Este domingo volve o Compos despois dun descanso obrigado por mor do temporal que non permitíu o derbi fronte ao Fabril en San Lázaro. Faino coa primeira saída fóra de Galiza deste curso para visitar un campo que se resistíu ao longo dos anos. Diante, un Langreo que, se ben ocupa unha praza na zona media da clasificación, ten a só tres puntos a promoción de ascenso á Primeira Federación.
Tranquilidade.
Como cada ano, o obxectivo do Langreo pasa por manter a categoría á que chegaron hai sete anos, incluíndo neste caso a antiga Segunda B á que conseguirían volver no 2018. Equipo que este ano está a cumprir cos obxectivos despois dunha boa primeira volta, non así o comezo da segunda con catro dos últimos nove puntos en xogo.
Ocupan, arestora, a oitava posición da táboa superando por un punto a un Fabril que conta cun partido menos. Por diante, tres puntos os separan dunha fase de ascenso que podería ser histórica, despois de pelexar noutra na antiga Segunda B alá polo ano 1994 sendo incapaces de acadar o ascenso á Segunda división. Isto é grazas a sete vitorias, outros tanto empates e con seis derrotas en contra. Só dezanove goles a favor sinalan que é un equipo que aproveita ben cada acerto mentres que encaixaron un total de vinte e un tantos.
Trátase dun dos mellores visitantes do grupo perdendo só un encontro fóra de Ganzábal. Non obstante, se sitúan como un dos peores locais do grupo con só dez puntos asinados en nove encontros. Diante da súa xente conseguiron a vitoria fronte a Gimnástica, o Marino e o Salamanca sendo o Valladolid Promesas o único capaz de saír cun empate sen goles. Por contra, Pontevedra, Rayo Cantabria, Avilés, Bergantiños e Ávila marcharon cos tres puntos en cinco partidos onde os locais só foron quen de anotar un gol co que recurtar distancia fronte a un Bergan que golearía.
Campo difícil.
Se ben é certo que esta tempada está a ser un campo do que saen moitos puntos, Ganzábal sempre foi un terreo case imposible para un Compos que visitou Langreo en doce ocasións. Desas visitas, só unha acabou en triunfo. Hai dúas tempadas chegaría un fito histórico grazas a dous goles de Mario Rodríguez e un terceiro nas botas de Jaime Santos. A maiores, só tres empates para os nosos e oito vitorias locais.
Con vitoria local rematou a última visita dos nosos, a tempada pasada, grazas a un gol de Keko Hevia a falta de oito minutos para o final do tempo regulamentario. Un encontro onde houbo que lamentar a lesión de Álvaro Casas ademais da derrota. Mesmo final, pero con dous goles de vantaxe, tivo o partido da primeira volta deste mesmo curso, en San Lázaro, onde os asturianos conseguiron facerse cos tres puntos grazas aos goles de Vander e Pablo Álvarez. Unha cita na que o Compos chegou máis pero o Langreo atinou máis de cara á porta contraria.
Sen goles.
A pasada fin de semana, o Compos non puido desputar o seu partido por mor do temporal. Derbi, contra o Fabril, que aínda non coñece nova data como si é o caso do, tamén adiado, encontro entre os dous primeiros clasificados. Si tivo a sorte de desputar o seu partido o Langreo, visitando ao filial do Real Valladolid no Anexo de Zorrilla nunha cita que se pechou sen goles por parte de ningún dos dous equipos sumando xa máis de cen minutos sen marcar o equipo que esta fin de semana recibe aos de Permuy na que será a primeira saída fóra de Galiza do ano.
Minutos para Markitos.
Esta fin de semana teremos xa a estrea desexada da, de momento, única fichaxe do Compos neste mercado de inverno. Markitos podería ter minutos se así o ve convinte Permuy en Ganzábal sendo a principal novidade nun equipo onde Cinta segue a ser a única baixa.
No capítulo de sancións, Álvaro Casas, Selasi e Fer Cano chegan apercibidos con catro cartóns, polo que se perderían o encontro fronte ao Marino de Luanco a vindeira fin de semana.
Domingo de PPV.
Saímos de Galiza e, unha vez máis, toca pagar. Para este partido que comezará o domingo ás 17 horas no Nuevo Ganzábal, haberá entradas para público xeral por 18 euros. Por contra, tamén se poderá ver o partido dende a casa, por FootballClub, previo paso por caixa. Por contra, tamén se poderá seguir nas contas de X da Curva Branquiazul e do clube.

Ningún comentario:
Publicar un comentario