Este domingo, nova cita para un Compos obrigado a gañar. Os de Antón Permuy reciben a un Marino de Luanco que ocupa os postos altos da clasificación coa única intención de volver sumar de tres fronte ao mesmo equipo contra o que puido chegar o primeiro triunfo do curso, en Miramar. Diante, Manel Menéndez que volve á que foi a súa casa durante uns meses e que sumou dous empates nas dúas últimas visitas co Marino a San Lázaro sendo quen de gañar só en unha ocasión no feudo branquiazul e facéndoo como adestrador local.
Nun gran momento.
O Marino de Luanco, equipo chamado a pelexar pola permanencia, está a facer unha gran tempada. O equipo dirixido, de novo, por Manel Menéndez comezou o ano nun gran estado de forma e ocupan o quinto posto da clasificación, igualado a puntos con Langreo e Salamanca e só a tres do Real Avilés. Un conxunto en forma e que se fai forte, sobre todo, no seu campo.
Trinta e un puntos serven ao conxunto luanquín para situarse neses postos privilexiados. Nove triunfos, catro empates e oito derrotas para os asturianos neste comezo de segunda volta sendo un dos equipos que menos empata. Equipo que asinou vinte e cinco goles no que vai de curso e que encaixou vinte e un, tendo a quinta mellor defensa e facéndoa valer para conseguir os seus mellores resultados, asinando a metade das súas vitorias por 1-0 así como perdendo outros catro polo mesmo resultado.
Diante da súa xente convírtense nun equipo forte, caendo unicamente contra Ávila e Compos. Non obstante, a domicilio a sorte non é a mesma. Conseguiron o premio grande en Pontevedra, Torrelavega e Carballo e sacaron un punto en Valladolid e Salamanca, sendo este último o único partido que desputaron onde non houbo goles. Por contra, derrotados pola mínima en Langreo, Soria, Áviles e Ávila e caendo por dous goles de diferenza en Astillero e Laredo, sendo capaces de anotar os visitantes nos dous casos tamén.
Enfrontamento habitual.
Nos últimos anos, entre Segunda B e Segunda Federación, convertíronse en habituais os enfrontamentos entre santiagueses e luanquíns. Enfrontamento, ademais, moi igualado no global con seis vitorias branquiazuis, catro vitorias para os asturianos e cinco empates en quince enfrontamentos.
En San Lázaro, sete precedentes. Tres triunfos para os locais, dous empates e dúas vitorias visitantes. Partidos que, polo xeral, nos deixan moita igualdade, tal como o demostran os dous empates cos que remataron dous dos tres últimos partidos, sendo vitoria visitante a restante. Con isto, hai que destacar que a última vitoria branquiazul chegou hai xa dez anos.
A última vez que o Marino chegou a Santiago, con Míchel Alonso xa como adestrador local e Manel Menéndez aconsellando aos asturianos despois da súa mala saída do clube santiagués, rematou en vitoria visitante por cero goles a dous. Un dobrete de David Grande que días despois cambiaría un equipo polo outro para intentar pelexar pola fase de ascenso ata o final.
Mellor para os intereses dos nosos foi o partido da primeira volta. Despois de catro malos partidos, os de Permuy conseguiron un pouco de respiro grazas aos goles de Manu Rivas e Landeira a pase de Fer Cano e Cinta respectivamente.
Vitorias locais.
A pasada fin de semana só un visitante foi quen de conquistar un campo rival. Non foi o caso do Compos en Langreo, facendo unha moi boa primeira parte e culminándoa co gol de Santi De Prado. Non obstante, e como xa vén sendo habitual, o equipo non é quen de manter os resultados positivos chegando o empate en cuestión de dous minutos. Na segunda metade, xa cos nosos sen ideas sobre o verde do Nuevo Ganzábal, chegou o segundo tanto local, cando só quedaban cinco minutos para o final do tempo regulamentario.
Máis acerto tivo o Marino de Luanco na casa contra o Valladolid Promesas. Catro goles a cero para os de Manel conseguindo a súa maior vitoria dende 2021 nunha cita na que se chegou ao tempo de lecer xa con todo decidido. Diego Díaz abríu a lata mentres que Isma Cerro e Morcillo anotaron dous goles seguidos. Adolfo, xa no engadido, pechou a goleada contra un rival que non foi quen de repoñerse.
Dúas posibles estreas.
O final do mercado non nos deixou ningunha sorpresa de última hora en 'casa Compos'. Si o día seguinte, anunciándose a chegada de Carlos Pérez, quen acompaña a Fausto Tienza e Markitos, que xa xogou a pasada fin de semana, como reforzos de inverno. Por contra, hai que engadir a baixa polo que queda de tempada de Diego, que terá que pasar por quirófano, e acompaña así a Carlos Cinta, sendo xa baixas confirmadas.
Sen cartóns na pasada fin de semana, seguimos contando co mesmo número de apercibidos e sen baixas por sanción.
Volvemos á casa.
Despois de só xogar contra o Numancia no que levamos de ano, volvemos a San Lázaro un mes despois. Un partido no que se volverá ao horario habitual arrincando o domingo ás 17 horas e que contará coa novidade de que todo aquel que se achegue con alimentos non perecedeiros poderá entrar de balde no campo para asistir ao encontro.
Por contra, para quen non poida asistir, poderá verse na segunda canle da TVG así como seguir nas contas de X da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario