de hoxe, inmerso nunha dinámica moi positiva. 

 Pensando en grande. 

 O Bergantiños volveu o pasado verán á Segunda Federación coa intención de poder manterse na cuarta categoría do fútbol español, algo que foron quen de asinar na anterior etapa no seu primeiro curso. Un camiño difícil, cunha primeira volta mellorable pero chegando agora cunha xeira de cinco vitorias consecutivas que levaron a este equipo a ocupar os postos altos, aínda con opcións de pelexar pola quinta posición no treito final do campionato. 

 Un mes de marzo inmellorable para os carballeses o sitúan na sexta posición, a catro puntos dun Fabril que se levou o triunfo no partido aprazado, con trinta e nove puntos no peto. Once vitorias, igualando neste rexistro ao Avilés, e seis empates, que os deixan como o terceiro equipo que menos veces se repartíu o premio, ademais de dez derrotas para o segundo equipo máis goleador do grupo con corenta e un goles a favor. Por contra, só catro equipos encaixaron máis que os trinta e seis recibidos polos vermellos. 

 Un dos mellores locais do grupo e cuns números a domicilio bos. Cinco vitorias, en Salamanca, Torrelavega, Langreo, Laredo e Ávila, chegando as dúas últimas pola mínima; e só dous empates, en Guijuelo e Escobedo. Por contra, caeron en Vigo, Valladolid, Pontevedra, Avilés, Soria e Llanera, sendo a caída en terras asturianas un punto de inflexión a raíz do que despois chegou esa xeira tan positiva. 

 Derbi histórico. 

 Compos e Bergantiños levan detrás unha historia conxunta moi longa. Tanto que a primeira saída do clube santiagués na Serie A, antiga Preferente, foi a Carballo. Máis de sesenta anos nos que coincidiron en dezaseis tempadas. Máis de trinta partidos nos que os nosos saíron como os principais gañadores con dezasete triunfos. En nove ocasións foron os carballeses quen sumaron de tres e as cinco restantes se pecharon con empate. Un emparellamento que tamén está desnivelado en canto aos goles con cincuenta e seis a favor dos nosos e vinte e sete para os rivais. 

 En Santiago, sendo o Bergan un dos moi poucos equipos que chegaron a xogar contra os nosos nos tres campos da cidade, caendo goleado na Residencia na primeira cita e chegando a primeira vitoria visitante, sendo a primeira vez que os nosos non gañaban, en Santa Isabel. En San Lázaro, catro vitorias branquiazuis, dous carballesas e outros tantos empates. 

 Na última vez que se enfrontaron, o partido acabou sen goles no partido que supoñía a estrea de Javi Jiménez baixo paus despois da lesión de Pato Guillén. Un partido difícil, hai dous anos, no que non se puideron ver tantos por parte de ningún dos dous conxuntos. Por outra parte, este mesmo curso, en Carballo, o resultado sería moi diferente cun Compos que espertaría logo dun penalti parado por Rabanillo. A partir de aí, a mellor actuación ofensiva de Samu con tres goles, asistido en dous por Manu Barreiro, e un cuarto de Ocaña de moi bela factura. 

 Polos opostos. 

 Compos e Bergantiños levan unhas xeiras moi diferentes. Os nosos, agora ás ordes de Luisito, encadean seis xornadas sen coñecer a vitoria. Pola súa parte, os de Jorge Cuesta suman cinco vitorias consecutivas. 

 O Compos chega a esta cita despois de dous derbis na última semana. Derrota no Vao e derrota en San Lázaro contra o Fabril, no partido aprazado polo temporal. Cinco goles en contra. Cero goles a favor. Case os mesmos tiros sobre a portería contraria dun equipo que non volveu amosar a intensidade do partido fronte ao Avilés caendo ao inferno do descenso coa mente desfeita. 

 No lado contrario chega un Bergantiños que aínda pode pelexar por entrar na promoción de ascenso. Nas Eiroas, contra o Valladolid Promesas, puideron ver o final da súa xeira de vitorias despois de chegar aos vinte minutos con dous goles de diferenza. Non obstante, no segundo tempo recortaría diferenzas Alex Pachón chegando ao final do xogo con vida. A cinco minutos para o final do tempo regulamentario empataría Kensly Vázquez e xa no engadido repetiría Alex Pachón sumando de tres unha semana máis. 

 Tres baixas importantes. 

 Para este novo derbi, Luisito mantén a ausencia de Pablo Crespo, aínda lesionado. Tampouco poderá contar con Álvaro Casas nin Santi De Prado por sanción. Por outro lado, si poderá volver ao equipo Ocaña despois da súa sanción o mércores. 

 Todos co equipo. 

 Este domingo, máis que nunca, o equipo precisa que a afección apoie con todo no camiño aos tres puntos. Unha cita que comeza o domingo ás 17 horas, para a que se mantén a promoción de entradas de balde para abonados, e que se poderá ver na segunda canle da TVG así como seguir nas contas de X da Curva Branquiazul e do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario