Gañar, gañar ou gañar

 Non queda outra que gañar este domingo. Un derbi vital, primeiro dunha semana con tres importantes, para un Compos que non pode volver perdoar como fixo nas dúas semanas anteriores. A tempada chega ao seu treito final e tanto os nosos como o Coruxo se xogan a vida con dous puntos de diferenza entre ambos os dous e cos vigueses ocupando un posto polo que se pelexan, a día de hoxe, ata cinco equipos. 

 Tempada difícil. 

 O Coruxo asinou un ascenso histórico á Segunda división B hai xa quince anos. Quince tempadas nas que o equipo verde foi quen de salvar a tempada sen grandes problemas, tendo que pelexar na fase de permanencia da estraña tempada 20/21. Un ano despois, xogarían a fase de ascenso á Primeira Federación asinando a súa mellor clasificación. Hoxe, a sorte non está de novo do lado vigués rondando os postos baixos da clasificación e loitando por non descender nunha clasificación moi igualada. 

 A estas horas, o Coruxo ocupa ese posto tan buscado por Guijuelo, Compos, Llanera e Escobedo. Unha praza con tres puntos de diferenza entre vigueses e salmantinos, os peor clasificados da lista, e que se pode axustar máis no caso de que non sexan quen de sumar de tres este domingo nun partido onde estrearán adestrador despois da saída de David De Dios esta mesma semana. Ata o de agora, co adestrador vigués, conseguiron trinta puntos con seis oito vitorias, seis empates e doce derrotas. Equipo que anotou vinte e cinco goles e encaixou só tres máis sendo un dos equipos da zona baixa que mellores rexistros ten en defensa. 

 Como locais, no Vao, superaron a Bergantiños, Langreo, Escobedo e Llanera encaixando gol só no derbi contra os carballeses. Gimnástica, Valladolid Promesas, Avilés e Laredo conseguiron sacar un empate sendo os pucelanos os únicos que non encaixaron. Por outra parte, Numancia, Salamanca, Pontevedra, Guijuelo e Ávila sacaron os tres puntos cos tres últimos gañando por 0-1. 

 Van máis de 30 anos. 

 Compos e Coruxo son xa vellos coñecidos. Tal é así que son xa trinta e dous enfrontamentos entre liga e Copa Federación convertíndose nun dos partidos máis repetidos ao longo da historia branquiazul. E se este emparellamento ten resultados moi positivos cando se xoga en Santiago, non é así, para os intereses compostelanistas, en Vigo. No Vao, igualdade máxima, con cinco vitorias para cada equipo e outros tantos empates, empatando tamén en goles con dezanove por bando. 

 Dende 1990 non chega un triunfo branquiazul no Vao, chegando os cinco asinados entre os case primeiros trinta anos co primeiro partido xogado no 64 xogando sempre na Terceira. Logo da época dourada, enfrontamentos entre a Terceira, a Segunda B e a recente Segunda Federación na que suman cinco tempadas consecutivas véndose as caras. Catro visitas ata ésta na que os nosos non foron quen de marcar e se sumaron tres empates e unha vitoria para os locais pola mínima. 

 A última visita, a pasada tempada, empate sen goles nun partido igualado cos dous equipos xogándose un posto na promoción de ascenso e que rematou coa expulsión de Juampa no engadido por unha agresión sen balón. Menos acerto do que houbo no partido da primeira volta esta tempada, no que Santi De Prado marcou o gol da vitoria branquiazul. 

 Insuficiente. 

 Tanto Compos coma Coruxo non foron quen de sumar tres puntos a pasada fin de semana que faría que a zona baixa se axustara aínda máis. No caso dos nosos si conseguiron acurtar a distancia cos vigueses grazas a un empate contra o Avilés. Un gol de Manu Rivas no primeiro tempo pareceu deixar unha mostra da mellora do equipo, sumada á intensidade sobre o verde. Non obstante, o pau chegaría ao final cun gol de Javi Cueto no engadido. 

 Menos sorte tivo o Coruxo na súa visita a Valladolid. Xavi Moreno puxo por diante aos locais aos dez minutos de xogo e a partir de aí todo foi a mellor para os branquivioletas, sumando un triunfo co que achegarse ao quinto posto da clasificación. Na segunda metade, Hugo San completou o triunfo pucelano contra un rival que non tivo opcións en ningún momento. 

 Recuperamos. 

 Para esta cita, Luisito conta coas voltas ao equipo de Fausto Tienza e Fer Cano despois de ser baixas por sanción. Sen baixas confirmadas, si hai que falar da dúbida dun Ocaña que se retirou do último partido mareado e non puido facer ningún adestramento ata onte, xoves. O resto, dispoñibles. 

 Un derbi tinguido de final. 

 O primeiro derbi destes oito días comezará o domingo ás 17 horas no Vao e as entradas nas billeteiras terán un prezo de 15 euros para todos os que se queiran desprazar ao mesmo e apoiar aos nosos. Non obstante, o partido tamén se poderá ver en directo na segunda canle da TVG así como seguir nas contas de X da Curva Branquiazul e do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario