Adestrador novo...

 Despois do duro pau recibido a pasada fin de semana contra o Rayo Cantabria, coa consecuente marcha de Antón Permuy do cargo, comeza o treito vital da tempada e faino cun novo capitán do barco branquiazul, que tentará evitar a deriva dun equipo feito para máis. Luisito, acostumado a situacións semellantes á que pasa o equipo santiagués, volve á que foi a súa casa como xogador. Diante, un partido moi importante contra un Guijuelo en horas baixas que non ve a luz dende hai meses. 

 O rei do empate. 

 O Guijuelo non pasa por unha boa tempada, ocupando os postos de descenso dende a xornada 6, mais tendo agora o posto de promoción de permanencia a catro puntos, unha distancia que podería ser salvable neste treito final de campionato e máis para un equipo que non acostuma perder malia a súa posición na táboa. 

 Vinte e catro puntos suma o equipo salmantino a día de hoxe despois doutras tantas xornadas. Un equipo que só gañou catro partidos, sendo o segundo equipo con menos vitorias, e que caeu en oito, sendo un dos equipos con menos derrotas da zona media-baixa. Por outra parte, doce empates os sitúan como o equipo que máis veces se repartíu os puntos co rival. Ao anterior hai que engadirlles vinte e dous goles a favor e só vinte e nove en contra, sendo a mellor defensa dos equipos inmersos no descenso. 

 Un traballo que non vai ben ao equipo branquiverde diante da súa propia afección. Só once puntos diante da súa xente despois de gañar á Gimnástica e o Avilés. En cinco ocasións se repartiron os puntos, en dúas ocasións sen goles e nas tres restantes con un gol para cada lado. Por contra, Salamanca, Valladolid B, Pontevedra e Llanera marcharon cos tres puntos nun campo onde as diferenzas foron, durante toda a tempada, mínimas. 

 Pasaron máis de quince anos. 

 A historia que une a Compos e Guijuelo non pode ser máis positiva para os intereses do equipo santiagués, o cal suma xa dezaséis anos sen perder no Municipal Luis Ramos. En todo este tempo, tres vitorias visitantes e tres empates nun campo que non se lle dá mal aos branquiazuis caendo só no 2008. Un campo onde os resultados históricos neste enfrontamento tamén se limitan a vantaxes mínimas e os empates sempre con goles, con un por equipo para ser máis exactos. 

 Cunha desas vitorias pola mínima acababa o partido da tempada pasada grazas a un gol de Manu Barreiro nun partido moi igualado e competido. Mesmo resultado se deu no partido da primeira volta no Vero Boquete grazas a un único gol de Hugo Matos dende os once metros, sendo o único penalti anotado do curso. 

 Derrotados. 

 Compos e Guijuelo chegan a este partido coa única intención de esquecer o pasado a semana pasada, na que ningún dos dous equipos foi quen de sumar e, sequera, tampouco de facer un bo partido. Tal foi así que o encontro xogado en San Lázaro, no que se adiantaron os nosos no primeiro tempo grazas a un gol de Markitos e no que remontou o Rayo Cantabria contra dez, supuxo un cambio no banco da Esedé. 

 Mesma sorte tivo o Guijuelo na súa visita a Valladolid. O equipo salmantino non foi quen de opoñer resistencia contra o filial branquivioleta chegando ao tempo de lecer cun resultado de un gol de vantaxe para os locais. No segundo tempo, festival de goles dos pucelanos con catro goles máis. Só Izan, xa no engadido e cinco tantos por debaixo, foi quen de maquillar o resultado facendo o 5-1 definitivo. 

 ... Vitoria segura? 

 Nos últimos anos, os cambios de adestrador no Compos sucédense cada tempada. De feito, dende a saída de Rodri Veiga alá polo ano 2022 pasaron polo clube seis adestradores, sete se xa contamos cun Luisito que se estrea na súa casa despois de máis de cen partidos como xogador este mesmo domingo. 

 Seis trocos e só un comezo con bo pé. Só Míchel Alonso, que tivo unha boa chegada ao clube, foi quen de estrearse con vitoria en Torrelavega. Manel e Cardeñosa conseguiron sendos empates mentres que Permuy, Fabiano e Juan Carlos Andrés non puntuaron no seu primeiro xogo. 

 Sen Tienza. 

 A derrota da pasada fin de semana non só nos deixou o troco no corpo técnico senón que, ademais, nos deixa a baixa para dúas citas de Fausto Tienza. O centrocampista tomou o camiño dos vestiarios antes de tempo por unha acción sobre un rival co xogo parado. Non poderá estar este domingo e tampouco no encontro da vindeira fin de semana contra o Avilés en San Lázaro. Será a única baixa segura que terá Luisito mentres que Pablo Crespo, con problemas nun nocello, e Manu Barreiro serán dúbida ata última hora. 

 Haberá que pagar. 

 Football Club, de novo, será quen retransmita o partido a domicilio dun Compos que volve ao Luis Ramos coa intención de, como na primeira volta, coller folgos durante o que resta tempada. Unha estrea de Luisito como adestrador na súa casa que se poderá ver logo de pasar por caixa. O xogo comezará, este domingo, ás 17 horas e tamén se poderá seguir nas contas de X da Curva Branquiazul e do clube. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario