Final na casa

 Compos e Avilés miden forzas este domingo no Verónica Boquete de San Lázaro. Dous equipos chamados a pelexar polos postos altos pero cun camiño moi diferente ata o de agora. O Compos, que xa está na UCI manténdose nos postos de descenso á Terceira Federación, contra un Avilés co cuarto posto asegurado polo momento e sen aspiracións de pelexar polo ascenso directo. 

 Obxectivo case cumprido. 

 O Avilés, que o ano pasado tivo que pelexar a permanencia na Segunda Federación na promoción, está este ano cumprindo coas expectativas dun equipo chamado a estar nos postos altos da clasificación. Seguindo a estela de Pontevedra e Numancia, xa moi aventaxados, e dun Ávila convertido na revelación do campionato, teñen asegurado o seu posto de privilexio durante unha semana máis, como mínimo, grazas á diferenza sobre os seus perseguidores, superando ao sexto por cinco puntos. 

 Cuartos na táboa, suman corenta puntos, a catro dos abulenses e tres por enriba dun Fabril que conta co partido adiado en San Lázaro que se xogará en semana e media. Isto débese grazas a dez vitorias, outros tantos empates e cinco derrotas, sendo un dos equipos que menos cae e que máis reparte o pastel co rival. Isto chega grazas a trinta e catro goles a favor, sendo un dos equipos con máis acerto do grupo, e vinte e sete en contra. 

 Fortes na casa, sendo un dos mellores locais do grupo, pero incapaces de asinar bos números a domicilio. Tal é así que só conseguiron gañar en dúas ocasións lonxe do Román Suárez Puerta, en Torrelavega e Langreo sendo esta última no mes de novembro. Por contra, só sumaron tres derrotas, en Carballo, Valladolid e Guijuelo encaixando catro goles en cada una das dúas primeiras citas. Completan as súas saídas con sete empates, todos con goles agás en Salamanca e Ávila hai dúas semanas. 

 Corenta anos. 

 Hai xa máis de corenta anos que o Avilés foi quen de gañar en Santiago por última vez en partido de liga. No ano 1983 conseguía o segundo triunfo na capital galega o cadro asturiano, chegando a primeira nun partido de Copa no 1971. Menos, doce para ser exactos, pasaron dende a última vez que conseguiron puntuar, cun empate en San Lázaro. Polo medio, unha vitoria fronte ao filial compostelanista na Copa Federación. A maiores, hai que sumar nove vitorias locais e outros tres empates. 

 Por cuarto ano consecutivo, Compos e Avilés terán que verse as caras na Segunda Federación en San Lázaro. Nas tres anteriores, tres vitorias para os locais cun bo resultado na última cita, hai algo menos de un ano. Naquel partido, Pep Caballé, David Grande e Samu sumaron os tres últimos puntos da tempada, perdendo unha semana despois en terras cántabras, mentres que Davo faría o que era o 2-1 temporal. 

 Menos acerto, pero igualmente espectáculo, houbo no Román Suárez Puerta, na primeira volta. Partido sen goles entre compostelanistas e avilesinos cos dous porteiros amosándose como as estrelas do mesmo evitando o que puido ser unha vitoria para calquera dos dous conxuntos, que se deixaron todo sobre o verde. 

 Non houbo boa estrea. 

 Catro días tivo Luisito para preparar a visita da pasada fin de semana a Guijuelo e o equipo de pareceu deixar unha mellor imaxe do que estaba a ser no pasado. Non obstante, os problemas nas dúas áreas seguen malia o cambio de adestrador e, despois de perdoar numerosas ocasións importantes, sería o Guijuelo quen se levaría os tres puntos grazas a un único gol nun partido onde os nosos mereceron máis. 

 Tamén foi quen de sumar de tres o Avilés, neste caso como locais, na visita do Valladolid Promesas ao Román Suárez Puerta. Un equipo que buscou o gol dende o principio, que o tivo nun disparo de Javi Cueto que se foi ao pau e que o asinou no treito final do primeiro tempo nas botas do propio Javi Cueto. No segundo tempo, a seis minutos para o final, sería Natalio o encargado de pechar o triunfo. Un Natalio que marcou un gol ao Compos en cada un dos tres anos anteriores. 

 Mal parados da derrota. 

 A derrota en Guijuelo non só deixa ao equipo tocado na clasificación senón que, ademais, hai que falar dun aumento de baixas para esta nova cita. Á xa coñecida de Fausto Tienza, que volverá para o derbi no Vao, hai que sumar a ausencia por acumulación de amoestacións de Fer Cano. A maiores, Santi De Prado e Pablo Crespo son baixa confirmada e tanto Roque como Manu Barreiro chegan entre algodóns despois de non poder adestrar con normalidade durante a semana. 

 Con acompañante. 

 Para esta nova cita, o Compos conta cunha promoción para abonados. Cada un pode retirar unha invitación ata o domingo de xeito online para algún acompañante estando as entradas para público xeral ao prezo habitual nas billeteiras do estadio. Un partido que comezará ás 17 horas no Vero Boquete de San Lázaro e que tamén se poderá ver na segunda canle da TVG así como seguir nas contas de X da Curva Branquiazul e do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario