Despois dunha semana diferente, co humor un pouco mellorado por unha vitoria que nos saca dos postos de descenso, chega un enfrontamento na zona baixa da clasificación. Escobedo e Compos, separados por só un punto na clasificación, buscarán este domingo poñer terra de por medio con respecto aos postos dos que puideron fuxir nas últimas xornadas.
Un equipo moi en forma.
A diferenza de Ávila e Salamanca, o Escobedo non foi quen de aproveitar o ascenso para manter a boa liña e asegurarse un posto na zona tranquila, o cal podería ser histórico para un equipo que se estrea por primeira vez por enriba da Terceira división cántabra. Non obstante, unha goleada recibida contra o Rayo Cantabria na casa fixo cambiar a un equipo que dende decembro só perdeu un partido, na súa visita ao Vao. Quince puntos dos últimos vinte e un en xogo para un equipo que saíu de Vigo a oito puntos da permanencia.
A día de hoxe, con vinte e sete puntos, ocupan a undécima posición da táboa, un posto por riba do Compos. Seis vitorias e sete derrotas para un dos equipos con máis empates do grupo, cun total de nove e só superados polo Guijuelo neste aspecto. Un equipo con mérito xa que se trata do menos goleador do grupo con só dezaséis tantos a favor e que, ademais, fai boa a súa defensa con vinte e nove goles en contra.
Un visitante moi forte, que xa saíu de San Lázaro cos tres puntos, e que na súa propia casa se convirte no peor local do grupo. Só oito puntos de trinta posibles para un Escobedo que diante da súa parroquia só foi quen de gañar ao Ávila, hai dúas semanas, pola mínima. Antes, cinco empates repetindo o un a un no marcador en catro deles e quedando sen pólvora contra o Laredo nun derbi sen goles. Por outra parte, Valladolid Promesas, Pontevedra, Langreo e Rayo Cantabria foron quen de gañar facéndoo todos por máis dun gol de diferenza e sendo os pucelanos os únicos que encaixaron.
Por primeira vez na historia.
O Compos visitará o Eusebio Arce por primeira vez na historia. Un enfrontamento inédito que só ten como precedente o encontro da primeira volta. No primeiro tempo, Edu Fontán e Saza asinaron os goles visitantes encamiñando un triunfo que os de Permuy non foron quen de evitar nun segundo tempo no que só Manu Barreiro, no engadido, anotou un gol co que reducir diferenzas.
Sen contar coa Copa RFEF, a última visita branquiazul a un campo novo foi a Covadonga a tempada pasada nun partido que os nosos acabarían empatando a un gol.
Tamén hai que contar que será a terceira visita dos nosos a terras cántabras neste curso despois de caer contra Rayo Cantabria e Gimnástica de Torrelavega. Sería en Torrelavega, a tempada pasada, onde se conseguiría a última visita á comunidade.
Positivo.
A pasada fin de semana, tanto Compos coma Escobedo foron quen de sacar resultados positivos. No caso dos nosos, despois de dous meses sen sumar de tres, chegou contra o Marino de Luanco. Un partido onde se adiantaron os nosos grazas a un gol de Markitos, que se estreaba na súa nova casa. Os asturianos serían quen de dar volta ao resultado en menos de dez minutos entre o empate e o segundo mentres que Santi De Prado asinaba o empate antes do tempo de lecer. No segundo tempo, Hugo Matos sacou a maxia e asinou dous goles puidendo ser incluso máis e certificando a primeira remontada da tempada.
Menos acerto houbo en Valladolid. O Anexo de Zorrilla recibía a dous equipos da zona baixa na que nin o filial do Valladolid nin o Escobedo serían quen de inaugurar o marcador. Partido con ocasións para os dous equipos e no que o cadro visitante sufríu unha baixa na primeira media hora.
Sen baixas.
Por segunda semana consecutiva, Antón Permuy poderá contar con todos os xogadores á súa disposición. As únicas dúas ausencias xa confirmadas, agora e ata final de tempada, son as de Cinta e Diego. Por contra, terá que realizar tres descartes antes do encontro.
De novo, hai que pasar por caixa.
Unha saída máis fóra de Galiza e, de novo, toca pasar por caixa para poder ver o partido. FootballClub conta cos dereitos de retransmisión do partido que arrinca ás 12 horas o domingo no Eusebio Arce. Aínda así, se poderá seguir por X nas contas da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario